Coa
ollada posta no inminente final de curso, entre as actividades de peche
desenvoltas durante estes días, reservamos un tempo para descubrir a que será a
nosa mascota de 4 anos: MUNELA.
MUNELA é alegre,
divertida e moi curiosa, sempre atenta para descubrir os segredos e misterios
que se ocultan ao seu redor.
Na historia
motivadora da primeira unidade didáctica: “La
cama nueva de Munela”, coñecemos elementos tan disparatados como que para
pensar en cousas serias, MUNELA cólgase cabeza abaixo dunhas barras... que
locura!
Axiña coidamos
que ambas mascotas contan con cornos de cor amarela e de forma triangular... cornos
idénticos... MUNA e MUNELA son familia!
“Los increíbles MUN” son uns monstros
pequenos, peludos, con moitos dentes e de moitas cores. Todos son diferentes,
pero xuntos forman unha gran familia: MUNA, MUNELA e... MUNÍBAL?
Exacto!, MUNÍBAL
será a mascota de 5 anos o curso no que seremos os súper-maiores do mandilón; pero impacientes por este novo monstro,
PEDRO, o profe de Psicomotricidade, foi onda a clase de 5 anos e colleu
emprestado a MUNÍBAL... fantástico!
Por uns días,
MUNA, MUNELA e MUNÍBAL presiden a zona da asemblea, suscitando un senfín de
faladoiros nos que descubrimos semellanzas e diferenzas: cor de cada monstro,
obxectos propios, segmentos corporais característicos (ollos, boca e dentes,
pelo, brazos e pernas...)...
Neste senso, e para despedir a MUNA
como ben merece, escoitamos con atención a súa derradeira historia titulada: “A Muna no le gustan las depedidas” na
que MUNA nos di adeus e nos deixa en compaña de MUNELA.
MUNA,
grazas por estar presente connosco en cada centro de interese (a escola, o
corpo humano, o museo e o teatro, a rúa, oficios e profesións, a vida na
granxa...), grazas tamén por facernos coprotagonistas en cada unha das túas
historias motivadoras e por transmitirnos valores de amizade, solidariedade,
axuda..., por motivarnos en cada actividade... GRAZAS MUNA por estar sempre ao
noso carón!
Porén,
para deixar constancia do traballo desenvolto ao longo de todo o curso,
decoramos sendas actividades impresas nas que MUNA, unha vez máis, é o elemento
motivador ideal.
Comezamos
coloreando un marcapáxinas non sen antes lembrar as cores propias de MUNA:
laranxa, amarela e azul... ao xeito!
Xa
logo, redecoramos un marco de fotos no que se ve a MUNA protagonista...
estupendo!
E
para rematar... que mellor que gozar con MUNA-MUNELA-MUNÍBAL no tempo de xogo libre
nos rincóns... excelente!
Agora
xa... preparados!, comeza o sprint
final de curso e a conta atrás para vivir pequenos-grandes momentos que se
artellan para o mes de xuño: a colleita da horta escolar o luns 11 de xuño, o picnic que, se o tempo o permite,
realizaremos o venres 8 de xuño nas inmediacións do Parque Rosalía de Castro, e
o pasarrúas do venres 16 de xuño co que festexaremos a orixe romana e castrexa
da nosa cidade... o ArdeLvcvs MMXVIII xa
está aquí!...
Un saúdo e non
esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!
0 comentarios:
Publicar un comentario