Bienvenido

HORA DE LER...

viernes, 22 de octubre de 2010

A partir desta semana, reincorporamos unha rutina á nosa parrilla de clase: o préstamo bibliotecario, unha actividade cunha periodicidade semanal que suporá, do mesmo xeito que no curso pasado, un indiscutible recurso didáctico para o desenvolvemento lingüístico e para a consabida adquisición de técnicas vinculadas co proceso de lecto-escritura.
Trátase dun préstamo semanal (de xoves a xoves) que propiciará un sempre grato encontro co mundo dos contos e da lectura que crea un clima que resulta tan grato e estimulador para a aprendizaxe.
Ademais, esta nova rutina tamén nos servirá para familiarizarnos coa dinámica da biblioteca (normas, servizo de préstamo), para ilusionarnos cun ambiente propicio á lectura no ámbito escolar e familiar e tamén para contaxiarnos do entusiasmo dos libros como portadores dun mundo máxico, fantástico e marabilloso.

Ao longo de cada semana, coa axuda das nosas familias teremos que LER o conto comprendendo cal é o seu argumento xeral, xa que cada xoves, nomearemos un contacontos por rigurosa orde da casiña do panel de rutinas, que lerá de novo o conto na biblioteca do centro ao resto de compañeiros e compañeiras.
A través da narración dos contos aprenderemos a escoitar -un cometido que moitas veces se convirte en toda unha misión imposible-, a pensar, a adquirir un primeiro código moral, a ver as cousas cos ollos da imaxinación, estimulando a creatividade, o pensamento diverxente e o sentido crítico.
Neste curso, por iso de ser os maiores de Educación Infantil, perseguirase a LECTURA e non tanto a interpretación de imaxes, de ahí cos contos seleccionados para o préstamo estén escritos en letra maiúscula, incorporando ao longo do curso outros escritos en letra minúscula enlazada. De feito, gran parte de nós atopámonos nese momento no ca letra enlazada se convirte en algo que nos interesa dun modo especial e quen máis e quen menos comeza xa a trazar, moi timidamente, os seus primeiros grafemas en letra minúscula. Nembargantes, este luns, si ou si, comezaremos por fin co libro de lectura de: “O país das letras”; palabra de honor, profe?
Buffff
, pero todo isto non remata aquí, pois ao ser este o curso no que nos convertemos nos maiores de Educación Infantil -non todo ían ser vantaxes, non?-, esta rutina semanal diversifícase.
Así, na medida do posible, cada semana traeremos cuberta, coa axuda das nosas familias, unha ficha de lectura na que se solicitan datos tales como o título do conto, o nome do autor ou o número de páxinas, e na que ademais deberemos dar renda solta á imaxinación e plasmar no lugar reservado para tal fin o relato argumental do conto nun debuxo.
O profe explicounos que ao finalizar o curso, con todas as fichas de lectura elaboradas en cada semana de préstamo realizaremos o noso primeiro
“Dossier de Lectura”.
Sen lugar a dúbidas, trátase dunha tarefa total e absolutamente voluntaria, e a realización da ficha de lectura non é vinculante para participar no préstamo bibliotecario.
Ao longo desta semana, nalgunha das asembleas matinais, comezamos a buscar, especialmente ilusionados, os datos que se solicitan na ficha e, concienciados da necesidade de presentar un traballo o máis coidado posible, cunha enorme motivación e ganas, moooitas ganas, nos enfrontamos a esta tarefa. Unha tarefa, que se traduce nun alicerce máis no que sustentar o proceso de ensinanza-aprendizaxe que estamos levando a cabo en torno á lecto-escritura, o noso pequeno-gran reto para este curso e que si todos poñemos un pouquiño da nosa parte abofé conseguiremos... Contamos convosco!!!
Moito ollo ao blog, xa co vindeiro xoves teremos algo polo que estar súper-mega-hiper contentos...
Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

RIANXO: O MAR FEITO TRADICIÓN.

