Bienvenido

SORPRESA DE NADAL!

viernes, 2 de diciembre de 2016

Esta semana por fin descubrimos a sorpresa de Nadal, incorporando unha nova rutina á asemblea matinal: a rutina do “Calendario de Adviento”.
Tras todas as pistas destes días, HÉCTOR, descubriu que a sorpresa de Nadal agochaba, nada máis e nada menos que... un “Calendario de Adviento”!
Así pois, cada mañá, o súper-encargado/a -con gorro de Papá Noel incorporado-, logo de marcar no calendario do panel das rutinas a data diaria, amodiño abre a ventá do día no que nos atopamos para comprobar que debuxo se agocha na chocolatina... mmm, delicious!...
Asemade, e para contaxiarnos se cabe aínda máis deste espírito de Nadal que impregna todos os recunchos da nosa cidade, haberá outro gorro de Papá Noel para aquel axudante que colaborará no desenvolvemento normal desta nova actividade cotiá que tanta expectación levantou durante estes días.
O xoves PAULA foi a súper-encargada en estrear esta rutina... que emoción tamén para JAVIER!


E hoxe venres, foi a quenda de ANTÍA e a súa axudanta LAURA... 


A introdución desta rutina, proporciona un cúmulo de experiencias, pois ademais de realizar actividades relacionadas coa lóxica-matemática tales como contar, iniciación á suma e á resta, identificación e trazado de números… propicia multitude de conversas sobre estas datas. Evidentemente a carta a Papá Noel e ás SS.MM. os Reis Magos de Oriente son do máis recorrentes...


No “Calendario de Adviento”, aparece unha ilustración de Papá Noel decorando unha inmensa árbore de Nadal. Como non podía ser doutro xeito, Papá Noel ten como axudantes aos seus compañeiros fieis: os elfos e renos.


Sabiades como se chama o reno que sempre sempre vai de primeiro?...
Chámase Rodolfo. Rodolfo é un reno diferente, especial, é o único reno que ten o nariz de cor vermella e sempre vai diante dos outros renos para que Papá Noel non se perda polo ceo e os agasallos lles cheguen a todos os nenos e nenas que lle escribiron a súa carta.
O espazo de MUNELA quedou fantástico... e o detalle do christmas... xenial!


Outro pequeno-gran acontecemento foi a sorpresa que tiña preparada PABLO para ese mesmo día da que unicamente nos adiantou que tiña forma de “lamparita” e coa que celebraríamos a chegada do Nadal... nada menos!...



Desta vez tivémolo complicado para adiviñar en que consistía, tratábase dun delicioso, esponxoso e orixinal biscoito de Nadal... un panettone do que non deixamos nin as migallas!...



Sen lugar a dúbidas, a incorporación destas actividades supón o comezo dunhas semanas cargadas de sorpresas e de ilusións compartidas: rematamos o noso primeiro trimestre de 4 anos -momento no que levaremos os traballos de MUNELA para ensinar ás nosas familias-, celebraremos os derradeiros aniversarios do trimestre -CARLOTA, LAURA e ANTÓN..., xa vos queda menos!-, a chegada de Papá Noel e das SS.MM. os Reis Magos de Oriente,... e un senfín de cousas máis coas que xa comezamos a SOÑAR neste Nadal que entre todos intentaremos que sexa diferente... apuntádesvos?... 
Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

MISIÓN CUMPRIDA!

viernes, 25 de noviembre de 2016

Embarcados nunha misión espacial, estas semanas descubrimos e identificamos algúns elementos representativos do Sistema Solar, así que… cinturóns abrochados que a viaxe comeza... “hasta el infinito y más allá”!...
Como sabedes, comezamos cada xornada coa asemblea matinal, un tempo adicado á expresión oral, reflexión, organización e secuencia das actividades propias de cada día no que a elección do súper-encargado é un dos momentos clave.
Entre as tarefas que realiza o súper-encargado, ademais da fichaxe de ausencias e presenzas e das actividades de lecto-escritura e de pensamento e razoamento lóxico-matemático, está a rutina de PIPO, o coello espacial.
Chegado este momento, introducímonos na observación e identificación dalgúns fenómenos atmosféricos e meteorolóxicos que se suceden no día a día, constatando en cada caso co seu pictograma correspondente -de sol, sol con nubes, nubes negras e choiva-, o tempo cotiá.


Estes días, a partir desta actividade, e convertidos nuns auténticos astronautas, descubrimos planetas tales como: XÚPITER e VENUS, compostos fundamentalmente de gases e rochas volcánicas, respectivamente.















Tamén coñecemos un dos nosos planetas favoritos: SATURNO, cuxa forma esférica rodeada de aneis de cores nos resulta tan espectacular.


E como non, a TERRA, que resultou o máis doado de recoñecer ao tratarse do planeta no que vivimos.


Nesta viaxe espacial tamén descubrimos as constelacións, agrupacións de estrelas que se atopan no Universo como por exemplo a de O CENTAURO -con forma de animal mitolóxico metade home, metade cabalo-, ou a OSA MAIOR, -con forma de carro sen rodas-.















Vimos cometas como o HALE-BOOP con forma de lume da que sobresaen varias colas... fascinante!


Para esta viaxe espacial, non puidemos atopar o mellor pasaporte: os “Bits de Inteligencia”... como?... non oistedes falar aínda deles?...
Os “Bits de Inteligencia”, resultan de gran utilidade para estimular o cerebro, a aprendizaxe e a memoria, axudando a adquirir novos coñecementos, a desenvolver e ampliar a linguaxe, o hábito e a capacidade de atención, a memoria visual e auditiva, a fomentar a curiosidade e o interese...
Foi tal a expectación que levantou o uso deste material didáctico, que no tempo adicado ao debuxo libre e/ou guiado, plasmamos en diferentes días auténticas producións espaciais.


