Durante
estes días participamos na campaña escolar “Aprendendo
Igualdade”, unha iniciativa do Goberno da Deputación dirixida a máis de
10.000 alumnos de Educación Infantil e Educación Primaria da provincia co
obxecto de adquirir elementos eficaces cos que aprender igualdade nas aulas.
Este
proxecto do organismo provincial está concibido para fomentar entre o alumnado
actitudes favorables á educación e á convivencia en igualdade entre nenos e
nenas, eliminando vellos estereotipos.
A partir
do conto “Vanesa non quere ser princesa”,
escrito polo xornalista e escritor lucense Xosé A. Perozo e ilustrado por Jaime
Asensi, descubrimos que as profesións non teñen sexo, que non hai traballos
diferentes para homes e mulleres.
Neste senso, convén
sinalar que durante moito tempo, a sociedade presentou aos homes cun papel
dominante e ás mulleres cun papel de sumisión alentadas a abandonar o éxito
académico e o mundo laboral.
Afortunadamente,
nas sociedades occidentais, vanse superando os estereotipos ligados ao sexo, a
pesar de que aos máis pequenos e pequenas nos custe moito desinhibirnos. Seguimos
falando de cousas de nenos e nenas, cores de nenos e nenas, actividades de nenos
e nenas,...; de aí que na nosa aula se eviten estes estereotipos e prexuízos en
xogos, actividades, cores...
Porén, con
Vanesa, ao tempo de traballar conceptos e ideas que melloran a igualdade,
aproveitamos para identificar e valorar oficios e profesións do contorno,
indicando que nos gustaría ser de maior e fomentando a idea de que a elección
dun traballo, dunha carreira e dun compromiso coa sociedade nos fai máis
libres. Indubidablemente, como era de agardar, os estereotipos propios para cada
sexo resultaron inevitables: elas mestras, perruqueiras e doutoras, eles bombeiros
e policías... tema complicado!
Asemade,
o rincón de xogo simbólico coa cocinita, carriños, babies e demais xoguetes de habituación para a vida práctica,
convértese nun dos espazos privilexiados para detectar posibles estereotipos e
para representar diferentes personaxes.
Neste rincón polo momento participamos
nenos e nenas, pois en ocasións, os nenos, -máis rixidamente tipificados que as
nenas-, co tempo amosan dificultades para desinhibirse das presións sociais
propias do contexto, ridiculizando e desaprobando a todo aquel que se desmarque
daquilo que non estiman propio do xénero ao que pertence. Polo momento... nin
rastro!
É por iso que contrarrestar
os efectos dos estereotipos sexuais constitúa un ámbito de traballo da
Educación Infantil a través do tratamento transversal da “Educación Sexual” e da “Educación
para a Igualdade de Oportunidades entre Ambos Sexos”, promovendo unha educación
non discriminatoria, evitando o sexismo nas aulas e fomentando o respecto cara
os demais con independencia do sexo... canto lle queda á sociedade que
aprender!
1 comentarios:
Unha gran lección. Parabéns
Publicar un comentario