Tendo en
conta a sociedade actual na que vivimos e a diversidade de familias existente, durante
estes días redescubrimos, identificamos, valoramos e respectamos distintas
unidades familiares aproveitando a celebración inminente do “Día Internacional da Familia”.
O 20 de setembro de 1993, a Asamblea Xeral das
Nacións Unidas decidiu que o 15 de maio de cada ano se celebre o “Día Internacional da Familia”, facéndose
eco da importancia que a comunidade internacional lle outorga á familia.
Sen lugar a dúbidas, a familia convértese nun elemento
importante nas nosas vidas ao constituir o primeiro grupo social ao que
pertencemos. Nela, establecemos a nosa base afectiva e cultural e adquirimos os
valores e normas vixentes no contorno socializador próximo.
Na actualidade, existe unha diversidade de estruturas
familiares, por iso, nas asembleas matinais tentamos fomentar o respecto e
valoración da propia familia. Ademais, procuramos achegarnos aos distintos
tipos de familias a partir de personaxes de debuxos animados e dos nosos contos
favoritos. Deste xeito, cadaquén axiña identificou os membros da súa familia.
Pois clarooo…
os membros da nosa unidade familiar son as persoas que viven connosco. Neste
senso, tamén engadimos outros membros tales como: madriñas e padriños, avós e
avoas, primos e primas..., incluso moitos non dubidamos en engadir aos nosos
amigos e amigas.
Ademais destas e outras actividades, confeccionamos o agasallo
para as nosas familias, desta vez non quedou material e técnica plástica sen
empregar... canto traballamos!
Para comezar amasamos un anaco de pasta para modelar
de cor branca. Estaba fría dabondo, incluso mollada e esvaradiza nas mans!...
Rápido, moi rápido, fixemos cadansúa bóla, pois unha vez seca,... xa non teriamos
nada que facer!...
Unha vez seca, por parellas fomos pintando a bóla con
pincel e témpera de cor vermella: sen présa e ao xeito. Debiamos prestar
atención, do contrario, o pau de cor verde clavado na parte superior perdería
as súas propiedades iniciais... canto tardou en secar!
Para darlle o aspecto desexado ao agasallo, co dedo
impregnado en témpera de cor negra, estampamos puntiños ao chou de xeito guiado
por toda a superficie, tamén de cor branca para os ollos... a xoaniña tomaba
forma!
E para rematar... unha pinza na parte máis alta do pau
que servirá para poñer tantas ideas como desexemos. Neste senso, e para comezar, na pinza engadimos a foto do
libro de MOLI no centro dunha flor
primaveral con purpurina, moita moita purpurina... que chula!
Ah!... e aquí non
acabou todo, pois para lembrar este día, recreamos con cartolina de cor negra e
vermella unha xoaniña que agochaba nas súas ás un fermoso mensaxe...
O mellor momento?... O venres, nas rutinas de saída,
cando por equipos recollimos entusiasmados a nosa xoaniña...que ben!
Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se
alimentará dos vosos comentarios!
2 comentarios:
Todos os membros da aula de 4 anos B tamén formades unha "FAMILIA XENIAL"
Precioso detalle.
Publicar un comentario