Coñecedores
das posibilidades da expresión plástica como forma de comunicación e
representación, o martes asistimos de novo á aula de Educación Artística da
Facultade de Maxisterio... que sorpresa!
Como xa
vos contaramos, alá polo mes de novembro asistiamos por vez primeira a unha das
aulas con máis arte de toda a Facultade de Maxisterio para participar
activamente nun obradoiro artístico no que creamos e recreamos diferentes
esculturas a partir de materiais de desfeito e refugallo.
Pois ben, nesta ocasión o conto resultou ben diferente, e no canto de ser nós os
artistas, foi a quenda do alumnado de 2º de Maxisterio que nos deleitou coa
lectura de contos de elaboración propia onde de novo os materias de desfeito e
refugallo convertéronse na súa materia prima fundamental.
Sen lugar
a dúbidas, a narración e escoita activa de contos en Educación Infantil,
artéllase como un valioso recurso didáctico que posibilita o desenvolvemento
lingüístico, a consabida adquisición de técnicas de lecto-escritura, aprendemos
a escoitar, a pensar, a adquirir un primeiro código moral, a ver as cousas cos
ollos da imaxinación... contaxiándonos do entusiasmo dos libros como portadores
dun mundo máxico e marabilloso.
No
momento no que se parte dun conto como eixo motivacional, somos conscientes do
éxito da actividade e, sen perder detalle das 3 historias contadas, respondemos
ás preguntas formuladas para comprender o argumento e clarificar os feitos
acontecidos.
Tamén,
nesta sesión fixemos unha achega ao universo de Bruno Munari: artista e deseñador italiano que experimentou no
campo da didáctica, cinética, gráfica, publicidade e fotografía... case nada!
Bruno
Munari atopaba os libros infantís “aburridos e sen sorpresas”, así que decidiu
elaborar el mesmo os libros para o seu fillo, ideando e realizando os Prelibros,
libros para nenos e nenas que non saben ler nin escribir, e que lles axudan a
familiarizarse coa lectura.
Así pois,
en pequeno grupo, descubrimos o universo Munari a partir da manipulación de
prelibros elaborados polo alumnado de Maxisterio onde se respectaba o formato
dos orixinais (10 cm. por 10 cm.), facilmente asibles e con diferentes
estímulos visuais, táctiles, olfativos, sonoros, térmicos...
Con este
ambiente tan propicio para a estimulación da imaxinación e creatividade,
observamos, identificamos, coñecemos e diferenciamos propiedades e cualidades destes
prelibros, pero... ten que ser amodo!
Sen decatarnos,
a actividade resultou un tempo de traballo en equipo no que cadaquén manipulou
aqueles prelibros que consideraba, estimulando a creatividade, o pensamento
diverxente e o sentido crítico.
Agora xa,
nas vindeiras semanas pecharemos as actividades dos caderniños de MUNA, ao
tempo que, sen querelo, despedimos a MUNA e damos a benvida a MUNELA, a mascota
xa de 4 anos... que rápido nos facemos maiores! Anticipamos que a MUNA “no le gustan las despedidas”...
Un
saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!
1 comentarios:
O obxectivo de estimular a lectura e a imaxinación acadouse de sobra, e agora son eles os que nos "leen" os contos. Facia falla que na educación se avanzara ó igual que no resto dos campos. Grazas
Publicar un comentario