viernes, 15 de octubre de 2010

Esta semana tivo lugar a inauguración oficial da biblioteca do noso centro para este curso escolar e, como non podía ser doutro xeito, dende o “Equipo de Biblioteca” propuxéronse unha serie de dinámicas na que nos, unha vez máis, xogamos un papel indiscutible; comezaremos polo principio...
Neste 1º trimestre, dende a biblioteca decidiuse traballar un eixo temático intimamente vencellado coa vida da nosa vila, con Rianxo, pois ao longo deste trimestre traballaremos o mar, un elemento cunha carga especialmente significativa na nosa vila ao converterse nunha fonte de ingresos para moitas das nosas familias.
Á nosa clase, tocounos acudir ao acto de inauguración o xoves 14, pero os días previos levamos a cabo un intenso traballo na clase, pois para ese día debiamos ter cumpridos varios cometidos e así, poñer o noso graniño na dinámica proposta.
En primeiro lugar, tivemos que decorar un personaxe que ben podía estar sacado dun dos nosos contos preferidos. Tratábase dunha galiña que debiamos personalizar ao noso gusto para o que empregariamos distintas técnicas e materiais de expresión plástica, así que... imaxinación ao poder!!!
Unha vez máis, resultou grato comprobar como as pequenas cousas convírtense na nosa aula en algo importante creando un ambiente festivo que tan grato e estimulador resulta para o noso aprendizaxe, é algo así como un sopro de aire fresco que contribúe a distender a atmósfera despois de tanta actividade intelectual.
As técnicas e materiais aportadas na asamblea foron moitas e moi variadas, había galiñas para todos os gustos: “por que non lle pegamos papeliños de cores?”, “non, mellor purpurina brillante ou boliñas de plastilina”, “eu creo co mellor sería…”, vamos que estamos feitos uns auténticos artistas.
Despois de poñer en común distintos modos de personalizar a nosa galiña decidimos, de forma máis ou menos consensuada, empregar materiais tales coma ceras plásticas, plastilina, papel celofán e airon-fix e o certo é que a galiña resultante nada tiña que ver co modelo do principio, mirade, mirade…


Tomando como elemento motivador a galiña xa personalizada, agora tocaba poñerlle un nome e inventar o título dun conto no que esta se convertera en protagonista; así que todos e todas sentados na asemblea comezamos a pensar en distintos nomes e historietas divertidas para o noso personaxe: galiña Piruleta, Cotofina, Saca-huevos, Come-Come... pero finalmente nunha votación un tanto reñida, decidimos poñerlle de nome a "Galiña Tiruleca", si si, está ben escrito a nosa Galiña chámase TIRULECA.
A historia resultou máis sinxela e axiña, dunha forma organizada, comezaron a saír diferentes ideas. Tras eliminar as máis violentas nas que a galiña acababa pouco menos que nunha pota ao lume ou cazada por un cazador con machada incluida, escribimos no encerado: “A Galiña dos ovos de chocolate”, interesante elección que rapidamente decidimos reflexar na composición do personaxe mediante a estampación do noso dedo impregnado en témpera de cor marrón e branca, xa ca nosa galiña era moi especial e poñía deliciosos ovos de chocolate negro e branco.

Tamén ao longo da semana, o rincón da biblioteca da nosa aula cambiou os nosos libros de prelectura de sempre por contos que trouxemos das casas e cuxo denominador común era o mar e que propiciarán, no momento adicado en cada xornada ao xogo libre e/ou dirixido nos rincóns, descubrimentos, aprendizaxes e coñecementos varios sobre a vida no fondo mariño.
O xoves, tocaba facer a posta en común na biblioteca do centro e perfectamente ataviados como mariñeiros e mariñeiras -estaban todos e todas requete-guapísimos-, dirixímonos cara a biblioteca.



Antes de entrar, unha parada obrigada: a porta da nosa biblioteca, que se establece como unha chave máxica que nos permite a entrada a un mundo distinto; o mundo da fantasía, da imaxinación e das sorpresas.
No mural, rapidamente descubrimos a mensaxe que transmitía, pois amósase como imaxe central unha nena lendo da que lle saen distintos personaxes fantásticos: princesas, trasnos, bruxas, unicornios... e letras, moooooitas letras. Sen dúbida, a ilustración convírtese nunha invitación a entrar e vivir as aventuras que lles acontecen aos personaxes dos contos e relatos que nela se atopan, un estímulo que se traduce en motivación e inquedanza por aprender a ler e así non necesitar dos adultos para revivir eses fantásticos e marabillosos relatos dos nosos personaxes de ficción preferidos.



