Bienvenido

AVE ARDE LVCVS MMXVIII.

viernes, 15 de junio de 2018

Ilusionados, antes de pechar o curso, reservamos uns días para traballar unha das celebracións organizadas cada mes de xuño na nosa cidade, siii... o Arde Lvcvs xa está aquí!
Asemade, e dada a diversificación de momentos e actividades da nosa xornada, aproveitamos para pechar parte das actividades propias desta data: a celebración dos aniversarios e a elaboración da portada dos traballos do curso.
Así pois, o xoves, celebramos os aniversarios de xuño. Nesta ocasión foi a quenda de HUGO e MARIO, de todos os xeitos, e dado que nos meses de xullo e agosto estaremos de vacacións de verán e non hai cole, aproveitamos para homenaxear como ben merecen a ÁLVARO e IAGO -que cumpren no mes de xullo- e a ICÍA -que terá que agardar ao mes de agosto-.
Xa a primeira hora da mañá, despois da asemblea matinal os homenaxeados puxeron cadansúa coroa na que figuraba nun lugar visible o número 4. Posteriormente, no tempo da merenda cadaquén mudou a súa foto da tarta de 3 anos para a tarta de 4 anos... que expectación!


Do mesmo xeito, sabedores da necesidade de presentar da mellor maneira os traballos elaborados durante o curso como material complementario aos caderniños de MUNA, traballamos na elaboración da súa portada, e para comezar, estampamos a man dereita impregnada en témpera de cor laranxa nun fondo azul que recreará un fondo mariño de sobra coñecido... que será?


Agora ben, se durante estes días, incluso semanas, houbo unha conversa recurrente na nosa aula, esta foi a do Arde Lvcvs.
O Arde Lvcvs comezou a súa andadura no ano MMII ligado ao solsticio de verán cun obxectivo primordial: rememorar a fundación da nosa cidade recreando o seu pasado romano.
Así pois, hai uns días, o casco histórico comezou a transformarse en Lvcvs Augusti, destacada urbe da Gallaecia romana, para ofrecer do 15 ao 17 de xuño un completo programa de actividades.
Neste senso, cunha motivación extra pois quen máis e quen menos xa viviu o Arde Lvcvs de anteriores edicións, e coa axuda do Encerado Dixital Interactivo (E.D.I.), revivimos algúns dos actos máis emblemáticos desta celebración como o pasarrúas a cargo das 17 asociacións de recreación histórica pola Ronda da Muralla... que vestimentas!


Falamos de tropas romanas, tribos castrexas, dos tambores e bandeiras..., descubrindo como as indumentarias da cultura romana e castrexa serán o eixo principal, aprendemos a que no Arde Lvcvs non nos “disfrazamos de...”, senón que nos vestimos, caracterizamos... é outro nivel!
Nembargantes, e como podedes imaxinar, o que resultou máis interesante foi o relacionado co combate e coa loita: identificamos armas propias da época e todo aquilo que poidades imaxinar para facer... guerra!
Sen lugar a dúbidas, a nosa cidade converterase no esceario perfecto para revivir o noso pasado a través dos personaxes da época como os druidas, guerreiros, lexionarios, patricios, sacerdotisas, escravos, emperadores...
Como colofón final a todo o traballo desenvolto, hoxe venres a nosa clase abriu o pasarrúas organizado ata a Praza de España.


Con e sen capa, armadura, bolso, coroa de flores... menuda tropa romana e tribo castrexa!


Non estaba a mellor das mañás no que a tempo se refire, pero cadaquén disfrutou o momento á súa maneira... mesmo nos recibiu a alcaldesa e demais autoridades do concello!


Agora xa, esta fin de semana queda gozar do pasado de Lvcvs Avgvsti máis vivo ca nunca... que non se apague o lume!... que viva o Arde Lvcvs!...


Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

0 comentarios: