Despois dunhas merecidas vacacións voltamos ao cole e
aínda que sabemos que a máis de un lle custará coller de novo o ritmo de
traballo da aula, moitos desexabamos que as vacacións rematasen e ver a todos
os nosos amiguiños e amiguiñas.
Evidentemente, despois de tanto tempo, tiñamos mil
millóns de cousas que contar e, como non podía ser doutro xeito, a conversa
centrouse fundamentalmente nos agasallos do Nadal. Non fomos bos, non, fomos, re-que-te-bos, e Papá Noel e os Reis
Magos viñeron cargadiños de agasallos: bicicletas, bonecas, coches, patinetes e
unha lista interminable de xoguetes.
Logo desta conversa inicial, e como unha mañá máis, comezamos coas rutinas de entrada e coa asemblea matinal: novo rito para o saúdo inicial, -comezamos cunha nova canción para este momento da xornada-, elección da primeira súper-encargada do ano: MICAELA, fichaxe de ausencias e presenzas, constatación do tempo atmosférico no panel do coello espacial, actividades de aproximación á lecto-escritura e de iniciación ao razoamento lóxico-matemático...
Cada rutina deselvoveuse co ritmo habitual ata o
momento en que nos diriximos á zona de mesas para dispornos a facer unha
actividade impresa do rei Melchor.
Foi neste momento cando a profe Belén, que
como cada xoves participa activamente das nosas asembleas matinais, viu no
rincón da cocinita a NUBA onda 3 paquetes e unha misteriosa carta.
Rapidamente, todos e todas dirixímonos cara esta zona
da aula e, neste contexto, as hipóteses resultaron innecesarias... siii as SS.MM. os Reis Magos de Oriente
na súa visita polas rúas de Rianxo o día da Gran Cabalgata Real lembráronse de
pasar pola nosa clase... xenial!
Reis e Magos, pois claro que se lembraron da carta que
lles entregaramos na súa visita ao cole... acaso dubidábadelo?...
Nerviosos e moi entusiasmados, desexabamos abrir cada
agasallo para descubrir o que nos deixaran; non tiñamos nin idea do que se
podía agochar en cada paquete.
Para isto, fixemos 3 grupos para que cada un de nós
tivese a oportunidade de abrir un agasallo, e ao sinal de: “preparados, listos, xa!” un tras un
fomos abrindo cada paquete.
En primeiro lugar, o agasallo do REI MELCHOR...
-fenomenal, xusto
o complemento perfecto para disfrutar máis que nunca cos piratas!-.
Logo abrimos o agasallo do REI GASPAR...
-este agasallo si
que nos dará xogo na actividade do préstamo semanal que axiña comezaremos!-
Finalmente, abrimos o agasallo máis grande, o do REI BALTASAR...
-fantástico, agora
xa teremos a quen peitear co kit de perruquería!-
Tras coñecer o que se agochaba en cada paquete, o
profe puxo un pouco de calma coa lectura da carta que as SS.MM. os Reis Magos
de Oriente nos deixaran. Nela explicaban un montón de cousas tales como que ao
longo de todo o ano agóchanse nas nubes que se ven dende unha das fiestras da
clase, que nos temos que portar ben, traballar como maiores…
Xa o venres, levamos para o cole o noso xoguete de
Nadal preferido. Había de todo e para todos os gustos: resultou unha xornada
divertídisima!...
A experiencia resultou interesante, sobre todo porque todos e todas decatámonos que sabemos compartir sen ningún problema e as rabietas e obstinacións que poidan xordir por este motivo deixámolas para as nosas casas, dende logo no cole..., nin rastro!
Non podemos transmitirvos todas as ilusións vividas, pero
se queredes saber máis, non dubidedes en preguntarnos que vos contamos algún
outro detalle do acontecido nesta primeira semana de cole...
E para a vindeira semana, que?... comezaremos o libro 3
de NUBA que nos permitirá iniciarnos no coñecemento da rúa e das tendas a
partir da viaxe fantástica a NUBARIS e á rúa NUBESOL... preparados?...
comezamos!!!...
Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos
comentarios!
1 comentarios:
Estes nenos e nenas teñen moita sorte!! Cåntos agasallos!
Foron moitos días de nervios, de sorpresas...Cåntas ilusións!
Publicar un comentario