Esta semana, fixemos unha nova incursión á Facultade de Maxisterio
para participar nas actividades dispostas en Ambientes de Aprendizaxe.
Os Ambientes de Aprendizaxe son os diversos escenarios
que configuran o entorno vital para a construción do coñecemento e aprendizaxe,
converténdose nun modo actual de reestruturar o espazo en Educación Infantil. A
teoría dinos que non se trata de obradoiros, nin tampouco de rincóns, zonas
e/ou espazos diferenciados, senón de algo máis grande; unha aula ou o corredor
poderían ser un Ambiente de Aprendizaxe... soa xenial!
Nesta ocasión, coñecedores das posibilidades que nos
ofrece o propio corpo, desenvolvemos distintas actividades cuxo eixo vertebrador
foron as 5 modalidades sensoriais: os seus usos e funcións.
Organizados en pequeno-grupo segundo a cor da peza
escollida en cada caso, acudimos aos espazos organizados nos corredores da
Facultade para desenvolver as actividades alí establecidas.
Sen apenas decatarnos, aos poucos, participamos en 5
experiencias que permitiron iniciarnos no método científico con actividades para cada órgano dos sentidos que
puxeron a proba as nosas habilidades sensoriais... comezamos!
Para desenvolver o sentido do TACTO, cadaquén
modelou en pasta de sal a parte que conforma o corpo humano asignada, diferenciando
cabeza, tronco e extremidades... esta plasti si que mola!
Porén, no sentido do OÍDO, escoitamos con atención
e tratamos de averiguar os sons producidos por distintos obxectos cotiás; para
iso, había que estar en silencio e erguer a man para responder ao xeito...
fantástico!
Xa no sentido do GUSTO, cos ollos pechados e sen
ver nada, degustamos diferentes produtos respectando posibles alerxias
alimentarias: tomate, patacas fritidas, limón... mmm, mesmo unha saborosa
regalicia!
No espazo reservado ao OLFACTO, ulimos os
arrecendos que saían duns botes con produtos ben olorosos no seu interior, asociando
en cada caso a tarxeta identificativa co frasco correspondente: cacao, cebola,
café, canela... ata colonia fresquiña... marabilloso!
E para o sentido da VISTA?... Xogamos coa mesa de
luz, co retroproxector e coa lanterna, dando luces e sombras a espazos baleiros,
manipulando xelatina coma se de area se tratase: vimos como cambiaba de cor, comprobamos
as súas propiedades, densidade... que divertido!
Sen lugar a
dúbidas, todas estas experiencias lúdico-exploratorias, convertéronse en fantásticas
situacións nas que grazas á observación, exploración e experimentación,
construímos activamente a nosa aprendizaxe... queremos repetir!
Un
saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!
0 comentarios:
Publicar un comentario