Indubidablemente, o San Froilán convértese cada ano na
grande festa do outono galego, porén, estes días, aproveitamos para redescubrir
os cambios que trae consigo o outono no contorno próximo e na vida das persoas.
Unha vez máis, as asembleas matinais convertéronse no
aliado fantástico co que pescudar os nosos coñecementos previos, deixando en
evidencia algunhas das nosas necesidades de aprendizaxe. Todos e todas temos
claro que o elemento por excelencia característico do outono son as follas que
ademais de cor marrón poden ser de cor amarela, vermella, laranxa e mesmo
verde.
Ao tempo, identificamos outros elementos
característicos no contorno natural: animais como o esquío e o caracol,
indumentaria como as katiuskas e os chuvasqueiros, froitos secos como as
castañas e as noces…
Do mesmo xeito, xa no referido ao contorno social, a
chegada do outono serviunos para prestar atención aos cambios que se producen
tamén na vida das persoas. Agora xa, os días son máis curtos, chove a miúdo,
vai vento e frío... polo que as actividades cotiás non son as mesmas que no
verán, temos que abrigarnos coas prendas axeitadas, botar man do paraugas...,
todo isto verificámolo cando saímos ao patio; así como tamén coa lectura do
conto Mola que chova da editorial Galaxia co que descubrimos que, nos
días de choiva, tamén é posible pasalo ben.
De xeito máis formal, realizamos actividades
impresas cuxo eixo motivador foi o outono.
Coloreamos follas de outono de cor marrón, amarela,
vermella, laranxa, verde...
Tamén houbo tempo para a recreación de elementos propios
do outono, debuxańdonos coa indumentaria propia deste tempo: chuvasqueiros,
katiuskas, paraugas…
Mesmo, logo do momento da merenda, modelamos con
plastillina caracois, árbores sen follas, cogomelos… fantástico!
Por último, e para rematar estes días de outono,
cantamos, dramatizamos e mimamos a canción que o curso pasado compuxera a profe
Marta, porque… “... hoxe o outono, chega
á ANEXA”.
Un saúdo e non
esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!
0 comentarios:
Publicar un comentario