Ollamos no Encerado Dixital Interactivo (EDI) cores, formas, tamaños e proporcións dos ALIENÍGENAS. Caras verdes, antenas, ollos e brazos sen control... ata alienígenas-chica con vestido, lazo... case nada!


Achegámonos á figura do primeiro home en pisar a lúa, o estadounidense NEIL ARMSTRONG, sen esquecer a VALENTINA TERESHKOVA, primeira muller en viaxar ao espazo exterior... e mesmo a LAIKA, o primeiro animal en orbitar a Terra... que interesante! Debuxamos cohetes, naves espaciais e ata platillos voantes...


Nestes días, formulamos e verificamos hipóteses, xogamos a pensar, miramos no EDI elementos vencellados... HÉCTOR ata modelou con plastilina un cohete!


Ah! E o chándal de LOIS... ideal como lanzadeira de ideas previas!




Agora xa, na vindeira semana, comezaremos a vivir un dos momentos máis especiais do ano: o Nadal. Xuntos no noso blogue, comprobaremos como os Reis Magos existen!... existen no corazón de cada un dos que cren neles!...


Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

"LOS INCREÍBLES MUN"

viernes, 18 de noviembre de 2016

O prometido é débeda!... e tras a conta atrás no calendario das rutinas como todo un gran acontecemento, esta semana incorporamos unha nova rutina á nosa parrilla de clase... a visita semanal da mascota!
“Los increíbles MUN” son uns monstros pequenos, peludos, con moitos dentes e de moitas cores. Todos son diferentes, pero xuntos forman unha gran familia: MUNA, MUNELA e MUNÍBAL.


Como xa vos anunciaramos, a mascota de 4 anos chámase MUNELA. MUNELA é alegre, divertida e moi curiosa, sempre atenta para descubrir os segredos e misterios que se ocultan ao seu redor.


Na historia motivadora da primeira unidade didáctica: “La cama nueva de Munela”, coñecemos elementos tan disparatados como que para pensar en cousas serias, MUNELA cólgase cabeza abaixo dunhas barras, ou mesmo que non lle gusta a auga e que cando lle toca ducha, PABLO e BERTA perséguena coa mangueira ata que non se enxabona por todos lados... que locura!


Durante o curso, MUNELA atoparase situada nun lugar privilexiado da aula e converterase nun excepcional eixo motivador que nos presentará, a través das súas historias, cada centro de interese: a casa e a familia, a alimentación, a rúa e as tendas, os animais e plantas, os medios de transporte e profesións, as paisaxes e a auga... canto traballo!
Do mesmo xeito, MUNELA, converterase nun nexo de unión coas nosas familias grazas á posibilidade da visita deste monstro ás nosas casas e vivir o noso día a día... que emocionante!
Durante estas semanas, MUNELA unicamente baixa da súa casa para presidir, xunto ao súper-encargado, as asembleas matinais: en primeira fila, atenta a todo e co seu ollo aberto sen perder detalle.


Ademais, esta semana MUNELA tivo un papel si cabe máis protagonista que nunca, pois converteuse na compañeira indispensable coa que compartimos diferentes momentos da xornada: o momento do conto, do xogo libre e/ou dirixido nos rincóns, o momento do tempo de lecer...


Agora xa, nos vindeiros días, compartiremos con MUNELA diferentes momentos da nosa vida cotiá: no parque, no supermercado, na casa coas nosas familias... Siii, tamén poderemos levar a MUNELA ao Burguer King e ao MacDonald´s... Agora ben, unha visita case case obrigada será á Muralla de Lugo declarada Patrimonio da Humanidade... será un recordo incrible!
No superlibro, recreamos diferentes elementos que servirán de fío condutor das obras de arte que de seguro chegarán cada semana.



Para iso lembrade familias!!... a visita será semanal (de xoves a xoves) e deberemos de contar o realizado con MUNELA durante a semana que estivo de visita nas nosas cosas. Non se trata de que fagades vos o traballo, nooon, senón de guiarnos no desenvolvemento da tarefa, do mesmo xeito que na escola, no superlibro de MUNELA... non todo vale!


Gomets, témpera, rotuladores, ceras, purpurina... imaxinación ao poder!... ánimo!... quedará un periplo por LUGO do máis creativo!...


Este xoves, máis expectantes que nunca, comezamos dende a asemblea matinal, -incluso na posta e abotoado do mandilón-, formulando hipóteses sobre quen sería o afortunado en levar a MUNELA. Este enigma presente ao longo de toda a xornada, resolveríase na última sesión.
Así pois, sen decatarse, ANTÓN, pola súa condición de súper-encargado, converteuse no primeiro anfitrión de MUNELA... non o podía crer!
ANTÓN, logo duns días convalecente, incorporouse á escola o día idóneo, por riba de converterse no súper-encargado seguindo o listado alfabético do panel das rutinas, sería o primeiro en disfrutar de MUNELA.
Xa o venres, ANTÓN contounos na asemblea que esta fin de semana, MUNELA coñecerá outro bonito lugar da nosa provincia, ANTÓN levará a MUNELA onda a súa avoa de Galdo en Viveiro... que afortunada MUNELA!



E para non botar a MUNELA de menos, que mellor que recreala de diferentes formas, tamaños e cores para decorar o corcho... cada unha no seu estilo... xeniais!




Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!