Hoxe venres
21 de decembro, por fin chegou o tan ansiado final de trimestre, día no que
levamos os materiais elaborados de MUNELA para a casa e participamos no
Festival de Nadal onda o resto de nenos e nenas do cole.
O Nadal é
tempo de soños e ilusións compartidas, a inminente chegada de Papá Noel e das
SS.MM. os Reis Magos de Oriente, propician un case permanente ambiente de maxia
que evidentemente non deixamos escapar na escola e na nosa aula.
Así, ao
tempo que cada día o súper-encargado abre
unha fiestra do Calendario de Adviento, aproveitamos para realizar un senfín de
actividades coas que nos achegamos a algúns dos elementos, celebracións e
costumes do Nadal na nosa comunidade.
Neste senso,
realizamos diferentes actividades impresas cuxo eixo motivador, como non podía
ser doutro xeito, foron Papá Noel e as SS.MM. os Reis Magos de Oriente,
personaxes por excelencia desta data.
Comezamos
coloreando de cor vermella o calcetín que noutros países Papá Noel (Santa
Claus), enche de agasallos a nenos e maiores, por suposto dándolle o noso toque
final... purpurina dourada!
Tamén coloreamos
ás SS.MM. os Reis Magos de Oriente seguindo o código de cor establecido na
actividade impresa. Non temos de todo claro quen é Melchor e quen é Gaspar, a
quen si coñecemos de sobra é a Baltasar.
Como xa
vos contamos noutras ocasións, con estas e outras actividades, ao tempo que
coidamos en realizar o traballo cotiá da mellor maneira posible (sen présa e
prestando atención ao traballo propio), avanzamos na escrita espontánea de
palabras significativas... fantástico!
Con tanta
ansia por traballar neste sprint final
de trimestre, adicamos diferentes momentos ao christmas que xa o xoves levamos para as nosas casas: pegamos
estrelas troqueladas de purpurina, estampamos o dedo impregnado en témpera de
cor branca, escribimos “BO NADAL 2018”... bonito, bonito quedou o noso christmas, que máis dun colocou na árbore
de Nadal.
Sen lugar
a dúbidas, esta semana foi de festa, resultou unha semana distinta na que se
presentía certo saber a remate de trimestre e por iso, un día organizados en
fila, percorremos os corredores do cole para admirar a coidada decoración de
cada espazo: portas, paredes, fiestras... canto detalle!
E aínda
quedaba o mellor... a celebración dos aniversarios de decembro! Uns entregados
BELTRÁN, NABIA, VALERIA, ALICIA e SIRA, como anfitrións deste mes, cumpriron
coas rutinas deste momento deixando paso á tarta de 5 ANOS que en xaneiro
comezará a encherse con novas fotografías... parabéns!
Por tratarse
duns aniversarios de final de trimestre e de ano, nesta ocasión, a celebración
foi máis aló do habitual pois, ao ritmo dos éxitos do Just Dance 2018, gozamos dun momento de festa inigualable,... queremos
repetir!
Isto, e a
celebración do Festival de Nadal no que interpretamos a panxoliña de
composición propia da profe Marta: “Chega
o Nadal”, foron o mellor final posible deste 1º trimestre de 4 ANOS.
Agora xa,
toca gozar destes días de vacacións e repoñer forzas para encarar un 2º
trimestre que se presenta cargado de novas sorpresas... este cole si que mola!
Un
saúdo con sabor a turrón e a mazapán e
non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!
0 comentarios:
Publicar un comentario