Esta semana, metidos de
cheo no libro de actividades nº5 no que MUNELA deixa claro que non é unha “lechuga”, reservamos distintos momentos
á expresión plástica libre, exenta de modelos e non estereotipada.
Indubidablemente, a
expresión plástica xoga un papel indiscutible na etapa que nos ocupa, pois
constitúe unha das linguaxes con maiores posibilidades de expresión que, xunto
coa educación rítmico, musical, corporal e audiovisual, potencia o
desenvolvemento da comunicación non verbal.
A expresión plástica
constitúe, polo tanto, unha forma peculiar de comunicar aspectos da nosa vida
cotiá, empregando uns elementos, materiais, soportes e técnicas sinxelas, ricas
e froitíferas para desenvolver actividades que estimulan e potencian a nosa
imaxinación, curiosidade, o pensamento crítico, creativo, a exploración e
experimentación, a sensación, percepción...
Así pois, quen máis e quen menos elabora un esbozo
completo e cada vez máis coidado do esquema corporal: cabeza con ollos, nariz,
boca, orellas e pelo, tamén o pescozo, tronco e extremidades… fantástico!
Ao tempo, completamos máis os nosos debuxos con
outros elementos que contribúen a dar unha visión de conxunto: soles, nubes,
arcos da vella, herba, flores… non lles falta detalle!
O certo é que esta semana houbo tempo para todo,
dende debuxos cunha temática ligada ao centro de interese, a debuxos cunha
temática libre onde unicamente debiamos respectar dúas normas: nin debuxos de
guerra, nin tampouco repetir elementos xa debuxados noutras ocasións…
orixinais!
O que está claro é que cada vez gozamos máis deste
tempo de debuxo libre, invertindo un tempo de maior calidade no seu proceso de
elaboración, despreocupándose do traballo alleo, empregando para cada cousa un
rotulador de cada cor, coloreando ao xeito, sen présa…
E como nos gusta cando reunidos en asamblea
descubrimos e ollamos o que debuxou cada compañeiro e compañeira.
Como podedes imaxinar, houbo debuxos de todo tipo e
para todos os gustos: carreiras de F1, princesas Disney, superheroes,
pequenas-grandes cidades, barcos de pesca, castelos encantados, festas de
aniversario, familias zombie e de pantasmas, bonecos de neve… canta vida!,…
canta cor!...
Agora xa, a vindeira semana, seguiremos desenvolvendo
habilidades comunicativas en diferentes linguaxes e formas de expresión, pero
nesta ocasión referida á expresión musical. Será xenial atoparnos cunha das
nosas actividades preferidas, favorecendo a escoita activa e atenta, a agudeza
auditiva, a audiopercepción, será… algo mÁxIcO!
Un saúdo e non esquezades que...
o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!
1 comentarios:
Pero....que artitas!!!
Como siempre, cuanto trabajan nuestros niños. Que bonito verlos trabajar, gracias por regalarnos estos momentos. Un saludo!
Nancy.
Publicar un comentario