Co gallo
da conmemoración da Semana do Libro 2018, non vos contaramos que o martes 24 de
abril, gozamos dun concerto didáctico a cargo da Escola Municipal de Música.
A Escola
Municipal de Música de Lugo naceu no ano 2012, é un proxecto totalmente público
e unha ferramenta para a cidadanía de todas as idades que se queiran achegar á
música a partir das diferentes actividades que se ofertan cada curso: música e
movemento, formación básica, materias instrumentais, agrupacións, materias
teóricas...
Este curso,
os compoñentes da banda de música prepararon un espectáculo no que baixo o
título: “A volta ao mundo en 80 notas”
nos transportaron a diferentes países do mundo.
Así, o
martes comezamos a xornada coma sempre coa asemblea matinal, despois o momento
de traballo individual e xa logo a merenda máis pronto que nunca... non había
tempo que perder! Axiña nos apresuramos para acudir ao ximnasio no que ficada
todo listo e preparado para que comezase o espectáculo... que emocionante!
Sen movernos
do sitio grazas a uns entregados personaxes, viaxamos a México, Rusia, Italia,
África... descubrindo elementos representativos de cada país:
gastronomía, roupa, fauna mariña, folklore...
Sen lugar
a dúbidas, este concerto didáctico permitiunos desenvolver a discriminación
auditiva, recoñecer instrumentos musicais, valorar a música como medio de
comunicación e expresión... ao tempo que coñeciamos a actividade da Escola
Municipal e Banda de Música do Concello de Lugo.
Xa máis
tranquilos de volta na clase, dado o cúmulo de situacións vividas antes-durante-despois
do concerto, reunímonos en asemblea para comentar as nosas impresións,
valoracións e conclusións; o suceso co “tiburón”
resultou o máis valorado/aplaudido... fantástica recreación!
Paralelamente
a estas actividades, hoxe mesmo, venres, último día da semana, puxemos o punto
e final ao traballo desenvolto co gallo do comezo da primavera,... o mural do corredor
precisaba das nosas achegas!
Deste
xeito, nestes días picamos de novo outra flor, -agora grande-, para superpoñer
á outra elaborada días atrás; tarefa sinxela que pon a proba a nosa
perseveranza na actividade, non hai que desistir no picado con demarcación,
paciencia, sen présa...
Ilusionados,
organizámonos en silencio nunha fila para crear un marco de flores multicolor
arredor da creación plástica dos nenos e nenas do mandilón de cor azul (5 anos)...
non quedou de todo mal o resultado: bolboretas, xoaniñas voadoras, sol,
nubes..., e flores, moitas moitas flores...
Agora si!...
O noso corredor máis bonito que nunca ás veces semella un auténtico museo no
que en función da época e/ou festividade de cada momento do curso muda a súa
decoración... ata nos decatamos da fotografía de grupo dende esta mesma semana
fica onda a nosa porta... excelente!
E xa a
vindeira semana... que pasará na nosa cidade a vindeira semana?... A “XV Semana Internacional da Maxia”!!...
Lembrade que un ano máis, Lugo transformarase
na capital do ilusionismo dende o 6 ao 12 de maio con numerosas actuacións no
Auditorio Municipal e en diferentes lugares, rúas e prazas... lugomáxico!
Un saúdo e non
esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!
1 comentarios:
¡Que bonito y colorido!. No me extraña que les encante. Después de ver el mapamundi ya entiendo la historia de ir a China ......
Publicar un comentario