Sabiades que o pasado luns 24 de febreiro foi o “Día de
Rosalía”?... O 24 de febreiro está recollido oficialmente como o “Día de
Rosalía de Castro” pola Consellería de Cultura e Educación no seu Calendario do
Libro e da Lectura por ser a data do seu nacemento; de aí que a semana na que
tamén celebrabamos no cole o antroido, reservaramos un tempo para traballar a
figura de Rosalía de Castro.
Desta maneira, e do mesmo xeito que o curso pasado, a
Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), propón agasallar
neste día un libro en galego e unha flor.
Alén das actividades propias, a AELG coorganizou con
diversas institucións e colectivos sociais un completo programa de actos con
motivo da celebración pública do “Día de Rosalía”.
Así pois, no cole, cada clase elaborou cadansúa flor coa
que agasallar á súa familia.
Houbo flores de todas as cores e para todos os gustos nas
que cada clase deixou voar a súa imaxinación. Flores elaboradas a partir de
material de desfeito e refugallo, flores de plastilina, con gomets, flores con
papel crepé, de seda...
Este curso, e xa que somos os súper-maiores de mandilón, optamos por un deseño máis elaborado que
o do curso pasado empregando material de desfeito (rollo de papel hixiénico) e
materiais plásticos (témpera, airon fix,
goma eva).
O seu proceso de elaboración é sinxelo. Unha vez
recortados os rollos de papel hixiénico e unidos con pegamento polos laterais, pintamos
con témpera líquida e pincel groso cadansúa flor: flores azuis, verdes, vermellas
e, sobre todo, flores rosas. Xa secas, o profe engadiulle un pau forrado con airon fix de cor verde a modo de tallo
pechando a creación plástica cun círculo de goma eva para a parte central...
fantásticas!
Todo este traballo, viuse reforzado nas asembleas
matinais, momento que aproveitamos para profundar sobre algún dato curioso da
vida de Rosalía de Castro establecendo similitudes coa figura de Camilo José
Cela traballado, como xa vos contaramos, durante as primeiras semanas de
trimestre. Entre as similitudes destes dous persoeiros da nosa terra, foi o
lugar onde viviron algún momento das súas vidas: en Padrón, sito moi moi preto
de Rianxo. Neste senso, e como non podía ser doutro xeito, varios compañeiros e
compañeiras aproveitaron para explicar ao resto do grupo a visita en Padrón á “Casa
Museo de Rosalía de Castro”, unha casa pegada á vía de tren á que tamén vivía
pegado Camilo José Cela.
E para rematar... que mellor maneira que facelo lembrando
un dos extractos máis celebérrimos de Cantares
Gallegos: “Adiós Ríos, adiós fontes”
memorizado, recitado e mimado o curso pasado?... Uf!, sen lugar a dúbidas, a técnica máis eficaz nestes días para a
volta á calma...
1 comentarios:
Este venres fará de contacontos:
- CARLA V.: "La tarta de Kiwi". (Edit. Edelvives)
Esta semana repasaremos a lectura e escritura de todos os grafemas vistos ata agora.
Publicar un comentario