Xa dentro, lembramos un curso máis as normas de obrigado cumprimento para todos e todas cada vez que entramos na biblioteca facendo especial fincapé neso que sabedes que tanto nos gusta: falar. Logo de maneira organizada, puxemos o nome da nosa galiña, o título do conto e á Galiña Tiruleca nas caixas dispostas para tal efecto na parte central da biblioteca, non sen antes observar todas e cada unha das obras de arte que nela xa se atopaban, unha proba palpable do grao de compromiso e traballo en equipo adquirido polo profesorado do centro.



Finalmente, e para cerrar este acto de inauguración, o profe puxo no retroproxector existente na biblioteca o filme titulado "Fantasía 2000" de Walt Disney, centrando a proxección máis concretamente no extracto no que se mistura e vencella unha peza musical clásica coa vida existente no fondo mariño -The Pines of Rome- e que velaí vos deixamos para que poidades disfrutar tantas veces como queirades.


Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

VIAXAMOS AO PAÍS DAS LETRAS.

viernes, 8 de octubre de 2010

Ao longo desta semana estivemos lembrando, a partir de diferentes actividades lúdicas, os personaxes dese sensacional país que existiu hai moitísimos anos cando había xigantes e magos, trasnos e fadas, na época na cos animais falaban: o País das Letras.
Todos os habitantes deste curioso lugar vivían nunha cidade rodeada por verdes campos salpicados de alegres flores de cores na que había uns pequenos ríos saltaríns que lles proporcionaban auga fresca para beber e un lugar onde xogar ou refrescarse.
Así pois, da man do Señor Estudoso, ese señor baixiño e simpático, cuberto cun sombreiro e cunhas lentes que lle daban aire de personaxe sabio, o curso pasado coñecimos as historias que lles ocorrían aos seus habitantes.
Os problemas na perruquería do panadeiro P e a tarde na cas xemelgas N e Ñ se perderon no bosque, a importancia no país da señora do silencio para co rei U poida traballar sen ningún problema, como todos os nenos e nenas desexaban ir ao hospital para ser curados co xarope de amorodo, limón ou chocolate que receitaba a doutora T, -uuuummmm- os deliciosos flans que prepara o leiteiro L... e moitas historias que, dado o interese que suscitan, convirten a tarefa de aprender a ler nunha actividade emocionante repleta de intriga, sorpresas e mooooooita fantasía.
Pero sen lugar a dúbidas, unha das historias que máis nos apasionan é a da mudiña H e como quedou sen fala.
Todos os habitantes do País das Letras sabían que era perigoso camiñar cara a esquerda porque alí atopábanse os temibles xigantes (escritura de esquerda a dereita). Os pais e nais advertían aos seus fillos dos perigos que podían correr senón respectaban esa orde do rei U cada vez que saían da casa. Pero ocorreu que un día os pais da pequeniña H estaban de viaxe e ninguén lle puido lembrar nada.
O mago Catapún, ca vira dirixirse cara ao bosque do País dos Xigantes, decidiu mandarlle un vento máis forte e frío ca nunca que fixo que se resfriara e perdese a súa voz para sempre logo de ca doutora T non atopase o xarope ca curase.
Ademais, tamén, o profe, aproveitou estas actividades para presentarnos aquelas letras ás que todavía non lles poñiamos cara, aquelas letras do reino que non coñeciamos; como á periodista K, á señora Z ou á presumida B, que, unha vez que traballemos coas súas historias sabremos un pouquiño máis cal é realmente a súa función dentro do entramado social do País das Letras.
Como? Que non coñecedes aos habitantes do País das Letras?... Pois velaí vai unha presentación de cada unha delas, comezamos por...



As actividades resultáronnos realmente divertidas e dun xeito ameno e desenfadado o profe descubreu gratamente como cada vez nos soltamos máis, incluso, comprobou como aqueles que somos máis reticentes a iso de ler en voz alta comezamos moi timidamente a amosar a nosa motivación cara a lecto-escritura, algo importantísimo pois só deste modo gañaremos confianza e seguridade nas nosas posibilidades; actitudes que nos levarán, consecuentemente, a adquirir este código.


