“La superbici de Munela es alucinante...”; deste
xeito comezaba a historia coa que ilusionados despedimos a MUNELA.
“A viaxe de Munela”, serviunos como
fío condutor para pechar as actividades desenvoltas ao longo deste curso
coñecendo, identificando e valorando elementos representativos dos bosques.
Axiña descubrimos
que os bosques son lugares especiais para gozar do tempo libre, para descansar
e mesmo para perderse coma MUNELA.
Así pois, nos
bosques hai plantas, cogomelos, flores, animais...
Algunhas ÁRBORES perden as follas en outono, mentres que outras as manteñen todo o ano.
Nos bosques viven
moitos ANIMAIS diferentes: caracois, paporrubios, osos, cabalos do demo -libélulas-,
lagartos, escaravellos, coellos, esquíos, xabaríns... que buscan RECUNCHOS para
ter as súas crías e vivir tranquilos: niños, colmeas, tobos, formigueiros,
toupeiras... Así e todo, moitos animais do bosque so poden verse de noite coma
os mouchos, vagalumes e morcegos.
Tamén aprendemos
algúns dos PRODUTOS que nos da o bosque. Froitos coma os amorodos, framboesas e
grosellas, tamén madeira para fabricar mobles, portas, caixas..., cortiza,
cogomelos de diversos tipos...
E claro, para que
todo esté en perfectas condicións, precisamos das PERSOAS que coidan o bosque.
Neste senso, centrámonos nas figuras do bombeiro e axente forestal, facendo
fincapé en que nós mesmos podemos e debemos axudar a coidar os bosques.
Como podedes
imaxinar, estas aprendizaxes quedaron refletidas nuns debuxos realizados cada
vez con máis esmero e adicación aos que non lles falta detalle: árbores e
plantacións variadas, toupeiras e madrigueiras, mesmo hai quen se atreveu a
debuxar un tractor e unha desbrozadora... case nada!
Por outra banda,
e como complemento a este centro de interese, estas semanas pechamos a
actividade da horta escolar que desenvolvemos dende o 2º trimestre. Nesta
ocasión, organizados en 2 grupos, adicamos varias xornadas a revisar a
plantación e coidar que todo estivese a punto para a recollida da colleita que,
se o tempo o permite, levaremos a cabo o 19 de xuño.
Ao tempo, nestes
días nos que o traballo que restaba está practicamente rematado, aproveitamos
para colorear o libro do horto co que lembramos algunhas das especies vexetais
que fomos plantando en cada sesión: cebolas, leitugas, repolos...
E para rematar
esta semana, que mellor que revisar, clasificar e arquivar parte das
actividades impresas que dende principio de curso fomos elaborando sen
decatarnos de todo o que traballamos. Moitos non nos acordabamos dalgunhas
actividades emblemáticas que causaron expectación como o Halloween-Samaín ou o
Nadal... canta purpurina concentrada!
Agora xa, toca
ilusionarse coa chegada inminente do Arde Lvcvs MMXIX co que gozaremos dun
pasado máis vivo ca nunca... romanos e castrexos!... preparados?...
Un saúdo
e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!
0 comentarios:
Publicar un comentario