Nos últimos días, unha vez máis, participamos nas
actividades desenvoltas na aula de Educación Artística da Facultade de
Maxisterio.
Sabedores de que a linguaxe artística xoga un papel
indiscutible en Educación Infantil, nesta ocasión participamos en 6 mini-proxectos
que nos achegaron a elementos e aspectos da nosa vida cotiá.
Nesta ocasión, organizados en pequeno-grupo, o alumnado
de Maxisterio distribuínos en cada mini-proxecto: a cidade e os medios de
transporte, o ciclo vital, os dinosauros, as estrelas, as sombras e os
cogomelos.
Na CIDADE E MEDIOS
DE TRANSPORTE redescubrimos os medios físicos de desprazamento dos medios
de transporte cotiá, valorando a necesidade dun uso moderado destes para evitar
a contaminación ambiental. Coches e camións, avións e helicópteros..., mesmo un
submarino co que descubrir os tesouros do fondo do mar... parabéns!
No mini-proxecto do
CICLO VITAL, aprendemos que animais, plantas e persoas pasan por
diferentes etapas; analizamos unha mazá verde e outra menos apetitosa como consecuencia
do paso do tempo, tamén as árbores en cada estación e as persoas en cadansúa
etapa vital: neno-adulto-ancián.
Na quenda dos DINOSAUROS
debuxamos o noso dinosauro preferido dando renda solta á nosa imaxinación,
incluso tivemos tempo para converternos en auténticos exploradores escavando
ósos que semellaban de auténticos dinosauros... impresionante!
Por outra banda, grazas
ás ESTRELAS, lembramos elementos do espazo traballados o curso pasado:
planetas, constelacións, cometas... recreando con témpera de cores e pinceis de
diferentes grosores o noso Sistema Solar... a Osa Maior quedou xenial!
Co traballo das SOMBRAS,
descentramos a idea de esquemas corporais con cores e partes diferenciadas, pois
as sombras son negras, grises, escuras... nas que non se diferencian ollos,
nariz, boca... Este mini-proxecto achegounos ao uso do retroproxector de luz, xogando
coas siluetas creadas, xerando sombras pequenas, medianas, grandes...
O derradeiro
mini-proxecto trataba sobre os COGOMELOS, un eixo motivador que permitiu
achegarnos a un dos elementos representativos do outono traballado na clase. Agora
xa, identificamos as partes do cogomelo, incidindo na necesidade de coidar que cogomelos
son comestibles e que cogomelos son velenosos... moito ollo!
Sen lugar a dúbidas,
esta incursión na Aula de Educación Artística permitiu crear un ambiente propicio
para a estimulación da imaxinación e creatividade, na que desenvolvemos o
pensamento racional e a nosa capacidade de análise baseándonos no uso
sistemático da razón. Queremos repetir!...
- A CIDADE E MEDIOS DE TRANSPORTE - |
- O CICLO VITAL - |
- OS DINOSAUROS - |
- AS ESTRELAS - |
- AS SOMBRAS - |
- OS COGOMELOS - |
Un
saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!
1 comentarios:
Pequenos grupos pero grandes proxectos. Grandes leccions sobre a vida.
Publicar un comentario