3, 2, 1... Siii, esta semana despegamos nada máis e nada menos que a un país que existiu
hai moitísimos anos cando había xigantes e magos, trasnos e fadas, na época na que
os animais falaban: Letrilandia, o País das Letras.
Chegou o momento de familiarizarnos coa identificación,
escrita e lectura da letra enlazada minúscula, desenvolvendo, desde esta mesma
semana, múltiples e variadas actividades impresas coas que de seguro esta nova
aprendizaxe resultará máis doada do que pode semellar... perfecto!
Da man do Señor Estudoso, ese señor baixiño e simpático, cuberto cun
sombreiro e cunhas lentes, descubrimos un lugar rodeado por verdes campos
salpicados de alegres flores de cores nos que hai uns pequenos ríos saltaríns que
proporcionan auga fresca para beber e un lugar onde xogar e refrescarse.
O Señor Estudoso tiña moitas ganas de
aprender e descobrir cousas novas; por iso sempre leva un lapis e un caderno na
man onde anotar todas as marabillas que ía descubrindo ao longo das súas
viaxes.
Cando paseou polas rúas de Letrilandia, do
País das Letras, o Señor Estudoso observou os costumes dos seus habitantes.
Abraiárono as formas que tiñan os seus corpos, así como a súa forma de
comunicárense. Todos eran distintos e falaban diferente.
Pensou que se debuxaba os seus corpos e aprendía
o seu xeito de falar, podería escribir todos os contos e marabillas que
aprendía nas súas viaxes.
Situado á esquerda, atópase o País dos
Xigantes, onde o mago Catapún e os demais habitantes vixían sempre para amolar
as letras. Por iso, estas camiñan sempre de esquerda a dereita.
Así pois, mediante este archi-coñecido
método de lectura, semanalmente descobriremos un a un os personaxes deste
fantástico lugar, onde a través das súas historias, coidamos gañar confianza e
seguridade nas nosas posibilidades cara a aprendizaxe da lecto-escritura.
Neste senso, a
partir da primeira semana de decembro, engadiremos unha nova rutina á nosa parrilla de
clase e os venres levaremos para a casa unicamente durante a fin de semana a cartilla de lectura nº1 de Letrilandia na
que se presenta gradualmente a lectura en letra enlazada minúscula. O que se
pretende con este material é que na casa continuemos de xeito máis individual a
labor referida á lecto-escritura iniciada na escola. Para iso, hai que lembrar
que a cartilla de lectura deberá vir cada
luns coa carpeta e así poder engadir durante a semana unha nova letra...
soa xenial!
Familias!… abrochade ben os cinturóns, estades
convidadas a coñecer as aventuras e desventuras destes personaxes, e
lembrade... hai que camiñar sempre de esquerda a dereita!
Un saúdo e non esquezades que... o noso
blogue se alimentará dos vosos comentarios!
1 comentarios:
Magnífico.
Publicar un comentario