Esta semana, puxemos
o colofón final á Semana das Letras Galegas 2018 participando nas actividades
propostas a nivel de centro.
O mes de maio
celébrase o Día das Letras Galegas para homenaxear a escritores e escritoras
que escribiron en galego e defenderon o noso idioma. Este curso homenaxeamos a
María Victoria Moreno.
Así pois, comezamos
realizando achegas a algúns detalles da vida e obra desta autora nada nunha
vila de Cáceres e que con 22 anos veu traballar á nosa terra. Adicou a súa vida
a escribir obras de literatura en lingua galega, ao tempo que deu clase aos
rapaces e rapazas de Instituto en Sanxenxo, Pontevedra, e mesmo no IES Lucus Augusti, sito onda o noso
centro.
A súa primeira novela Mar adiante, conta a historia duns nenos que fan escola dentro dun barco ao tempo que van navegando polo mar. O cataventos, conta a historia dun galo chamado Don Pío, que quería chegar máis alto que o resto das súas compañeiras do galiñeiro. A festa no faiado, Un cachiño de bica? e Xa non teño medo, son algunhas das obras máis representativas da súa traxectoria como escritora en lingua galega.
Ao tempo de todos
estes descubrimentos e pescudas, o mércores, véspera do Día das Letras Galegas,
adicamos a xornada a mergullarnos de cheo no significado desta conmemoración desenvolvendo
varias actividades impresas nas que traballamos a figura de María Victoria
Moreno.
Dende a asemblea
matinal, sabiamos que esta sería unha xornada diferente, pois logo do momento
da merenda asistiriamos ao ximnasio ao acto organizado a nivel de centro, así
que non había tempo que perder...
En primeiro
lugar, comezamos dándolle cor a unha caricatura da autora homenaxeada,
acordando na asemblea matinal a cor de cada parte: a cara e pescozo de cor
carne, o pelo de cor negro, a chaqueta de cor azul clara ou escura e os beizos
de cor vermella.
Xa logo,
coloreamos de cor vermella un corazón “grande” nunha actividade impresa na que
de novo aparecía a caricatura de María Victoria Moreno.
Sen decatarnos, a
caricatura desta autora converteuse nun dos emblemas desta celebración, e boa
proba disto foron os murais que decoraron os corredores de ambas alas do noso
centro... bo traballo!
Asemade, e dada a
produción de textos infantís e xuvenís de María Victoria Moreno, recreamos un
dos poemas da súa obra: Xa non teño medo,
que trata sobre un neno que tiña medo a durmir ás escuras. Non se trata dunha
actividade illada, senón dunha das propostas organizadas polo Equipo de
Dinamización da Lingua Galega do centro no que participarán todas as aulas da
escola e que axiña verá a luz en formato de conto ilustrado que pasará a formar
parte da biblioteca do centro... excelente!
A nosa achega foi
recrear os versos outorgados para tal efecto no que se falaba dun sol, unha
ambulancia e un raio... así que con
rotuladores e ceras plásticas recreamos na súa quenda este fragmento ao que
engadimos o fragmento adxudicado.
Posteriormente, logo
da merenda, asistimos expectantes ao ximnasio onde os máis maiores do cole,
interpretaron poemas e cancións como mostra da riqueza do noso folklore
popular... parabéns!
Houbo de todo e
para todos os gustos, un acto no que algúns non perdemos detalle, outros
aproveitamos para facer das nosas e mesmo houbo quen botou unha sesta quedando
profundamente durmidos...
E para rematar...
que mellor que facer unha roda e movernos ao son da música e celebrar todos
xuntos un dos días grandes da nosa comunidade autónoma: o Día das Letras
Galegas 2018.
Un saúdo e non
esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!
0 comentarios:
Publicar un comentario