Logo dun Halloween-Samaín
escalofriantemente divertido e dun magosto sensacional, proseguimos na nosa
aprendizaxe mergullados, antes da inminente chegada do Nadal, no traballo do
centro de interese da casa-familia.
Comezamos coa lectura do conto da unidade titulado: “A chave dos bicos”; unha historia coa que descubrimos que en
Nubaris os obxectos cobran vida e que tanto as dependencias dunha casa nubari
como as accións que nela se desenvolven son perfectamente recoñecibles en
situacións das nosas vidas.
Asemade, ao inicio de cada centro de interese, as asembleas matinais convertiranse
nuns excelentes aliados á hora de detectar cales son os nosos coñecementos
previos sobre o tema obxecto de traballo.
Deste xeito, e aproveitando estes coñecementos previos sobre o centro de
interese da casa, centrámonos no recoñecemento e identificación das
dependencias, espazos e obxectos propios dunha casa.
E... todas as persoas vivimos en casas ou en pisos?... Uf!, isto si que resultou máis
complicado, achegándonos progresivamente a distintos tipos de construcións
existentes xa en realidades lonxanas á nosa.
Para isto, e coñecedores das repercusións na estimulación do cerebro, da
aprendizaxe e da memoria dos “Bits de Intelixencia”, comezamos a traballar con
estes materiais convertíndose nun recurso didáctico excepcional que propiciaron
un primeiro achegamento a diferentes tipos de vivendas tales como os rañaceos
de Nova York, as casas colgantes de Cuenca e mesmo as casas flotantes de
Amsterdam... que interesante!
O uso sistemático destas láminas, propiciou a observación e identificación dalgúns elementos representativos destas construcións: teñen tellado, chan, paredes, ventás, balcóns, portas…, aprendimos que están construídas de ladrillos, tellas, cristal, madeira… e, sobre todo, que cada dependencia emprégase para algo diferente: durmir, comer, descansar...
Por outra banda, e no tocante ao traballo do centro de interese da familia,
falamos dos membros que compoñen as nosas unidades familiares, en que
traballan, que cousas fai mamá e papá na casa... ocupando un lugar destacable
nestas conversas dirixidas as nosas mascotas.
Para iso, apoiámonos nunha actividade que propiciou sempre un grato
encontro entre familia-escola, consistente na decoración -con foto incluída- dunha
casiña troquelada a partir do uso de diferentes elementos, materiais e técnicas
da linguaxe plástica. Unhas incipientes obras de arte que serviron como
elemento decorativo para o corcho frontal da aula.
Neste senso, o rincón de xogo simbólico (“rincón da cocinita”),
convírtese nun espazo de aprendizaxe privilexiado ao proporcionar situacións
nas que actuamos, planificamos e tomamos a iniciativa en distintas tarefas
relacionadas coa vida en familia: imos á compra no súper, coidamos dos bebés,
poñemos a mesa e facemos a comida… distintas situacións nas que asumimos os
roles sociais dos membros da familia favorecendo a construción da identidade
persoal.
Durante estes días, ademais, incorporamos unha nova compañeira de xogo. Siii..., é NUBA!, pero é unha NUBA
diferente, unha NUBA especial... unha NUBA enooorme!!...
Con ela xogamos na cocinita e no súper...
E traballamos como auténticos súper-maiores
nas actividades que forman parte do segundo libro cuxo eixo é o corpo humano...
case nada!!
Ah!... todo isto sen
esquecernos de que NUBA, iniciou a semana pasada o seu roteiro por Rianxo. E
para comezar, NICOLÁS e a súa familia, foron os primeiros anfitrións para NUBA,
cantos sitios visitou, non parou!...
Trazamos as nosas primeiras grafías a partir da escrita de palabras
reais e contextualizadas, recreamos o país de NUBARIS, pegamos fotografías,
debuxamos..., e botamos purpurina, moooita
purpurina... quedou chulísimo!
Agora xa, a partir da vindeira semana, comezaremos a disfrutar das
modificacións que se producirán na escola, e particularmente na nosa aula, coa
chegada do Nadal. Seguide moi atentos ao noso blogue, isto non fai máis que
comezar e... contamos convosco... familias!!
Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos
comentarios!
2 comentarios:
Estamos xa impacientes por ver que segredo ocultades (e que non se lle pode contar ás mamás) para estas fechas máxicas e tan especiais para os nenos. Sen dúbida vai ser.......de circo!!!! ji, ji, ji.
Preciosas as fotos e o reflexo do ben que se atopan os nosos cativos e de TODA a aprendizaxe que están recibindo. Eu emociónome con cada letra q a miña pequerrecha me ensina e traza. Gracias profe!!
As casas flotantes, as casas dos indios, as chozas africanas, os rañaceos... moito oímos falar esta semana dos distintos tipos de vivendas. Parece mentira canto aprenden.
Adiante, que aínda teñen moito por adiante
Publicar un comentario