Con máis bolboretas no estómago que nunca, esta
semana, tentaremos facervos partícipes de todo o que deu de si durante estes
días o binomio “amor-novios”. Foi tal a sensación que causou, que quedou
presente nas nosas conversas cotiás dende a celebración do “Día da Paz”.
Así pois, a principio do mes de febreiro, e dado o
interese que suscita este sentimento, especialmente en 5 anos, realizamos un
primeiro achegamento a esta emoción a partir da celebración do “Día da
Candeloria”.
A CANDELORIA é
unha festa relixiosa que se celebra o día 2 de febreiro. Consiste
na bendición das candeas que despois serán utilizadas na celebración da
Semana Santa. Ademais, esta festa é considerada coma un preludio da
chegada da PRIMAVERA, dicíase que era a época do casamento dos PAXARIÑOS.
Evidentemente, e como non
podia ser doutro xeito, de todas estas aprendizaxes deixamos testemuña nunha
actividade impresa na que a través da escrita real e contextualizada de
palabras, seguimos progresando no proceso de lecto-escritura en letra enlazada
minúscula. Asemade, aproveitamos para recrear uns paxariños namorados, moooi namorados, rodeados de corazóns de
cores e de amores.
Pero... Casamento? Paxariños?... que é necesario para poder casar?... Pois claro, ademais de ser maiores é necesario estar... namorado!
As conversas suscitadas a
partir desta emoción-sentimento foron moitas e sempre interesantes. Tema, por
outra banda un tanto controvertido e polémico xa que moitos non estaban
correspondidos e máis dun recibiu as súas primeiras “cabazas” por parte do seu
namorado ou namorada, por iso acordamos falar máis que de “mozos” de “amigos
especiais”.
Xa hoxe, o venres, por fin chegou o día, o “Día de San Valentín”… siii! Un día no que demos renda solta a
todo o amor que colle no noso corpo, un amor adicado -amigos e amigas especiais
a parte- indiscutiblemente ás nosas familias.
Deste xeito, a primeirísima
hora da mañá, nervioso, e tan pronto entrar na aula, LUIS MIGUEL agasallou a
DANIELA cunha flor de saboroso chocolate. Esta situación inesperada, resultou fantástica
e moi tenra, pois a vergoña por ambas partes era máis que evidente.
O máis destacable desta
situación foi a actitude de varios compañeiros, poderíamos falar de “celos”,
“primeiros amores non correspondidos”?... DANIELA é toda unha rompecorazóns!!
Ademais, o profe explicounos a orixe deste día
remontándonos aos seus antedecentes históricos na Roma do século III, época na
que estaba prohibido o matrimonio entre soldados porque se cría que os homes
solteiros tiñan moita máis forza nas guerras.
Neste contexto, xurde a figura de San Valentín, un
sacerdote que decide casar en segredo ás parellas que estaban namoradas e cando
o descobren, encarcélano e mátano un 14 de febreiro.
Tamén coloreamos con cera
plástica, picamos e decoramos con purpurina de cor vermella, un corazón ao que
lle pegamos unha piruleta de amorodo na parte central coa que agasallar á nosa
familia... iso dos novios e novias deixámolo máis para diante... aínda temos
tempo dabondo!
Finalmente, na rutina da
actividade do préstamo semanal de biblioteca, RODRIGO, o contacontos semanal,
non puido escoller un conto mellor: De
cores e de amores (Edit. Galaxia). Unha obra coa que descubrimos unha gran forza que goberna o
mundo: o amor. Das cores do amor, e de amores de todas as cores,
fala este conto de Xabier P. Docampo e Xosé Cobas.
De cores e de amores. (Edit. Galaxia) |
Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se
alimentará dos vosos comentarios!
2 comentarios:
Este venres fará de contacontos:
- TANIA: "Raquel ten medo". (Edit. Xerais)
Esta semana incorporamos a lectura e escrita en letra enlazada en pauta do grafema /D/.
E VERDADE QUE DANIELA E UNHA ROMPECORAZONS, AI POR DIOS, E TAMEN E VERDADE QUE HAI CELOSIÑOS POLA CLASE A DIANTE, QUE MERITO!!!
Publicar un comentario