A piques
de rematar o 1º trimestre non queriamos deixar de facervos partícipes, unha vez
máis, das actividades desenvoltas no que vai de curso na aula de Educación
Artística da Facultade de Maxisterio.
Neste senso,
e sabedores de que a linguaxe artística xoga un papel indiscutible en Educación
Infantil, participamos activamente en 3 obradoiros artísticos cuxo obxectivo
foi achegarnos, se cabe aínda máis, ás múltiples posibilidades que nos ofrece a
linguaxe plástica, musical e corporal.
Esta nova
incursión na aula de plástica non resultou algo novo para nós, pois ademais das
actividades desenvoltas o curso pasado, estes días como xa vos contamos,
seguimos afondando no descubrimento, coñecemento, identificación e reflexión dos
bits de intelixencia nos que da man de artistas de renome tales como: Picasso,
Leonardo Da Vinci, Miró, Salvador Dalí, Goya... aprendemos a valorar elementos
artísticos próximos á nosa experiencia.
"Cuadrados con círculos concéntricos" de Vasili Kandinski |
Nesta ocasión,
en varios días desenvolvemos sendos obradoiros nos que a través de elementos e
materiais propios da linguaxe plástica e material de desfeito e refugallo,
aúnamos as distintas linguaxes artísticas.
En primeiro
lugar, organizados en pequeno-grupo, dispuxémonos en distintos espazos da aula
de plástica onde os estudantes de Maxisterio -con paciencia- nos explicaron en
que consistía cada actividade. Tocaba poñerse mans á obra... non había tempo
que perder!
Un dos
primeiros obradoiros desta quenda de actividades foi mesturar a expresión
plástica, musical e corporal: movémonos polo espazo delimitado para tal fin ao
ritmo da música, saltamos, arrolamos, corremos, andamos... e todo descalzos!...
Xa logo,
cun material que apenas coñeciamos (carboncillo), expresamos en papel o que nos
transmitía a música: raiamos, garabateamos, coloreamos, trazamos... non sabemos
moi ben o que, pero o que está claro é que deixamos voar a nosa imaxinación e
que o noso corpo fluíra libremente... canto rimos!
Noutro espazo,
xa de xeito máis organizado, convertémonos en pequenos-grandes artistas creando
e recreando con pincel e témpera de todas as cores aquilo que cadaquén quixo:
cor vermella, amarela, marrón, verde... canto gozamos deste momento debuxando formas,
liñas... canta cor!
Finalmente,
no derradeiro obradoiro, deixando paso agora á arte en 3D, demos paso ao mundo
da escultura onde, cunhas pezas de construción extra-grandes, compuxemos unha e
outra vez diferentes esculturas ás que ademais lles tivemos que dar título.
Quizais este
resultou o obradoiro máis complexo, a nosa ansia por interaccionar coas pezas
de construción impedía ter un mínimo de organización na actividade, calma e non
hai que esquecerse que... hai que compartir!
E aínda
quedaba o mellor, decorar con xiz de cor branca a escultura XXL composta en
pequeno grupo: soles, corazóns, casas, nubes, flores, árbores... mesmo un
foguete espacial!...
Xa logo,
de xeito individual, cadaquén debuxou a súa composición/construción para,
posteriormente, convertidos en auténticos artistas, explicar ao resto do grupo a
súa obra: agardando a quenda, escoitando con atención, erguendo a man para
falar... canto nos custa!
Unha vez
máis, e grazas a este ambiente tan propicio para a estimulación da imaxinación
e creatividade, observamos, identificamos, coñecemos e diferenciamos propiedades
e calidades de obxectos cotiás, decatándonos que hai... arte por todas partes!
E agora
que?... Pois ademais de seguir avanzando no caderniño de MATEMÁTICAS, daremos
un pulo á panxoliña de composición propia da profe Marta: “Chega o Nadal” para a estrea mundial do venres 21 de decembro co
que pecharemos este 1º trimestre de 4 ANOS... case todo listo!
Un saúdo
e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!
0 comentarios:
Publicar un comentario