Nuns días nos que en Lugo se respira xa olor a polbo e a
cachelos, a nosa aula comezou a vestirse de festa e as conversas arredor da
inminente celebración do San Froilán 2019 son inevitables.
Así pois, desenvoltas as rutinas e tarefas cotiás propias do súper-encargado,
as asembleas matinais están resultando un chisquiño máis longas que de costume,
pois ademais de servirnos para establecer e consensuar as normas que rexerán a
vida da aula, cadaquén aproveita para contar anécdotas propias que, nestes días
xiran arredor da celebración do San Froilán.
Como podedes imaxinar, San Froilán na nosa aula é sinónimo a
barracas. Este curso nótase que somos súper-maiores e o “Gran Prix” centrou
parte das nosas conversas.
Tamén falamos das colchonetas, dos karts, do tren, do scalextric...,
e por suposto das atraccións dos maiores como “El Ratón Vacilón” e a “Casa
do Terror”... que emocionantes!
Estas e outras achegas significativas quedaron reflectidas
nuns debuxos que, máis que nunca, serviron para deixar voar a nosa imaxinación
e creatividade, recreando o noso San Froilán particular con todo detalle: luces
de festa, fogos artificiais, atraccións variadas... cantas cores!
Por outra banda, este curso, aproveitamos para achegarnos aos
Pelúdez. Pelúdez é un home de aldea que se vén vivir a Lugo durante as
festas. Onda Filomena -a súa muller-, Peludeciño -o seu fillo-, Vanessa
-a nora-, Harrisonciño -o neto- e Reborita das Arieiras -a
consogra-, Pelúdez cóntanos o que ve e atopa no San Froilán, converténdose en
todo un símbolo das nosas festas.
Así pois, coloreamos a Pelúdez e a Filomena en sendas
actividades impresas nas que ademais, repasamos conceptos básicos como
lonxe/preto e lixeiro/pesado. Abofé que Filomena celebrará un menú ben especial
con tanto produto na súa bolsa da compra... fantástico!
Agora xa, toca gozar da festa e coller folgos renovados,
axiña comezaremos un novo libro de MUNÍBAL, ao tempo que seguimos consolidando,
ampliando e reforzando conceptos básicos vencellados á lecto-escritura e á
lóxica-matemática.
Boas festas, bo San Froilán 2019!...
Un saúdo con sabor a polbo sanfroilanceiro e non
esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!
0 comentarios:
Publicar un comentario