O luns comezamos a semana conmemorando o “Día Internacional da Muller Traballadora”,
unha actividade que suscitou nas asembleas matinais conversas coas que aprendemos
a valorar o papel na sociedade actual que levan a cabo moitas mulleres.
Este día foi recoñecido pola "Organización de las Naciones Unidas" (ONU) e conmemórase a loita da muller pola súa
participación na sociedade e polo seu desenvolvemento íntegro como persoa.
Así pois, logo de que o profe nos explicase porque se celebraba este Día e
que era o que se pretendía conmemorar, fixemos as nosas aportacións persoais
conversando acerca do traballo cotiá que desenvolven mulleres das nosas
familias.
Había ocupacións de todo tipo, concluíndo que, afortunadamente, as mulleres
ocupan cada vez máis un lugar fundamental na sociedade, desenvolvendo tarefas
que sempre foron realizadas polos homes.
E é que, durante moito tempo, a sociedade presentou aos homes cun papel
dominante e, ás mulleres, en cambio, cun papel de sumisión alentadas a
abandonar o éxito académico e o mundo laboral extradoméstico.
Afortunadamente, nas sociedades occidentais, progresivamente vanse
superando os estereotipos ligados ao sexo, a pesar de que aos máis pequenos e
pequenas nos custe moito desinhibirnos. É por iso que contrarrestar os efectos
dos estereotipos sexuais que moitos de nós presentamos, constitúa un importante
ámbito de traballo da Educación Infantil canalizado a través da “Educación Sexual” e da “Educación para a Igualdade de Oportunidades
entre Ambos Sexos”.
Neste senso, Carmen, a profe de P.E.L.O., trouxo un dominó co que redescubrimos
moitas das profesións que cada vez máis desenvolven moitas mulleres nas súas
vidas cotiás. O complicado nesta actividade: estar atento para saber que peza
pór en cada momento e, sobre todo, agardar con calma a nosa quenda... como nos
segue custando!
Asemade, en ambos pavillóns dispuxéronse sendos paneis que aludían ao “Día
Internacional da Muller Traballadora” e aos que había que colocar palabras
vencelladas con esta conmemoración. No noso caso, tras todo o traballo
desenvolto sobre os oficios e profesións durante estes días, rapidamente
decidimos facer as nosas achegas ao panel do noso pavillón a partir destas.
Saíron, entre outras: taxista,
camioneira, electricista, bombeira, directora, alcaldesa...
Pero sen lugar a dúbidas, onde aprendemos a poñernos na pel do outro e a
ver as cousas desde outra perspectiva, empatizar cos demais e, consecuentemente,
ser máis xustos e máis solidarios foi a partir da lectura do conto dunha das
últimas novidades da editorial OQO titulado Maruxa.
MARUXA. OQO editora. |
O relato se basea, principalmente, na
rifa que inician Maruxa e o seu home, Pepiño, cando este lle pide que faga o
pan.
Maruxa, a protagonista, di que non pode
facer o pan porque lle faltan todos os ingredientes (fariña, auga, levadura e
sal). Entón, decide pedirlle a Pepiño, o seu home, que os vaia buscar, só que,
a modo de escarmento aleccionador, vaille pedindo un a un todos os recados cada
vez máis desmesurados como o de ir buscar sal ao mar.
Cando por fin Maruxa ten todos os
elementos, di, ironicamente, que está moi cansa e será a el a quen lle toque,
tamén, amasar o pan. Deste xeito, a través do enxeño e do sentido do humor,
consegue que Pepiño entenda, por experiencia propia, o inxusto da situación que
viviran ata ese momento, e comprende que, tanto o traballo como o lecer, deben
ser cousa de dous.
Este é o verdadeiro transfondo da
historia: o cambio de actitude de Pepiño respecto de Maruxa,
Como actividade final e de
consolidación, decidimos recrear o conto... quedaron unhas Maruxas e uns
Pepiños moi pero que moi traballadores... fantástico!
MARUXA E PEPIÑO COLGANDO A ROUPA |
PEPIÑO DE PICNIC |
MARUXA E PEPIÑO FAN A COMIDA |
MARUXA E PEPIÑO FACENDO A CAMA |
MARUXA E PEPIÑO TRABALLAN XUNTOS |
MARUXA E PEPIÑO DE PASEO |
Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!
2 comentarios:
Este venres fará de contacontos:
- LEO: "Magia potagia" (Edit. Edelvives)
Esta semana incorporamos a lectura e escrita en letra enlazada en pauta do grafema /V/.
Canta razón!!
Publicar un comentario