Mergullados nas
rutinas que rexerán a nosa aula durante este curso, esta semana farémosvos
partícipes das nosas primeiras actividades impresas de 5 anos como preludio ao
traballo máis sistematizado que levaremos a cabo nos caderniños de MUNÍBAL que
comezaremos a vindeira semana.
En primeiro lugar, lembramos
as normas de obrigado cumprimento no momento de traballo obrigatorio. Este
curso máis que nunca, ao ser un dos grupos de 5 anos, debemos concienciarnos de
que non todo vale e que, na medida do posible, tentaremos dar o mellor no tempo
de traballo individual.
Neste senso, e parece
ser que cada vez máis concienciados disto, os nosos traballos resultan elaborados
con máis detalle, alomenos amosámonos máis relaxados e libres de tensións...
marabilloso!
Con todo, sabemos
que no tempo de traballo en mesa debemos estar máis atentos na explicación de
cada actividade; isto séguenos custando especialmente, temos demasiada ansia
por organizar o traballo alleo e os resultados ás veces son caóticos, propios da
interpretación libre do traballo establecido. Cómpre prestar máis atención, e
así, cando levemos os materiais para a casa, as nosas familias queden abraiadas
co traballo desenvolto.
Indubidablemente están
resultando uns días intensos para comprobar todo o que lembramos do curso
anterior e tamén todo o que esquecemos, neste senso, as tarefas do súper-encargado
poñen a proba as nosas aprendizaxes... xenial!
Porén, case case
comezamos dende o principio coas letras do abecedario a partir da escrita real
e contextualizada de palabras significativas como “COLEGIO” e “MUNÍBAL”, co
trazo de números seguindo a direccionalidade correcta, coloreamos, debuxamos
formas distinguibles, repasamos conceptos básicos (diante/detrás,
pesado/lixeiro...)...
Unha das
actividades impresas que máis expectación levantou foi a que nos serviu para
descubrir algunha das características de MUNÍBAL, a mascota de 5 ANOS. Axiña advertimos
as súas cores: os cornos de cor amarela coma o resto da familia MUN, azul escura
para pelo e boca, azul clara ou “azul cielo-camuflado” para o corpo... estupendo!
Ao tempo, consolidamos
estes descubrimentos debuxando cadanseu MUNÍBAL coas cores indicadas en cada
caso... fantásticos resultados!
E que mellor
maneira que combinar todo este traballo de avaliación inicial que co xogo libre
e/ou semidirixido nos rincóns... Este curso, sempre que a xornada se desenvolva
con normalidade, introducimos como novidade os “rincóns exprés”... vaia feira!
Un saúdo e
non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!
0 comentarios:
Publicar un comentario