Hoxe venres, puxemos o colofón final a uns días de
intenso traballo que nos serviron para achegarnos aos cambios que trae consigo o
outono.
Así pois, se nos mergullabamos na celebración do Halloween-Samaín coa pantasma Enrique,
nesta ocasión, a historia das castañas CATARINA e CATUXA, serviu de alicerce
para achegarnos á identificación dalgunhas características que se producen no contorno
e na vida das persoas co outono.
Alá polo 22 de setembro, do mesmo xeito que comezaba o
outono no calendario, entraba este eixo motivador na nosa aula a modo de
actividade impresa na que coloreamos cadansúa árbore iniciándonos por primeira
vez na escrita real e contextualizada dun dos nosos primeiros títulos: “OTOÑO”,
con lápis, amodo... que difícil nos resultaba!... canto cambiamos!...
Xa logo, estampamos ao chou co dedo pintor impregnado en
témpera as follas. A témpera resultou un grato descubrimento...
Bonito, bonito... quedou o noso corcho das rutinas
vestido de outono...
O certo é que somos ben afortunados, a media mañá, no
momento do recreo, desfrutamos dun enorme patio de xogos con 3 zonas
diferenciadas. Unha zona de area de uso exclusivo para os pequerrechos e
pequerrechas do mandilón de cor verde (3 anos), unha modesta zona de columpios
e unha espectacular zona verde con castiñeiro incluído. Cantas follas, paus,
pedras... recollemos do chan!... Ah!,
pero é que ademais algúns levamos case a diario para a casa a súa ración de castañas
e noces... XOANA é unha crack!
Asemade, unha mañá vimos como un home -supoñemos que
se trata do... xardineiro ou varrendeiro do cole??-, varría as follas facendo pequenos
montóns. Axiña PAULA, vasoira en man, non dubidou en intentar facer o seu
montonciño, complicado dabondo... canto pesaba e que longa era a vasoira!
Durante estas semanas, decatámonos que ademais das
follas, outro elemento característico do outono son os cogomelos, por iso, para
o concurso organizado pola “Sociedade
Micolóxica Lucus”, participamos onda o resto das aulas de Educación Infantil
nun mural en 3D. Modelamos con plastilina de cores cogomelos diferenciando: o pé
e o sombreiro.
O máis difícil foi non misturar a plastilina, por iso,
organizámonos nun improvisado obradoiro de modelado no que cada mesa-equipo,
debía elaborar unha parte do cogomelo. Plastilina de cor branca, vermella,
amarela e laranxa... con axuda quedaron uns cogomelos estupendásticos!...
E o resultado final... xenial!... Profe Sonia e
Alberto son uns artistas!, mágoa que a exposición durase tan pouco...
Por outra banda, no tocante á celebración do magosto,
como un gran acontecemento marcamos no calendario das rutinas, -nada máis e
nada menos que con rotulador fluorescente de cor verde-, o día do magosto e...,
por fin chegou o día!
Tratábase dun día especial, diferente, non tivemos
asemblea, e a primeira hora recibimos a visita de 6ºA que nos contou unha
historia apoiados nunhas láminas orixinais que nos deixaron como agasallo...
parabéns!
Pola contra, para este día, preparamos como auténticos
súper-maiores á castaña CATARINA para
a coroa e á castaña CATUXA para o cucurucho.
Iluisionadísimos, LOIS e LARA contáronlle á teacher Mar a teima de CATARINA... quería
ser pallaso!
Xa no
edificio dos maiores, logo do patio, o profe José Antonio e a profe Herminia, nos
repartiron unha présa de castañas... algunha estaba quentiña!
O encontro
con MARINA, NOA, CARMEN, HÉCTOR, entre outros,... foi total!... por fin o profe
coñeceu aos nosos irmáns!...
Logo, participamos no xogo de “coelliños ao tobo”, saltando
cos pés xuntos e depositando a castaña no espazo indicado... canto animamos!
Probamos puntería co “come castañas”... intentámolo
unha e outra vez!
Para rematar e voltar á calma, seguimos o percorrido sen
saírnos do camiño marcado no chan para levar as castañas ata a casa... paciencia!
O magosto non defraudou, e para deixar constancia deste
momento, debuxamos o xogo que máis nos gustou... “coelliños ao tobo” o máis
recreado!
E para a semana que vén, un novo acontecemento marcado
novamente no calendario das rutinas, desta vez con rotulador fluorescente de cor
rosa, sucederá o xoves... trátase dunha rutina que levamos tempo agardando... unha
rutina semanal coa que xa nada voltará a ser igual!...
Un saúdo e non
esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!
3 comentarios:
Parabéns mestre e meniñas e meniños!
Moito traballastes! Que bonito!
....morro de amor vendos disfrutar...gracias
Moi bo traballo equipo!!!
Publicar un comentario