Nembargantes, xa dende que tiñamos 3 anos e, dun xeito moito máis construtivista e significativo para nós, estamos traballando a lecto-escritura en actividades tan cotiás como no fichaxe de ausencias e presenzas de cada mañá, cando o profe nos manda “antes de nada e arriba de todo” poñer o nome nas actividades impresas, modelado en plastilina de grafemas, cando os coordinadores de cada equipo de traballo reparten os libros cada mañá, os rótulos e pictogramas que existen na aula e que axudan a organizar e distribuir o espazo (percheiros, archivadores, recantos...)... e un senfín de recursos que nos axudarán a adquirir rapidez lectora que fará posible que ese linguaxe tan marabilloso que sae dos contos que máis nos gustan, saia tantas veces como queiramos.
Todo isto non acaba aquí, pois a partir da próxima semana, os “Contos Cooperativos” elaborados cando tiñamos 3 (“A festa da primavera”) e 4 anos (“Miñoca e a máquina do tempo”) comezarán a rotar polas nosas casas, ademais tamén retomaremos o préstamo bibliotecario semanal, un préstamo que este curso nos traerá más dunha sorpresa; así que seguide moi atentos ao noso blog…
Un saúdo con sabor a pulpo sanfroilanceiro e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

HASTA EL INFINITO Y MÁS ALLÁ...

viernes, 1 de octubre de 2010

Unha semana esta, na que moitos de nós tivemos a cabeza máis en Saturno que na Terra; e é que a máis dun estanos custando coller de novo o ritmo de traballo, intentar facer as cousas o mellor posible e respetar en todo momento as normas e pautas de comportamento establecidas a principio de curso.
O certo é que foi unha semana intensa no ca actividade se refire: comezamos de forma exitosa os libros de 5 anos da abella Pepa, aprendimos a xogar ao dominó de imaxes -collímolo rápido, si, pero o de respetar a quenda estanos custando un pouquiño máis-, descubrimos novos xogos para o ordenador e este curso, ademais, seremos nós mesmos os encargados de encendelo e apagalo, o martes fomos ao areeiro como recompensa polo traballo realizado ao longo desa xornada...etc
Ademais de todas estas novidades, decidimos embarcarnos nunha viaxe; unha viaxe que nos está resultando moi interesante e enriquecedora. E claro, tendo en conta ca nosa cabeza esta semana estivo máis tempo nas nubes que na Terra, pois non podiamos viaxar a outro lugar que non fose o espacio. Así que abrochados os cinturóns ca viaxe comeza... “hasta el infinito y más alláaaa”!!!
Un curso máis, entre as tarefas que realiza o encargado cada mañá dentro das rutinas de entrada está a constatación do tempo atmosférico, para iso, o encargado observa detidamente pola ventá o tempo que vai e así poder determinar, dunha maneira o máis “contrastada cientificamente”, cal é o pictograma que se axusta a cada día, incluso este curso, un dos nosos compañeiros foi nombrado oficialmente o "home do tempo” e non falla unha...
Se cando tiñamos 3 anos estaban no panel das rutinas no que representabamos o tempo atmosférico diario a Pi e a Pa e en 4 anos estaba Miñoca; este curso está Pete, o coello amigo da abella Pepa sempre preparado co seu casco e traxe de astrounata para emprender unha viaxe na súa nave espacial, de aí o interese suscitado acerca deste eixo temático.
Así pois, nesta viaxe que seguramente durará algunha semana máis dado o cúmulo de experiencias que está propiciando no noso proceso de aprendizaxe, estamos coñecendo algunhas das características máis salientables dos elementos do Universo.
Esta actividade vencellada intrinsecamente aos nosos intereses e motivacións convírtese nun medio excepcional que nos servirá para conseguir o aprecio e a valoración do medio físico e natural que nos rodea, desenvolvendo actitudes de coidado, respecto e responsabilidade na súa conservación, ademais de axudar a contribuir ao desenvolvemento dunha das 8 competencias básicas establecidas pola UNESCO: a competencia no coñecemento e interacción co mundo físico.
Descubrimos planetas tales como, entre outros: Xúpiter ou Venus, compostos fundamentalmente de gases e rochas volcánicas, respectivamente, Saturno, un dos nosos preferidos, cuxa forma esférica rodeada de aneis de cores nos resulta fascinante, a Terra, o planeta no que vivimos...
Asemade descubrimos as constelacións, agrupacións de estrelas que se atopan no Universo como por exemplo O Centauro con forma de animal mitolóxico metade home, metade cabalo ou a Osa Maior, que ten forma de carro sen rodas. Tamén cometas como o Hale-Boop con forma de lume da que sobresaen varias colas… velaí vos deixamos algunhas das fotografías que quitamos durante a viaxe, así como tamén un vídeo, no que da man de Doki, seguimos coñecendo máis características dos 9 planetas.
Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

