Tras unha
andadura chea de vivencias, experiencias, descubrimentos e aprendizaxes, chega
o final do curso co inicio do verán e as vacacións.
Así pois, para
rematar o curso como ben merece, a última semana gozamos de diferentes actividades
que mudaron de xeito considerable o desenvolvemento de cada xornada escolar. Neste
senso, e para ter proba física de todo o que nos agardaba, marcamos
con fluorescente no calendario do panel de rutinas cada acontecemento para ir
facendo a conta atrás de tanta novidade: o libro das letras, a letra animada, o
estoxo, os materiais...etc... canta cousa concentrada!
En primeiro
lugar, adicamos parte da semana a organizar, arquivar e lembrar todas as
actividades impresas desenvoltas ao longo do curso. Comezamos co caderniño de El jardín de las letras (Edit. Anaya) co
que nos aproximamos á lectura e escrita en letra enlazada das vogais a partir das
historias de Ana, Emilio, Inma, Óscar e Úrsula.
De todos os
xeitos, os materiais que causaron máis expectación foron as actividades
impresas que alá polo mes de outubro comezamos a arquivar en cadansúa gabeta. Había
actividades impresas que nin lembrabamos: do San Froilán, de contos como o de A que sabe a lúa? (Edit. Kalandraka), do
Samaín-Halloween -pantasmas, Frankensteins, mascota de Drácula-, actividades da
secuencia de aprendizaxe sobre o espazo exterior, onde os planetas,
constelacións, naves espaciais, alineníxenas... enchen cada espazo de
actividade... canto traballamos!
Afortunadamente, e
como vén sendo decote na organización da nosa secuencia rutineira, estes
momentos de traballo combinámolos co recordo de varias das cancións que
inspiraron momentos verdadeiramente xenuínos durante o curso: Arco Iris, Robin Hood, Noche de Terror,
Sueña de David Bisbal e ata Las flechas del amor de Karina...
divertidísimo!
Xa o xoves,
coidamos que o curso estaba a piques de rematar, pois logo do acto organizado
no hall do noso edificio co gallo da
graduación dos nenos e nenas de 5 anos, dispuxéronse mesas con snacks variados a modo de merenda de
despedida coa que festexar o final de curso... mmm, que idea!
E aínda quedaba o
máis xenial... gozar coas cancións do momento a través da proxección no
Encerado Dixital Interactivo (E.D.I.) das últimas novidades do Just Dance 2017... como nos gusta
bailar!... que artistas!.. non se nos escapa unha!...
Asemade, neste
ambiente de festa, e xa máis tranquilos, un a un asinamos a modo de recordo de
grupo nos círculos dispostos na tarxeta de MUNELA coa que o xoves, en plena
asemblea, vivimos un momento inigualable cuns convidados especiais... as nosas
familias!... inesquecible... GRAZAS de corazón!...
E xa para rematar...
que mellor que converternos nun dos personaxes sobre os que xiraron gran parte
das conversas deste curso: o conde Drácula... a Drakuleta estaba deliciosa!...
Agora xa, sen
esquecer todo o vivido, toca disfrutar das tan merecidas vacacións que comezan,
aproveitando estes meses de verán para recargar as pilas para os retos e
actividades que nos agardan a partir de setembro... case listos e preparados!
Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!
Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!
0 comentarios:
Publicar un comentario