Ilusionados,
antes de pechar o curso, reservamos uns días para traballar unha das
celebracións organizadas cada mes de xuño na nosa cidade, siii... o Arde Lvcvs xa está aquí!
Asemade,
e dada a diversificación de momentos e actividades da nosa xornada,
aproveitamos para pechar parte das actividades propias desta data: a
celebración dos aniversarios e a elaboración da portada dos traballos do curso.
Así
pois, o xoves, celebramos os aniversarios de xuño. Nesta ocasión foi a quenda
de HUGO e MARIO, de todos os xeitos, e dado que nos meses de xullo e agosto
estaremos de vacacións de verán e non hai cole, aproveitamos para homenaxear
como ben merecen a ÁLVARO e IAGO -que cumpren no mes de xullo- e a ICÍA -que terá
que agardar ao mes de agosto-.
Xa a
primeira hora da mañá, despois da asemblea matinal os homenaxeados puxeron
cadansúa coroa na que figuraba nun lugar visible o número 4. Posteriormente, no
tempo da merenda cadaquén mudou a súa foto da tarta de 3 anos para a tarta de 4
anos... que expectación!
O Arde
Lvcvs comezou a súa andadura no ano MMII ligado ao solsticio de verán cun
obxectivo primordial: rememorar a fundación da nosa cidade recreando o seu
pasado romano.
Así
pois, hai uns días, o casco histórico comezou a transformarse en Lvcvs Augusti,
destacada urbe da Gallaecia romana, para ofrecer do 15 ao 17 de xuño un
completo programa de actividades.
Neste
senso, cunha motivación extra pois quen máis e quen menos xa viviu o Arde Lvcvs
de anteriores edicións, e coa axuda do Encerado Dixital Interactivo (E.D.I.),
revivimos algúns dos actos máis emblemáticos desta celebración como o pasarrúas
a cargo das 17 asociacións de recreación histórica pola Ronda da Muralla... que
vestimentas!
Falamos
de tropas romanas, tribos castrexas, dos tambores e bandeiras..., descubrindo
como as indumentarias da cultura romana e castrexa serán o eixo principal, aprendemos
a que no Arde Lvcvs non nos “disfrazamos de...”, senón que nos vestimos,
caracterizamos... é outro nivel!
Nembargantes,
e como podedes imaxinar, o que resultou máis interesante foi o relacionado co
combate e coa loita: identificamos armas propias da época e todo aquilo que
poidades imaxinar para facer... guerra!
Sen
lugar a dúbidas, a nosa cidade converterase no esceario perfecto para revivir o
noso pasado a través dos personaxes da época como os druidas, guerreiros,
lexionarios, patricios, sacerdotisas, escravos, emperadores...
Como
colofón final a todo o traballo desenvolto, hoxe venres a nosa clase abriu o
pasarrúas organizado ata a Praza de España.
Con
e sen capa, armadura, bolso, coroa de flores... menuda tropa romana e tribo
castrexa!
Un saúdo e
non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!
0 comentarios:
Publicar un comentario