ADEUS MIÑOCA... OLA PEPA!

viernes, 24 de septiembre de 2010

Logo da semana intensa das festas da nosa vila agora si podemos dicir que comezamos o cole e esta primeira semana de mandilón estivo repleta de pequenos acontecementos que dun ou doutro xeito marcarán o día a día da nosa aula durante este curso.
Así, cada día, entre todos e todas fomos lembrando algunhas das rutinas que seguiremos desenvolvendo este curso ao tempo que incorporamos outras á parrilla de clase e que agardamos contribúan ao noso proceso de aprendizaxe. Seguiremos tendo pois; rutinas de entrada como o abotoado do mandilón, a asemblea, por suposto a elección do encargado, a fichaxe de ausencias e presenzas e a constatación do tempo atmosférico no panel de Pete, incorporando a realización de operacións matemáticas sinxelas -algo que nos fascina-, a escritura en letra minúscula e actividades de lecto-escritura varias.
Buffffff, e despois de máis de dous meses sen realizar algunha das tarefas co curso pasado faciamos case cos ollos pechados, para máis dun está supoñendo un reto ao que cada día, con máis ou menos éxito, nos estamos enfrontando: cumprir os hábitos e pautas de comportamento establecidas na aula, poñer e abotoar correctamente o mandilón ou mesmo escribir o noso nome son unha mostra de tarefas cotiás que para máis dun están supoñendo toda unha odisea... así que estes días serán duros e intensos pero se poñemos un pouquiño da nosa parte todo resultará máis doado.
Entre as gratas sorpresas acontecidas ao longo da semana, comezaremos destacando a incorporación de dous novos compañeiros; chámanse Aarón e Jade Mireille. O certo é que xa os coñeceramos o primeiro día de clase, o día da presentación, pero non sabemos se foron os nervios ou a desubicación espacial que nos pasaron inadvertidos.
Asemade, tamén nos alegrou a nova co martes nos comentou o profe e é que o mércores, se reincorporaba Marta. E claro, como podedes imaxinar as preguntas por David, o noso David, non se fixeron esperar, xa que... si Marta regresaba de novo do seu cole, por que non voltaba tamén David?... O profe explicounos co cole de David estaba moito máis lonxe co de Marta e que por iso non podía voltar a Rianxo do mesmo xeito que lle pasaba a Estefanía, a nosa mestra de P.E.L.O. cando estabamos en 4 anos e que tamén botamos de menos. Por iso, nese mesmo momento todos e todas fixémoslles a ambos un envío que agardamos recibiran xa: mil millóns dos nosos bicos preferidos desexándolles que todo lles vaia súper-fenomenal.
Tamén coñecemos a Karina a profe de Inglés, a José Luis o profe de Música e a Silvia a profe de P.E.L.O.
Por outra banda, e ao tempo que lembrabamos cousas tan elementais como o correcto trazado dos números do 1 ao 6, as normas de obrigado cumprimento na realización das actividades impresas individuais e ter moi presente iso de que “non todo vale”, -non, aquí non-, despedímonos de Miñoca, a nosa Miñoquiña amareliña, para darlle, moi ilusionados a benvida á abella Pepa.
Tratouse dunha despedida alegre, xa cos libros co profe nos ensinou e que comezaremos esta semana teñen unha pinta estupenda e, ao tratarse de libros de 5 anos, teñen actividades de maiores, e claro, xa sabedes o que nos gusta iso de sentirnos maiores...
Pepa é unha abella que revoa de flor en flor no bosque das flores da risa e á que lle gusta especialmente ler contos, de aí que se atope connosco na clase de 5 anos, pois este curso coa axuda de Pepa e do profe seguiremos avanzando no proceso da lecto-escritura en letra maiúscula e intentaremos iniciarnos no correcto trazado e identificación das grafías en minúscula.
Atópase situada nun lugar privilexiado da aula e en cada unidade didáctica converterase nun excepcional eixo motivador que nos presentará, a través das súas historias, cada centro de interese: o colexio, o outono, o Nadal, o Antroido...
Aquí vos presentamos á nosa nova mascota: a abella... PEPA!!!
Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

VIÑERON OS EXTRATERRESTRES DURANTE O VERÁN?

