Siii, esta semana comezou o cole e, aínda que pasaron xa máis
de dous meses, parece que foi onte cando rematabamos 4 anos... como pasa o
tempo!
Así pois, a volta
ao cole estase convertendo nunha experiencia chea de sorpresas.
Neste senso, de
sobra sabiamos que este curso ademais de mudar de aula, tamén mudariamos de
andar, pasando do semisoto á entreplanta onda a outra aula de 5 anos.
Ao tempo, atopar a porta
da nosa aula resultou ben doado, non por atoparse como en cursos anteriores a
mascota de nivel como elemento identificativo, senón pola nosa fotografía de
grupo... estupendo!
Xa na aula, axiña
sacamos a prenda de abrigo para colgala no percheiro. Este curso, o noso nome e
fotografía non están na mesma orde que o curso pasado... moita atención!
Quedamos abraiados coa
disposición das mesas, co panel das rutinas, coa variedade de xogos, xoguetes e
pezas desta aula... diversión garantizada!
Máis tranquilos, cadaquén
sentou, alomenos de momento, onde prefería e, casualmente as parellas de
“mellores amigos” non dubidaron en sentarse onda o seu “mellor amigo ou amiga”...
estabamos encantados!
Por outra banda, e
para dar inaugurado oficialmente o curso como ben merece, lembramos de xeito
xeral a nosa asemblea.
Como é habitual, a orde alfabética establece que PABLO
A. se converta no primeiro súper-encargado
do curso, lembrando parte das rutinas establecidas ata o momento. Xa logo, foi a quenda de MARIO...
O que non sabiamos é
que na asemblea de 5 anos haberá novas rutinas que probarán as nosas
aprendizaxes para lembrar, reforzar e/ou consolidar conceptos tratados o curso
pasado: cálculo aritmético de sumas e restas, ditado de letras, lectura
individual e/ou grupal, iniciación á escrita en minúscula a partir do propio
nome... e todo en encerado de rotulador... fantástico!
Estes días de volta
á escola están sendo diferentes, son días de sorpresas, de festa e diversión, días
de reencontros e lembranzas que, a modo de avaliación inicial, nos serven para
determinar os coñecementos previos de cara ao inicio da primeira unidade
didáctica coa que coñeceremos máis detalladamente a MUNÍBAL, a mascota de 5
anos.
Este curso
preséntasenos de novo un gran reto: desenvolver a tarefa cotiá todo o mellor
que sabemos e traballar en silencio... acadarémolo?
Non sabemos como se
desenvolverá o resto do curso, pero alomenos de momento estamos contentos,
nerviosos, ilusionados... raros!, o profe notounos maiores, xa estamos na clase
de 5 anos e... este curso promete!
Un saúdo e non
esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!
1 comentarios:
Unha vez máis agradecerte o esforzo por facernos partícipes do día a día dos peques
Publicar un comentario