Ao longo desta semana, de maneira especial, traballamos
aspectos relacionados coa Educación para a Paz. Isto non quere dicir, nin moito
menos, que este ámbito de traballo o limitemos unicamente a esta data, pois durante
distintos momentos da xornada escolar, dunha maneira ou doutra, traballamos
elementos relacionados con este ámbito de acción da Educación en Valores.
Así, por exemplo, o momento da asemblea posibilita o
traballo transversal desta temática no momento en que pouco a pouco avanzamos
na escoita atenta ao resto de compañeiros, a saber respectar a súa opinión, e,
sobre todo, levantar a man antes de falar. Tamén traballamos elementos
relacionados con esta temática cando a principio de curso consensuamos as
normas que rexerán a vida da aula ou cando descubrimos formas pacíficas e máis
aceptadas socialmente para resolver os nosos conflitos cotiáns.
Pois ben, todo isto foi traballado dun xeito máis dirixido
e intencional nesta semana na que nos mergullamos no concepto de PAZ.
Para iso, as asembleas matinais, convertíronse nun
recurso excepcional para chegar a este concepto.
Comezamos coa lectura de Negros y blancos. (Edit. Anaya), un fermoso conto que relata como
unha encarnizada guerra entre elefantes “Negros
y Blancos” non trae nada máis que morte e destrucción... non perdemos
detalle!
Posteriormente, e para organizar un pouco as nosas ideas,
-que non eran poucas-, decidimos facer un bule-bule, e previa man levantada, -esta
semana facíase algo indispensable-, relacionamos a PAZ con accións tales como: “portarse ben”, ”compartir”, “ir ao parque”,
“recoller na casa”...
Ademais, para este curso, a partir da temática do
proxecto de traballo da biblioteca: “Lendo,
lendo, lendo... o mundo percorrendo” (culturas e países do mundo),
propúxose que cada clase escribise a palabra PAZ no idioma do país adxudicado a
principio de curso.
No noso caso, os nenos e nenas de 3 ANOS, empregamos o
africano, a forma na que falan en ÁFRICA e escribimos VREDE prestando atención
ás letras que compoñen esta palabra: quen as ten no seu nome, apuntamos algunha
palabra que ten como inicio algunhas destas letras... fantástica situación de
aproximación á lecto-escritura!...
Xa logo, nunha cartulina A3, recreamos a palabra
reinterpretada por unha tribo africana do máis pintoresca: empregamos
rotuladores de cores, fluorescentes de maiores e moita-moita purpurina.
Quedou xenial onda o panel da entrada do noso pavillón.
Sen lugar a dúbida, a PAZ é un concepto do máis internacional... súper-universal!
Finalmente, xa o venres, despois da merenda, dirixímonos
ao pavillón sur para xuntarnos co resto de nenos e nenas do cole. Ataviados
coas nosas coroas da PAZ, asistimos ao acto organizado no que os nenos e nenas
máis maiores leron algunhas curiosidades sobre o Día da Paz, destacando
persoeiros tales como: GANDHI, TERESA DE CALCUTA ou mesmo a recente MALALA,... toda
unha heroína!...
E para rematar... cantamos e
bailamos a canción escollida de Antonio Flores titulada: “No dudaría” que durante estes días serviu para amenizar o momento
da merenda e mesmo o do traballo obrigatorio ou individual.
Uf!... unha semana ben
intensa que rematamos co momento do contacontos na biblioteca a cargo de
NICOLÁS e XIMENA; cada un no seu estilo, estiveron... fantásticos!...
Un saúdo e non esquezades que...
o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!
1 comentarios:
Por fin, por fin vos podemos contar como vivimos o "Día da Paz", logo dunhas semanas nas que ás TIC´s non lles deu a gana de ir.
Así pois, durante estes días non paramos, e temos cousas pendentes das que facervos partícipes como o obradoiro de cociña ou o antroido, así que seguide moi atentos ao noso blogue!...
Ah!... dedos cruzados... o venres NON pode chover!!!!...
Os contacontos para este xoves serán:
- EVA: Rapuncel. (OQO editora)
- YAIZA: Unha pantasma con asma. (Edit. Kalandraka)
Preparadas??...
Publicar un comentario