É posible que ao longo destas semanas xa oirades falar de NUBARIS. Pois
ben, esta semana mergullámonos na dimensión NUBARIS desenvolvendo as nosas
primeiras actividades impresas nos libros de súper-maiores de NUBA.
Así pois, neste curso, ademais da axuda indispensable das nosas familias e
do profe, contaremos coa colaboración de NUBA, unha pequena nubari inqueda e
curiosa, sempre atenta para descubrir os segredos e misterios que se ocultan ao
seu redor.
Da súa man, coñeceremos a vida en NUBARIS e comprobaremos que se parece
moito ao noso mundo.
NUBARIS, atópase no final do arco da vella. Trátase dun universo misterioso
que cheira a biscoito recentemente feito e a terra fresca. Un lugar no que se
sentas nalgunha das súas prazas podes contemplar o seu ceo dourado e ver como
as nubes cambian misteriosamente de forma, escoitar a música do vento movendo
as follas das árbores ou o rumor das alegres augas do río que baixan en busca
do mar.
Dentro deste contexto motivador, e servíndonos do coñecemento desta nova dimensión
chea de vida, -NUBARIS-, recreamos un arco da vella empregando ceras plásticas
de cores diversas e variadas ao que lle pegamos un adhesivo da pequena NUBA. Quedaron
tan xeniais, que estas primeiras “obras de arte” serviron para ambientar e
decorar o corcho frontal da aula que completamos cun fantástico sol de cor
amarela...
Durante o curso, NUBA atoparase situada nun lugar privilexiado da aula e en
cada unidade didáctica converterase nun excepcional eixo motivador que nos
presentará, a través das súas fascinantes historias, cada centro de interese: a
casa e a familia, a alimentación, a rúa e as tendas, os animais e plantas, os
medios de transporte e profesións, as paisaxes e a auga...
Do mesmo xeito, a pequena NUBA, convertirase nun nexo de unión coas nosas
familias no momento no que se planifique a visita desta nubari ás nosas casas e
vivir con nós o noso día a día... que interesante!
Esta semana, NUBA tivo un papel si cabe máis protagonista que nunca, pois
convertiuse na compañeira indispensable coa que compartimos diferentes momentos
da xornada: o momento da asemblea matinal e da hora do conto, o momento do xogo
libre e/ou dirixido nos rincóns, o momento do tempo de lecer... unha mágoa que
o tempo non acompañase para levala ao patio!...
Por outra banda, e como actividades previas e de motivación, coñecimos algunhas
das normas de uso básicas dos libros que se atopan clasificados por equipos de
traballo na zona de traballo obrigatorio en mesa.
Agora, sabemos que no tempo adicado ao traballo obrigatorio en mesa, deberemos
estar atentos no momento da explicación de cada actividade para logo saber o
que temos que facer. Para iso, cómpre poñer todo da nosa parte para facelo o mellor
que sabemos, e así, cando levemos os materiais para as nosas casas, as nosas
familias se poñan contentas, moooi contentas.
E é que non se trata duns libros calquera... nooon!!! Trátanse duns libros diferentes, especiais; son libros de
maiores, cun montón de actividades que nos axudarán a comprender un pouquiño
mellor o noso pequeno-gran mundo.
E para rematar, que mellor maneira que recreando a marioneta de pau da
pequena NUBA?... Con témpera de cores e pincel, recreamos a unha NUBA cuns
vestidos cheos de cor e purpurina, moooita purpurina...
Agora xa, a vindeira semana, descubriremos un dos espazos
do cole que se convertirá en alicerce dunha das rutinas que moi pronto
incorporaremos á nosa parrilla de clase: a biblioteca do cole na que
desenvolveremos a actividade do préstamo semanal; unha rutina semanal na que as
familias teredes un peso fundamental... contamos convosco!...
Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se
alimentará dos vosos comentarios!




































