Esta semana, comezamos coas antroidadas encomendadas por
un Toribiño e por unha Toribiña dispostos nos corredores do pavillón norte e
sur que trouxeron consigo máis ganas de troula que nunca.
Como sabedes, o Toribiño e a Toribiña sons uns esqueletes
que, cada curso visitan o colexio cun cometido: día a día encárganse de
comunicar cal é a consigna establecida, en canto a indumentaria se refire, que
debemos levar o próximo día ao colexio.
Así pois, para este curso estableceron as seguintes
consignas, prestade atención...
O LUNS, se queres ver o Entroido de frente, terás que
traer calzado diferente.
O MARTES, se queres que xiren os teus pés, trae unha
prenda do revés.
O MÉRCORES disfrazados peza a peza, trae algo na cabeza.
O XOVES, despois de tantos piperetes vimos cuns
coloretes.
Desta maneira, día a día acudimos ao cole con todos estes
aderezos que fixeron que o xoves, despois de tanta volta e reviravolta,
remataramos feitos unhs auténticos antroidos de primeira... estabamos ben
simpáticos!
A actividade dos mandados do antroido, convértese nunha
actividade motivadora que nos permite observar e identificar algúns dos
elementos máis representativos desta celebración tales como os antifaces, as
carautas e, por suposto, os disfraces.
Neste senso, e ata o venres, día da semana no que
poderiamos disfrazarnos daquilo que máis nos guste, participamos en diferentes
actividades cuxo eixo motivador era o antroido. Entre elas, destacar a
recreación do antifaz de ARIS ao que lle tivemos que debuxar e pintar o pelo imitando
a serie cromática que caracteriza á nosa mascota de aula. A primeira vista,
parecía unha actividade sinxela, pero nada diso e algún de nós suou máis do que
debera por iso de querer ser, a toda costa, os primeiros en rematar... non si?...
Entusiasmados, o xoves, como preludio á festa que se tiña
organizada para o venres, levamos para as nosas casas os antifaces de ARIS...
fantástico!
E tras todas estas actividades, por fin chegou o tan ansiado venres, o día no que cada un de nós se disfrazou daquilo que lle gustaría ser dando renda solta aos nosos desexos e imaxinación.
Había disfraces de todo tipo e para todos os gustos...
sempre sensacionais cada un no seu estilo!
O día de hoxe, era un día diferente, un día de troula no
que non había espazo para tempo de traballo en mesa, hoxe de fichas... nin
falar!... unicamente reservamos un chisquiño de tempo a primeira hora da
xornada para debuxar o noso disfraz. Velaí os resultados...
- SÚPER-HEROES - |
- OFICIOS E PROFESIÓNS - |
- DEBUXOS ANIMADOS - |
- PAÍSES - |
Asemade, a rutina da merenda tamén resultou especial, e
para iso, o profe dispuxo na mesa grande todos os postres de antroido que
trouxemos: roscas, freixós, orellas... mmm,
non estaban deliciosos, nooon, estaban
para chuparse os dedos!...
Finalmente, e logo da rutina da merenda, baixamos ás
pistas dos maiores para ver os disfraces do resto de nenos e nenas do cole. E
claro, unha vez colocada cada clase no espazo destinado para tal fin, quen
faltaba?... A chuvia!!... Así que, máis rápido do que nos houbera gustado,
desfilamos ao son da música... que magoa!, pero xa na clase na Pizarra Dixital
Interactiva (PDI), seguimos disfrutando ao ritmo dos éxitos do “Just Dance 2014” ... uf!, que toneladas de enerxía
concentrada!...
Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se
alimentará dos vosos comentarios!
1 comentarios:
Este venres fará de contacontos:
- FROILÁN: "O mago Galileo". (Edit. Sotelo Blanco Edicións)
Esta semana incorporamos a lectura e escrita en letra enlazada en pauta do grafema /B/.
Publicar un comentario