Metidos
de cheo na intensa vida do cole dos maiores, e máis ou menos adaptados a este
cúmulo de novidades, estes días máis que nunca, introducímonos na aprendizaxe
das normas, hábitos e rutinas que rexerán a vida e a actividade cotiá da nosa
aula.
En Educación Infantil, a posta en práctica dunhas
rutinas, axúdanos a coñecer o contorno que nos rodea, superando os nosos medos e
temores ao descoñecido, dándonos a oportunidade de anticiparnos ao que vai
ocorrer despois e proporcionándonos a seguridade, tranquilidade e confianza
necesarias para unha correcta adaptación e estancia na escola.
Queredes saber cal é a nosa secuencia rutinaria?... Pois
velaí vai!
Comezamos a xornada escolar co momento dE entrada na aula que vivimos cada vez
de maneira máis positiva, xa que no cole dos maiores está prohibido chorar,...
seguro que axiña o conseguimos!
Quitamos as chaquetas, colgámolas no percheiro e
intentamos poñer o mandilón, prestando especial atención no correcto abotoado
dos botóns... uf, menuda odisea!...
Seguidamente, e co mandilón posto e máis ou menos abotoado,
sentámonos na alfombra na zona da asemblea.
Este espazo da aula, convírtese nunha zona na que temos
que estar cos ollos e orellas abertas e coa boca pechada, moooi pechada para dar comezo á ASEMBLEA e con ela o ritual dos bos días, o saúdo aos compañeiros e
compañeiras e ao profe e á elección do súper-encargado
que se convertirá no protagonista de cada asemblea matinal.
O súper-encargado elixirá a pegatina do mandilón do profe,
revisará no panel do cole que neno ou nena falta,
constatará o tempo atmosférico
no panel de PIPO, o coello espacial,
e iniciarase de xeito individualizado na
escrita real e contextualizada de palabras significativas.
Asemade, tamén terá encomendada a función de ser o
maquinista do tren e terá o privilexio de aprender xogando no rincón do
ordenador unha vez que incorporemos esta rutina á nosa parrilla de clase.
Ademais, nestas asembleas matinais, falaremos acerca
dalgunhas das actividades que levaremos a cabo durante a xornada ao tempo que
lembramos o realizado o día anterior, prestando especial atención a aspectos vencellados
coa lecto-escritura e a lóxica-matemática: revisamos no mandilón que letras
temos no noso nome, escribimos o nome dos nenos e nenas que faltan ou palabras
significativas do centro de interese que estemos traballando, contamos cantos
compañeiros faltan, cantos son nenos, cantas son nenas, …
Este momento, ademais de dar inicio e final á xornada
escolar, constituirá por si mesmo un elemento motivador para o desenvolvemento
da linguaxe oral, xa que aproveitamos para facer partícipe ao profe dos nosos
pequenos-grandes problemas, tentando progresivamente respectar as normas que
rexen os intercambios lingüísticos.
Logo da asemblea, desenvolvemos as actividades
de aprendizaxe, -amodiño,
sen présa e traballando como maiores-,
- ZONA DE TRABALLO EN MESA - |
para antes do recreo, reservar un
pequeno tempo para repoñer forzas co Momento da merenda.
Vedes que durante a mañá non paramos, pero aínda queda
o máis divertido, o xogo libre e/ou dirixido nos RINCÓNS.
- EQUIPO VERMELLO - |
- EQUIPO AZUL - |
- EQUIPO VERDE - |
- EQUIPO AMARELO - |
Durante o período de adaptación, participamos en
diversas actividades que serviron para descubrir e coñecer algúns dos xogos e
xoguetes cos que disfrutaremos ao longo do curso. Pois ben, a partir desta
semana, e xa distribuidos en equipos de traballo, cada día teremos asignado un
rincón: xogo simbólico, biblioteca, expresión plástica e lóxica-matemática;
espazos habilitados na aula con temáticas de xogo para todos os gustos.
Esta semana, ademais de todas estas rutinas, a nosa
actividade cotiá diversificouse dalgún xeito tras a incursión no noso horario
das actividades desenvoltas por Karina, Gemma, Belén, Divina e Carmen; as
mestras especialistas de Inglés, Música, Psicomotricidade, Relixión e
P.E.L.O.,... fantásticas!
Non paramos!... e o curso non acaba máis que de comezar.
Sen lugar a dúbidas, o noso primeiro ano no cole dos maiores pinta ben, moooi ben... E para que non esquezades ningunha destas novidades, velaí vos deixamos un curso máis ao Caracol Ramón... o caracol máis sabichón!...
Un saúdo con sabor a pulpo sanfroilanceiro e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!
1 comentarios:
Que bonito e poder velos traballando dentro da aula.
E un privilexio contar con esta fiestra aberta ó interior do colexio.
Gracias, Ricardo
Publicar un comentario