A partir desta semana, incorporamos unha nova rutina á
nosa parrilla de clase, a do préstamo de biblioteca, unha actividade cunha
periodicidade semanal (de venres a venres) que propiciará un sempre grato
encontro co mundo dos contos e da lectura que creará un clima que resulta tan grato
e estimulador para a aprendizaxe.
Ademais, tamén servirá para familiarizarnos coa dinámica
da biblioteca (normas, servizo de
préstamo), para ilusionarnos cun ambiente propicio á lectura no ámbito
escolar e familiar e para contaxiarnos do entusiasmo dos libros como portadores
dun mundo máxico e marabilloso. Algo que levamos traballando xa dende principio
de curso no rincón de biblioteca da nosa aula.
Ao longo de cada semana, coa axuda indispensable das nosas
familias, traballaremos o conto escollido para comprender a súa liña
argumental, xa que cada venres, nomearemos dous contacontos por rigurosa orde da
casiña do panel de rutinas, que “lerá” o conto ao resto de compañeiros e
compañeiras a través da intepretación das imaxes e ilustracións que o compoñen.
A través da narración dos contos, aprenderemos a
escoitar, a pensar, a adquirir un
primeiro código moral, a ver as cousas cos ollos
da imaxinación, estimulando a creatividade, o pensamento diverxente e o sentido
crítico.
Entre as moitiiísimas
actividades que podemos levar a cabo a partir do conto están: as
actividades de comentar que axudan a asimilar o conto e a realizar unha
trasposión dos feitos ás experiencias vividas, actividades de xogo dramático,
representando os roles dos protagonistas, tamén actividades de creación de
historias como a ensalada de fábulas ou o binomio fantástico propostas por Gianni
Rodari na súa obra Gramática de la Fantasía (1985).
Neste senso, unha das actividades que levamos a cabo na
clase a partir dos contos son as actividades de ilustración, como debuxar o noso
personaxe favorito do relato ou a escena que máis nos gustou, obtendo como
resultados uns debuxos con toneladas concentradas de fantástica fantasía...
Moi entusiasmados coa actividade do préstamo, o venres a
última hora fomos á biblioteca. Alí lembramos as normas, usos e funcións da
biblioteca.
Logo, o profe foinos presentando os contos da editorial
Kalandraka e OQO que levaremos de préstamo alomenos durante este 2º trimestre.
Así, temos contos como: A cebra Camila (Edit. Kalandraka), A casa da mosca chosca (Edit. Kalandraka), Avós (Edit. Kalandraka), Unha
historia fantástica (Edit. Kalandraka)... algúns deles xa os coñeciamos, e
outros, descubrímolos durante estes días nas asembleas matinais.
Logo, tras lembrar que cada semana os contos deberán vir
en perfecto estado, -non se poden colorear, raiar, romper...-, comezamos co
proceso de selección, un proceso que suscitou polémica, pois case todos
queriamos os mesmos contos... que curioso!
Esta situación non supuxo problema algún, xa que os
únicos que cada semana poderán elexir conto serán... os dous contacontos de
cada semana!
Temos pois para a vindeira semana como contacontos a NICOLÁS,
que escolleu o conto de A casa da mosca
chosca (Edit. Kalandraka) e a XIMENA co conto de Renato (Edit. Kalandraka)... estamos seguros que o farán fenomenal!
O resto, moi, pero que moi entusiasmados, asignado
aleatoriamente o conto co que disfrutaremos esta semana, no máis dos absolutos
silenzos, aproveitamos para unha primeira toma de contacto co conto: pasamos
follas, ollamos os debuxos, fixemos de profes ensinando as ilustracións...
E para rematar... descubrimos que na zona temática da
biblioteca había unha mostra de materiais e contos cunha temática común: a PAZ.
A PAZ será un termo ao que nos aproximaremos durante as vindeiras semanas, así que seguide moi de cerca o noso blogue... a PAZ comezará co sorriso dun neno!
Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se
alimentará dos vosos comentarios!
2 comentarios:
Os contacontos para este venres son:
- NICOLÁS: "A casa da mosca chosca". (Edit. Kalandraka)
- XIMENA: "Renato". (Edit. Kalandraka)
Paréceme unha actividade ben bonita, creativa e que dá moito xogo.
Eu mesma fixen de contacontos en numerosas ocasións e é moi divertido, e ver como os que escoitan o fan moi pero que moi atentos complace moito. E non é unha tarefa fácil, debes saber escollelo mellor conto, e saber "enganchar" ós que escoitan dende o primeiro minuto.
O outro día vin uns cursos ofertados como CONTACONTOS por 65 eurazos!! E os nosos nenos van ter oportunidade de aprender dende ben cativos a facelo e de balde.
De verdad que me encanta esta actividade, quen me dera poder formar parte do público que escoita, seguro que o fan de maravilla.
Meus parabéns pola idea.
Publicar un comentario