viernes, 10 de septiembre de 2010

Siiiiiiiiiiii, hoxe comezou de novo o cole tras as vacacións de verán e, aínda que pasaron xa máis de dous meses dende que moitos nos vimos por última vez, por moito que pase o tempo hai cousas que nunca cambian e seguimos sendo uns auténticos charlatáns...
Así, unha vez todos e todas na aula e sentados no mesmo sitio co curso pasado na “nova liña vermella” da asemblea había olladas de vergoña, moooita vergoña; o profe estaba sorprendido e pensou cos extraterrestres durante o verán viñeran a Rianxo e cambiaran aos seus nenos e nenas xa que non eramos os mesmos de sempre... que nos pasaba?
Pouco a pouco, e a medida que transcurría o tempo, a eses nenos e nenas que non falaban, a eses que cambiaran os extraterrestres durante o verán, axiña lles viñeron á cabeza mil millóns de anecdótas e se algo quedou claro, foi que durante as vacacións o pasamos non ben, senón requete-ben e vimos coas pilas recargadas para afrontar todas as actividades que nos agardan este curso.
Ao tratarse hoxe dun día especial no ca horario se refire, basicamente adicámonos a poñernos ao día e facer partícipes ao resto de compañeiros e compañeiras e ao profe de todas as vivencias que, dalgunha maneira, marcaron as nosas vacacións. Menudas vacacións máis intensas!
Destacar o feito de que varios aproveitamos este momento para lembrarlle ao profe que nos meses de xullo e agosto fora o noso aniversario e que polo tanto a nosa foto debía estar na tarta de 5 anos... xa!
Estabamos contentos, nerviosos, ilusionados... raros, o profe notounos, -con algo de nostalxia-, maiores, moi maiores, unha proba evidente do paso do tempo e do noso proceso de desenvolvemento.
Logo da asemblea, descubrimos algunhas das novidades máis significativas da aula: novos compañeiros e a Pepa a nosa nova mascota, puzzles para o recanto de lóxica-matemática, máis accesorios no kit de perruquería e médico para o recanto de xogo simbólico, libros de lectura no recanto da biblioteca, por fin un radio-CD que funciona... e, sobre todo, algo que non nos pasou desapercibido, a organización dos equipos xa co panel de ausencias e presencias cambiara notablemente.
Para iso, observámolo detidamente e descubrimos que, durante este curso teremos 4 equipos de cores. Tamén nos chamou a atención a nova distribución das mesas... onde está o meu sitio? Para despexar dúbidas e, mediante unha dinámica sinxela, coñecimos o noso sitio para este curso e con quen compartiremos diariamente as actividades e o traballo individual.
Finalmente, nos derradeiros minutos, o profe deixounos escoller un dos seus contos e, de xeito unánime todos quixemos o de Sonidos de Miedo (Edit. SM) que, por iso de tratarse dun día especial, hoxe si non houbo ningún problema, xa que este conto reservámolo para os días de Samaín.
Buffff, souponos a pouco, pero sen lugar a dúbidas foi o mellor aperitivo para comezar este curso con máis ganas ca nunca e co mellor dos nosos sorrisos...
Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

O 10 DE SETEMBRO... COMEZAMOS!!!

miércoles, 1 de septiembre de 2010

Logo dunhas merecidas vacacións de verán voltaremos a vernos de novo o próximo venres 10 de setembro e, aínda que a moitos de nós, custaranos coller de novo os hábitos e o ritmo de traballo acadados ao longo do pasado curso, quen máis e quen menos seguro que está desexando atoparse de novo cos compañeiros e compañeiras, coñecer en que equipo de traballo estaremos e en que mesa nos sentaremos, á nosa nova mascota, participar nas “asembleas de maiores” tal e como nos prometeu o profe...
Este curso será moi importante para todos nós... bufffff, e é que xa somos os maiores de Educación Infantil, e como tales, deberemos dar exemplo aos máis pequenos, aos nenos e nenas de 3 anos que comezan esta etapa que para moitos de nós e para moitas das nosas familias está resultando sensacional.
Un curso máis, e a medida que avance o calendario, iranse sucedendo as distintas actividades e conmemoracións que marcan o curso e o ritmo da nosa aula: as cabazas do Samaín e as castañas do magosto, os ensaios e nervios do Festival de Nadal, as máscaras e disfraces do Antroido... e mil millóns de acontecementos que vos iremos contando no noso blog; un blog que con esta entrada da por inaugurado oficialmente o curso académico 2010-2011 o curso no que nos despediremos do mandilón...
Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!