Esta
semana curta, pero intensa, comezamos con enerxía o mes de decembro
introducindo unha rutina cotiá: o “Calendario de Adviento”.
Así,
coa incorporación desta nova, estreamos un mes que na nosa aula se vive dun
xeito especial ao traer variadas e divertidas sorpresas que mudan o normal
desenvolvemento de cada xornada escolar.
Lecturas
de contos temáticos sobre o Nadal, a celebración dos derradeiros aniversarios
-BELTRÁN, NABIA, VALERIA, ALICIA e SIRA, xa vos queda menos!-, a carta ás
SS.MM. os Reis Magos de Oriente, panxoliñas, confección de elementos
decorativos...
Agora
xa, cada mañá, entre as rutinas da asemblea matinal, o súper-encargado abre a fiestra do día correspondente e come a
chocolatina (respectando posibles alerxias) tras descubrir o debuxo que se agocha
en cada caso... mmm, están deliciosas!
Ao
tempo, incorporamos gorros de Papá Noel a modo de elemento distintivo non só
para o súper-encargado, senón tamén
para o “axudante” que, gorro de Papá Noel incorporado, colabora no
desenvolvemento desta rutina.
Esta
rutina, un curso máis, proporciona distintas situacións de
ensinanza-aprendizaxe que non deixamos escapar, pois ademais de realizar
actividades relacionadas coa lóxica-matemática tales como contar, sumar, restar...,
e en todo caso identificar o número do día real, propicia conversas sobre esta
data tan especial.
Neste
senso, durante o que resta de trimestre, ademais de poñer o punto e final a
actividades varias que servirán de colofón a este 1º trimestre, descubriremos,
identificaremos e valoraremos o Nadal como feito relevante próximo á nosa vida
cotiá. Para isto, partiremos de elementos motivadores como cancións, contos,
diferentes personaxes de tradición popular (Reis Magos, Papá Noel, Apalpador,
achegándonos a outros quizáis menos significativos: Olentzero, Tió de Nadal
ou a Bruxa Befana de Italia), respectando e valorando, en todo caso, a
diversidade como elemento positivo e enriquecedor da nosa aula e da persoa
humana.
Porén,
a rutina do “Calendario de Adviento” relacionarémola coa inminente chegada das
vacacións nas que levaremos para a casa todos os traballos realizados durante o
trimestre... case listos e preparados!
Indubidablemente
o Nadal é tempo de luz nas rúas, de abetos, de sorrisos, ceas, familia, amigos...,
pero sobre todo de Papá Noel e Reis Magos. O Nadal é tempo de agasallos. Neste senso,
axiña advertimos os xoguetes destas vacacións... canta cousa concentrada hai no
catálogo de xoguetes!
Asemade,
realizamos diferentes actividades impresas nas que voltamos a atoparnos cun dos
nosos elementos plásticos preferidos... siii,
a purpurina!
Comezamos
coloreando de cor vermella o calcetín que noutros países Papá Noel (Santa
Claus), enche de agasallos a nenos e maiores, por suposto dándolle o noso toque
final... purpurina dourada!
Tamén con pincel e témpera de cor vermella pintamos 3 corazóns que, nos próximos días, darán forma ao christmas deste curso... case listo!
E que
mellor que pechar esta semana que espolvoreando a purpurina sobrante como si de
estrelas de Nadal se tratase?... Coidado con ollos, nariz, boca, e orellas...
canto rimos!
Un
saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!
0 comentarios:
Publicar un comentario