Logo dunhas merecidas vacacións de verán, voltaremos a vernos de novo o
próximo mércores 12 de setembro (de
11:00h. a 12:00h.) e, aínda que a moitos de nós custaranos coller de novo
os hábitos e o ritmo de traballo acadados ao longo do pasado curso, quen máis e
quen menos seguro que está desexando atoparse de novo cos compañeiros e
compañeiras, coñecer en que equipo de traballo estaremos e en que mesa nos
sentaremos, coñecer as aventuras e desventuras de Pascuala, a nosa nova mascota
de aula...
Este curso non se trata dun curso máis... nooon!!!, xa non somos os máis pequerrechos e pequerrechas do cole,
así que deberemos dar exemplo aos nenos e nenas de 3 anos que alá polo mes de
xuño viñeran a visitarnos ao cole... lembrades? Así, ao ser xa nenos e nenas de
4 anos, intentaremos non chorar nas entradas, portarnos extra-fenomenal en cada
momento da xornada, facer o noso traballo cotián o mellor posible...
Notaredes que vimos con moitas ganas e motivación, sabedores de que como
non podía ser doutra forma, a nosa familia estará sempre ao noso carón
felicitándonos polos éxitos acadados e alentándonos a intentalo unha e outra
vez ata conseguilos... mil millóns de grazas!
Un curso máis, e a medida que avance o calendario escolar, iranse sucedendo
as distintas actividades e conmemoracións que marcan o curso e o ritmo da nosa
aula: as cabazas do Samaín e as castañas do magosto, compartiremos soños e
ilusións no Nadal, as máscaras e disfraces do Antroido... e moitos máis acontecementos
que vos iremos contando no noso blog; un blog que con esta entrada da por
inaugurado oficialmente o curso académico 2012-2013... preparados?
Un saúdo e non esquezades
que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!
1 comentarios:
bo comezo de curso a todos e a todas
Publicar un comentario