Esta semana
mergullámonos no mundo de “Los increíbles MUN” desenvolvendo as nosas primeiras
actividades no libro nº1 de MUNELA.
Uf!... pero para chegar aquí, non vexades todo o que lembramos
e traballamos para que os resultados nos libros de MUNELA se axusten o máximo
posible ao noso rendemento. Comezaremos polo principio...
Xa durante os
primeiros días de cole, a modo de avaliación inicial, trazamos letras e
números, debuxamos formas de diferentes cores e tamaños, tamén comprobamos se
eramos quen de debuxarnos a nos mesmos...
Sen lugar a
dúbidas, resultaron uns días intensos nos que comprobamos todo o que
lembrabamos do curso anterior e todo o que esquezaramos. Porén, case case
comezamos dende o principio coas letras do abecedario, co trazo dalgúns números
seguindo a direccionalidade correcta, coloreamos, debuxamos de novo formas cada
vez máis distinguibles...
Aproveitando como
alicerce motivacional as festas de San Froilán, coloreamos un polbo que en gran
grupo acordamos podería ser de cor lila-violeta, rosa e mesmo de cor vermella...
Tamén para aplicar de forma contextualizada o traballo cotián da lecto-escritura,
escribimos un dos nosos primeiros títulos impresos. Nalgúns casos os avances
son... espectaculares!
Tamén, a partir das
achegas individuais nas asembleas sobre o San Froilán -o que deron de si estes
días-, aproveitamos para debuxarnos unha e outra vez de paseo polo recinto
feiral desfrutando onda as nosas familias dos nosos momentos máis divertidos...
o pesca-patos foi total!
Todo isto, foi o
resultado dun traballo sistemático previo no que lembramos como se tacha,
rodea, une, escribe... con lápis e/ou rotulador para que o trazo resulte máis
preciso... como se colle a cera para colorear ao xeito, sen présas para non saírnos
do contorno... non todo vale!...
Con todo, e cada vez
máis concienciados de que non todo vale, de que hai que traballar amodo, procurando
non saírnos do contorno, sen deixar oco nin “rayajos”... os nosos traballiños
son máis elaborados; mudando moi progresivamente esa locura desorbitada por
rematar axiña por unha actitude relaxada e libre de tensións cando nas
primeiras horas desenvolvemos en silenzo o traballo obrigatorio... que saber
estar!... tan marabilloso!...
Inevitablemente,
nun grupo de 26 nenos e nenas, hai de todo. Está claro que a algúns lles está
custando participar nas rutinas de traballo e xogo con orde, pero será cuestión
de tempo... paciencia!
Por outra banda,
e como actividades previas e de motivación, coñecemos algunhas das normas de
uso dos libros de MUNELA que se atopan por equipos de traballo na zona de
traballo obrigatorio en mesa. O momento da presentación dos libros resultou
todo un acontecemento... que ilusión!
Agora, sabemos
que no tempo do traballo en mesa, deberemos estar moi atentos na explicación de
cada actividade para saber que facer. Este curso, a interpretación libre está
prohibida..., moito ollo!... Para iso, cómpre poñer todo da nosa parte para facelo
o mellor posible, e así, cando levemos os materiais para a casa, as nosas
familias se poñan contentas, moooi contentas.
E é que non se
trata duns libros calquera... nooon!!!
Trátanse duns libros diferentes, especiais; son libros de maiores, cun montón
de fascinantes actividades que nos axudarán a comprender o noso pequeno-gran
mundo.
Agora xa, a
vindeira semana, farémosvos partícipes de todas as experiencias
terrrorificamente divertidas que xuntos viviremos co gallo da celebración do Halloween-Samaín. Estades preparados
para pasar medo?...
Un saúdo
e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!
0 comentarios:
Publicar un comentario