Esta semana tivemos entre nós, na nosa clase, un novo compañeiro:
Camiliño Josesiño. Como, que non sabedes de quen se trata?...
Camiliño Josesiño, como lle chamaba a súa nai e a súa tia, é Camilo José
Cela.
Desta maneira, e da man de dous dos encargados da Fundación Camilo José
Cela -Electra e Fran- descubrimos e aprendimos dun xeito ameno e divertido
diferentes aspectos vencellados á vida e obra deste prolífico autor nado moi
preto de Rianxo, en Padrón.
Así pois, os días previos á visita, no Encerado Dixital Interactivo
(EDI), vimos e limos o conto: O meu
veciño Camiliño Josesiño, descubrindo algúns datos biográficos deste
escritor galego.
Descubrimos e aprendimos que vivía en Iria Flavia a carón da vía do tren
e que o que máis lle gustaba era escribir a todas horas e en todas partes ata
chegar a escribir máis de 100 libros... uf,
case nada!
Na primeira das tres sesións de traballo organizadas pola Fundación,
coñecimos algúns dos premios concedidos a Camilo José Cela, destacando un dos
máis importantes da súa carreira: o Premio Nobel que se atopa exposto no seu
museo de Padrón.
Asemade, e como escritor de tantos libros de todas as cores, grosores e
tamaños, centrámonos nunha das novelas máis emblemáticas da súa carreira: La
Colmena ; un
libro gordecho, moooi gordecho e que
poderemos ler cando sexamos un chisquiño máis maiores.
Xa o martes, na segunda sesión, fixemos actividades de lectura e
escritura a partir do xogo coa “Casa das Letras”. Entusiasmados e coa lección
ben aprendida de como nos debiamos comportar, recibimos a Electra e a Fran que
nos traian unha sorpresa fantástica... Tratábase da casa na que vivía Camiliño
Josesiño, unha casa na que as paredes e o teito estaban cheos de letras, unha
casa na que de tantas palabras que había, saian pola cheminea!
Empregando como apoios realistas uns títeres, revivimos capítulos da
infancia de Camiliño Josesiño e o vínculo especial que tivo cun galo que o
acompañaba a todas partes para evitar os ataques do raposo.
Bufariñento, que era así como se chamaba o galo, era un animal
diferente, un galo especial, xa que según nos contaron, alimentabase de letras,
sendo as súas favoritas as letras minúsculas... que casualidade, unha das nosas
especialidades! Así que, con lápis e papel, recreamos o noso Bufariñento
rodeado de mil millóns de letras de tódolos tamaños e cores...
Hoxe venres, na derradeira sesión, e como o prometido é débeda, Electra
e Fran trouxéronnos unha sorpresa tan tan tan grande como Fran. Era un teatrillo de monicreques
co que dramatizaron a historia de Camilo José Cela con Armando Mondéjar. Foi unha historia
ben divertida da que non perdemos detalle e na que aproveitamos para
interaccionar cos títeres protagonistas.
E para rematar... que mellor que facelo creando o noso títere de dedo de
Camilo José Cela ou de Armando Mondéjar?... Quedou estupendo!...
Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos
comentarios!
1 comentarios:
Este venres fará de contacontos:
- RODRIGO: "De cores e de amores". (Edit. Galaxia)
Esta semana incorporamos a lectura e escrita en letra enlazada en pauta do grafema /T/.
Publicar un comentario