Agora si, agora si que podemos dicir que comezamos o
cole dos maiores, pois unha vez rematado o período de adaptación no que a
quendas de permanencia na aula se refire; esta semana descubrimos algunhas das
rutinas e ritmos cotiás que desenvolveremos na nosa aula ao longo do curso. E
claro, unha das primeiras rutinas obxecto de aprendizaxe non podía ser outra
que a posta e abotoado correcto do mandilón... uf, que difícil!
De listas azuis e brancas, con cadros pequerrechiños
azuis e brancos... aderezados, nalgúns casos, cos nosos personaxes favoritos de
debuxos animados, con botóns multicores e cunhas fermosas letras de cores nas
que pronto seremos quen de identificar o propio nome e o dos nosos compañeiros
e compañeiras... uns mandilóns chulísimos!
Sen lugar a dúbidas, o mandilón convertirase na prenda de vestir por excelencia que luciremos durante os cursos da Educación Infantil, asemade, convertirase nun elemento co que traballaremos diversas capacidades, habilidades, destrezas e actitudes que incidirán no noso desenvolvemento integral e harmónico.
Así pois, cada mañá, entraremos na aula no “tren de
Martiño” comezando coas rutinas de entrada, e dentro destas, coa posta de
mandilón como primeiro ritmo cotiá.
A través desta rutina, traballaremos un senfín de contidos
tales como, entre outros: a coordinación óculo-manual e relacións matemáticas de
correspondencia -cada botón correspóndese con cadanseu ollal-, actitudes de
gozo e disfrute ante um aspecto coidado e ordeado dun mesmo -ollo ao ollal, cada
botón no seu lugar!-, hábitos de autonomía persoal no tempo que poñemos e
abotoamos de xeito cada vez máis independiente, sen a axuda do profe, o
mandilón -un brazo, outro brazo e... a voar!-... interesante e froitífera
rutina... non si?...
E tras a posta do mandilón?... Comeza a xornada: a asemblea matinal con todos os seus ritos e rutinas, o tempo de traballo en mesa, a clase dos especialistas, o momento da merenda, o tempo do patio no parque do tobogán grande, a sesión de contacontos e as dinámicas de expresión rítmico-musical-corporal, o xogo libre e/ou dirixido nos rincóns...
Os nenos e nenas de 3 ANOS B, estamos preparados para descubrir
e disfrutar de todo o que nos agarda este curso 2014-2015... COMEZAMOS!!!
1 comentarios:
A última foto é fantástica!!!! ^_^
Velos tan contentos, aprendendo a poñer os mandilóns, xogando... envexa do profe por ter a oportunidade de estar aprendendo con estes pequeniños!
Publicar un comentario