Siii, durante estas derradeiras semanas de trimestre, redescubrimos como vivían os indios de Norteamérica, uns vellos coñecidos que traballaramos cando tiñamos 3 anos.
Así pois, coa vida e costumes dos indios como eixo motivador, tratamos os animais e as plantas, coñecendo mellor algunhas das súas características, o medio en que se desenvolven, a súa forma de desprazamento, a súa reprodución e alimentación, os benefícios que nos reportan e o que dependemos deles, aprendendo a valoralos, non só pola súa utilidade, senón porque son seres vivos necesarios e útiles para o equilibrio natural.
Para comezar, e coñecedores das repercusións na estimulación do cerebro, da aprendizaxe e da memoria dos “Bits de Intelixencia”, de novo convertíronse nun recurso didáctico excepcional que propiciaron un reencontro cos indios.
Asemade, tamén revivimos con ARIS o conto da unidade; unha historia na que a nosa mascota vestida de india e cunha vincha de plumas coñece a un neno síux que debe pasar unha proba para demostrar a súa valía coma indio.
Tras estas e outras moitas actividades, aprendemos que hai moitos anos, América do Norte só estaba habitada por moitas TRIBOS de indios: apaches, cherókees, navahos, síux, cheiéns, Pés Negros, comanches... cada unha delas con xeitos de vida moi diferentes.
Algunhas destas tribos eran de agricultores e vivían en aldeas. Outras vivían da caza do bisonte e mudábanse buscando comida.
En moitas tribos, gobernaba un consello formado polos líderes de cada grupo familiar. Este consello elixía un GRAN XEFE que debía facerse cargo de que toda a súa tribo tivese alimento e estivese a salvo de perigos.
Os indios vivían en TIPIS, tendas feitas de pel de animal moi fáciles de desmontar e transportar. Se a porta do tipi estaba aberta, todo o mundo era benvido. Se estaba pechada, debías abrir cos teus dedos a porta ou chamar ao dono do tipi e agardar a que che deran permiso para entrar.
Nembargantes, os indios que vivían do cultivo da terra construían casas e formaban poboados. Algúns facían casas de madeira e outros de adobe ás que se entraba por unha escada.
A caza do BISONTE era fundamental para moitos indios porque se alimentaban da súa carne, empregaban a pel para vestir e facer as súas vivendas, e os cornos para confeccionar armas.
Posteriormente, cando tiveron cabaloS, os indios fixéronse excelentes xinetes e a caza fíxose máis doada. Máis adiante, ademais do cabalo, os indios empregaban canoas para saír a pescar ou ir dun lado ao outro.
Os indios facían unhas esculturas de madeira de moitas cores que se chaman tótems onde narraban a historia de cada familia ou tribo. Quen non se lembra do tótem recreado cando tiñamos 3 anos?... Canto medrou esta tribo india!
Uf!... todos estes coñecementos adquiridos a través da proposta de traballo desenvolta durante estas semanas, decidimos plasmalos en diferentes actividades impresas nas que non faltaron debuxos libres e sen modelo dos indios: xefes indios, tipis e vaqueiros... canta imaxinación!
Por outra banda, a proposta de traballo desta unidade de programación, encamiñouse a tratar paralelamente diferentes conceptos da vida dos seres vivos sobre os que profundaremos o vindeiro curso, xa que de momento aínda nos resultan un tanto complicados: coñecimos as funcións de nutrición, relación e reprodución dos seres vivos, diferenciamos algunhas das características existentes entre seres vivos e seres inertes, identificamos e clasificamos aos animais segundo o seu tipo de alimentación -animais herbívoros e carnívoros- e segundo o seu tipo de reprodución -animais ovíparos e vivíparos-... ao tempo que progresivamente asumimos responsabilidades para o coidado de animais e plantas.
E tras unha semana repleta de traballo, xa hoxe venres, tocou disfrutar un curso máis da visita de Álex e Patricia, dous contadores de contos da editorial Kalandraka que nos presentaron algunhas das últimas novidades desta editorial que publica ”Libros para Soñar”... Resultou unha viaxe chea de música e de palabras para a que non precisamos nin coches, nin barcos, nin avións. Tan só deixar voar a nosa imaxinación... unha experiencia fantástica!
Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!
1 comentarios:
Este venres fará de contacontos:
- DANIELA: "El gigante de Germán" (Edit. Algar)
Esta semana incorporamos a lectura e escrita en letra enlazada en pauta do grafema /C/.
Publicar un comentario