Tras unha
andadura chea de vivencias, experiencias, descubrimentos e aprendizaxes, hoxe xoves 21 de xuño chega
o final do curso co inicio do verán.
Así pois, para
rematar o curso como ben merece, esta semana gozamos de diferentes actividades
que mudaron de xeito considerable o desenvolvemento de cada xornada escolar...
canta cousa concentrada!
Para comezar, organizamos,
arquivamos e lembramos parte das actividades impresas desenvoltas ao longo do
curso. Neste senso, os materiais que causaron máis expectación foron as
actividades impresas que alá polo mes de outubro comezabamos a arquivar en
cadansúa gabeta. Había actividades impresas que nin lembrabamos: do San
Froilán, do Samaín-Halloween e do
outono, da Semana das Letras Galegas... canto traballamos!
Estas e outras
actividades impresas tomaron formato de caderniño cunha portada inspirada na
película de Buscando a Nemo que, días
atrás, visionamos no momento da merenda... estupendo!
Asemade, e ao
tempo que faciamos un flashback con
algúns dos momentos significativos do curso, xa o LUNS agardábanos a primeira
da sorpresas: un pícnic no patio de Educación Primaria onda o resto de nenos e
nenas de Educación Infantil. Así que, collemos mochila e gorra e organizámonos
nunha roda para gozar do tempo de sol propio destes días.
Pola súa parte, o
MARTES, no momento da asemblea anunciouse unha nova coa que non contabamos: a
saída ao Parque Rosalía de Castro que quedara suspendida por mor do tempo,
tería lugar hoxe... non o podiamos crer!
Ese día, logo das
rutinas do súper-encargado -nesta ocasión
foi a quenda de PABLO F.-, establecemos algunhas normas e regras de seguridade
que debiamos seguir na saída, prestando especial atención ao uso das papeleiras
para tirar os restos da merenda -non somos contaminadores-...
Tamén, logo da experiencia do pasarrúas do Arde Lvcvs, e para non deixar nada á
improvisación, practicamos onda a nosa parella... asi si!
Convertidos nuns
auténticos excursionistas: mochila e gorra incorporada, saímos do cole e camiñamos
amodo, agarrados da man da nosa parella, non era tempo de correr nin de culebras... xuntos descubrimos nas
costas do parque un espazo recollido e apenas coñecido... espectacular!
Non había tempo
que perder, así que logo de merendar -este día todos e todas rematamos ao
tempo-, deixamos que o noso corpo rode, trepe, caia, corra... resultou un tempo
de lecer excepcional.
Na volta, parada
obrigada no estanque dos parrulos... que pequerrechos!... que cores!... mágoa
dun anaco de pan!... hai que repetir!...
Ao tempo, xa o MÉRCORES
e como prometera a profe da horta, en pequeno grupo levamos a cabo a colleita
de todo este tempo. Estabamos ilusionados, proba disto foi que na asemblea varios
de nós lembramos este pequeno-gran acontecemento no que nas bolsas aportadas polas
nosas familias levariamos a colleita para a casa... que ilusión!
E por fin, por
fin chegou o XOVES 21 de xuño, día que tiñamos marcado no calendario do panel
das rutinas cun corazón en cor vermella... o día no que levariamos todos os
traballos elaborados durante o curso.
Hoxe foi un día diferente...
era un día de festa onde unicamente tivo cabida a asemblea matinal como
actividade dirixida. ICÍA foi a súper-encargada
de despedir o curso cunhas rutinas un chisquiño máis longas do habitual que
anticiparon parte das novidades do vindeiro curso. O resto foi tempo de xogo
libre, tempo de gozar cos xogos e xoguetes da que foi a nosa primeira aula no
cole dos maiores, a partires de setembro, un novo espazo dará cabida a todas as
experiencias que nos esperan... uf,
case preparados!
E aínda quedaba o
máis xenial... gozar coas cancións do momento a través da proxección no
Encerado Dixital Interactivo (E.D.I.) das últimas novidades do Just Dance 2018... canto rimos!...
Neste ambiente de
festa e diversión, xa máis tranquilos xusto uns minutos antes de despedirnos
ata setembro, vivimos un momento emotivo cuns convidados especiais... as nosas
familias!... GRAZAS de corazón!...
Agora xa, sen
esquecer todo o vivido, a disfrutar das tan merecidas vacacións que comezan,
aproveitando estes meses de verán para recargar as pilas para os retos e
actividades que nos agardan a partir de setembro... este cole como mola!
OS NENOS E NENAS
DE 3 ANOS A... DESÉXANVOS UNHAS FELICES VACACIÓNS DE VERÁN!
Un saúdo e
non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!
0 comentarios:
Publicar un comentario