Dado que estamos comezando un novo curso, -estamos xa na clase de 4 anos-,
esta semana aproveitamos para lembrar algunhas das normas e rutinas
establecidas o curso pasado, ao mesmo tempo que introducimos algunha nova,
especialmente no momento da asemblea.
Así que moi atentos e silenzo que, a través do blogue faremosvos partícipes
do que facemos cada día nas asembleas matinais, preparados?...
O primeiro de todo, tras poñer e abotoar debidamente o mandilón, damos os
“Bos Días” ao resto de compañeiros e compañeiras e ao profe, e para ir
espertando, cantamos a canción dos “Bos Días”. Este curso trátase dunha canción
diferente que aprenderemos por estrofas en cada trimestre, a primeira das
estrofas está xa case case...
Xa logo, o profe designa os “Coordinadores de Equipo”, cuxa misión é a de
coller e recoller as caixas das pinturas e os botes dos rotuladores, así como
de repartir os libros prestando moooita atención
aos nomes para non equivocarse.
Pero sen lugar a dúbidas, o verdadeiro protagonista da asemblea é o súper-encargado.
Son moitas e variadas as funcións do súper-encargado:
- elixe a pegatina
para que o mandilón do profe esté ben bonito,
- realiza a fichaxe
de ausencias e presenzas dos nenos e das nenas e fai o reconto final,
- este curso
comezamos a realizar con paciencia, operacións matemáticas sinxelas, moooi sinxelas,
- tamén escribe o seu
nome e o da mascota (PASCUALA), así como outras palabras que resulten
sinxelas. Comezamos con palabras significativas do centro de interese que
estamos traballando en cada unidade didáctica.
- escribe as letras
do abecedario que o resto de compañeiros e compañeiras van ditando, os
números do 1 ao 9 e o 0,
- realiza a
constatación do tempo atmosférico e consigna os resultados no panel do
coello espacial,
- elixe que neno ou
nena irá de primeiro na fila de comedor...
Tamén como novidade, este curso no momento destinado ao xogo libre nos
rincóns, o súper-encargado xogará no
ordenador... fabuloso!
Na asemblea, ademais de todas estas tarefas, entre todos e todas repasamos a grafía dos números do 1 ao 9 e o 0, así como a grafía das letras do abecedario, asociando palabras a cada letra.
Como colofón final, o súper-encargado
lembra a actividade impresa realizada o día anterior e o profe organiza a
xornada de cada día: explica que actividade ou actividades levaremos a cabo, os
especialistas de cada día...
Pero é que durante esta semana, tamén levamos a cabo as nosas primeiras
actividades impresas que lle serven ao profe para realizar unha avaliación
inicial acerca dos nosos coñecementos, acerca das nosas aprendizaxes, daquilo
que lembramos e do que non... e así poder actuar en consecuencia durante as
vindeiras semanas.
Esta semana centrámonos na lecto-escritura. Os resultados non defraudaron, non estiveron mal, pero foi unha mágoa que moitos de nós estivésemos cunha actitude de cansancio permanente e non aproveitáramos máis o tempo... pouco a pouco voltaremos a ser os de antes... incansables!
Esta semana centrámonos na lecto-escritura. Os resultados non defraudaron, non estiveron mal, pero foi unha mágoa que moitos de nós estivésemos cunha actitude de cansancio permanente e non aproveitáramos máis o tempo... pouco a pouco voltaremos a ser os de antes... incansables!
Ademais, e tendo en conta a fin das vacacións, aproveitamos para plasmar nun debuxo aquilo que máis nos entusiasmou de todo este tempo sen cole. Había debuxos para todos os gustos: na praia, na piscina, no parque...
Para ser a nosa primeira semana de cole, non estivo nada, pero que nada
mal...
Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos
comentarios!
1 comentarios:
Como lle costara a algúns, este veran foi demasiado divertido..paciencia José Ricardo....
Publicar un comentario