Sen lugar a
dúbidas, as modificacións que se producen coa chegada dunha nova estación non
pasan desapercibidas na nosa aula, e como non podía ser doutro xeito,
suscitaron diversas actividades que nos serviron para observar de primeira man
elementos propios da primavera.
Siii, por fin a primavera xa está aquí!, e con ela os días
serán máis longos e o sol debera quentar con máis intensidade...
Para
comezar, reunidos na zona da asemblea levamos a cabo un torbeliño de ideas no
que tiñamos que dicir obxectos, elementos, situacións... relacionadas coa
primavera: bolboreta, árbore, sol, abella, herba, paxaros, arco da vella,
caracois e... flores, moooitas flores.
Consecuentemente,
e xa que as flores convértense na proba irrefutable da chegada da primavera, comezamos
o mural que pronto decorará o corredor.
Había flores
colorín coloradas: vermellas, azuis, rosas, laranxas..., así que en primeiro
lugar, de xeito organizado, eliximos a nosa flor favorita para ter un extra de motivación... restaba traballo que
picar... paciencia...
Tamén,
como outro dos elementos máis representativos da primavera, decoramos unha
árbore: pintamos o tronco de cor marrón e para a parte máis alta -a copa-,
desenvolvemos un improvisado obradoiro de expresión plástica no que creamos a
cor verde engadindo unhas cantas pingas de témpera de cor amarela e outras
cantas pingas de cor azul, botando máis ou menos dunha ou outra segundo a
intensidade da cor desexada... abraiante!
Con estas
e outras actividades concluímos que na primavera saen as flores, as follas das
árbores son de cor verde clara, escura..., xa non vestimos tan abrigados como
no inverno...etc
Por outra banda, todas
estas aprendizaxes víronse o luns rediversificadas coa tan agardada visita á
horta escolar, logo de que en anteriores ocasións por mor do mal tempo resultase
imposible.
Neste senso, como vén sendo decote dende o 2º trimestre, esta semana
tivemos a visita da “profe da horta” que, por si quedara algunha dúbida,
concienciounos da necesidade de coidar as plantas da contorna, incidindo no
traballo transversal da Educación Ambiental.
Organizados en pequeno grupo plantamos unha cebola babie. Para iso, mentres uns sachaban co apeiro de labranza aportado
para a ocasión -o sacho-, outros fixeron cun pau un buraco na terra, para por
último, sementar a cebola e soterrala con coidado... que situación tan
fantástica!... sen decatarnos recreamos algunha das funcións propias do
granxeiro e granxeira que MUNA, PABLO e BERTA visitaron na unidade 5... xenial!
Esta actividade, serviunos para lembrar algunhas necesidades básicas das
plantas: luz, auga e terra, entre outras, concienciándonos da importancia de
coidar e conservar o medio natural; un medio natural onde apareceron varias miñocas
de terra que estupefactos aloumiñamos con coidado para non asustalas... que
momento!
Nooon!... Non pensedes que a primavera só trae consigo traballo,
é que deixamos o mellor para o final... pois ademais de todo isto, este tempo trae
a posibilidade de gozar de novo do patio... que boa
nova!... Porén, aproveitando os raios de sol de toda a semana e ataviados coas
gorras para protexernos do sol: corremos, saltamos, trepamos, rodamos..., e
suamos, canto suamos!...
Agora si
que si... BENVIDA PRIMAVERA!...
Un saúdo e
non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!
2 comentarios:
É fantástico todo o que aprenden, e ven os cambios da primavera e se decatan q os dias son mais longos... para xogar mais, durmir un pouco menos e ir un pouco cansados ó cole sobretodo os luns
Martín esta semana non cabia en sí, TERRA, VERMES, SACHO... co que lle gustan estas cousas se xa iba contento ó cole así máis todavía. Jejeje
Publicar un comentario