A piques de rematar o 3º trimestre e con este o curso de 4 anos, esta
semana farémosvos partícipes dos nosos avances sobre un ámbito de traballo que
xoga un papel indiscutible en Educación Infantil: a expresión plástica.
Os distintos materiais, elementos e técnicas que configuran
esta linguaxe, convértense en alicerces excepcionais cos que comunicar aspectos
da nosa vida cotiá grazas á riqueza de medios que emprega, á sinxeleza de
técnicas que utiliza e á variedade de soportes sobre os que traballa.
Lonxe quedan xa para moitos de nós aqueles debuxos básicos e sen detalles de cando tiñamos 3 anos, incluso do comezo de 4 anos froito da nosa inmadurez. Agora, os nosos debuxos, na maioría dos casos, inclúen elementos e detalles que moitas veces pasan desapercibidos para os adultos, desenvolvendo un exercicio de creatividade, imaxinación e fantasía.
Ben é certo que, durante o curso, realizamos múltiples actividades
relacionadas coa expresión plástica:
debuxamos sobre o centro de interese que traballamos en cada caso,... ben bonito segue o noso corcho cos debuxos da viaxe de MOLI in London!
tamén cando accedemos ao rincón do encerado, unha vez feitas letras e
números,... debuxos e máis debuxos!...
Esta semana incluso pechamos a última semana do Plan de Consumo de Froita nas Escolas recreando a nosa propia
froitería... mmm!
Ah!... e sen esquecer os debuxos libres unha vez rematado o traballo obrigatorio para os máis “lixeiros”
no traballo cotiá!
Asemade, ao longo do curso tamén traballamos o mundo da arte co uso
sistemático de distintos bits de intelixencia relacionados. Como xa vos
contaramos, este recurso ao tempo fomentou un sempre grato achegamento a este
mundo da man de autores de renome como Goya, Andy Warhol ou o mesmísimo
Leonardo Da Vinci, posiblitando a observación detida de distintas obras de arte
e a descrición dalgúns dos seus detalles.
O encontro con obras de arte de todos os tempos e de distintos autores
-algunhas delas de valor universal-, supuxo a proposta de diversas experiencias
nas que creamos e recreamos algunhas destas obras desenvolvendo a creatividade
e sensibilidade na elaboración de obras plásticas propias, respectando
progresivamente as producións alleas e desenvolvendo habilidades do pensamento
a través da arte... un exercicio do máis completo!
"A terraza de café pola noite" de Vincent Van Gogh |
"A terraza de café pola noite" de 4 ANOS B |
Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!
0 comentarios:
Publicar un comentario