Tras unha andadura
chea de vivencias, experiencias, descubrimentos e aprendizaxes, chega o final do
curso e de etapa co inicio do verán e as vacacións.
O verán é un
período vacacional, e resulta importante que os nenos e nenas gocen del como
tal. Alén disto, as familias debedes ter en conta que calquera xogo ou actividade cotiá pode adquirir certo
trasfondo pedagóxico.
Por iso, ademais de
xogar, ir á praia, ao parque, de viaxe visitar novos lugares... é importante
que, cada día, reservedes un tempo para realizar algunha tarefa que sirva de
medio para ampliar, consolidar e/ou reforzar algunhas das capacidades
adquiridas ao longo destes cursos. Non se trata tanto de facer “fichas”,
trátase de que os nenos e nenas non
perdan o hábito e a actitude de traballo acadada ao longo destes cursos; trátase
de establecer unha rutina de traballo cotiá tamén no tempo de verán.
Respeto á lecto-escritura, como sabedes, un
lector non nace, faise, para iso, debedes transmitir
o valor da lectura como unha fonte de aproximación a novos coñecementos e
como unha porta aberta ao mundo da fantasía.
Á hora de ler, deberedes
crear un clima cálido, seguro, de
proximidade física e afectiva. Non intentedes obter do neno ou nena máis do
que pode dar segundo o seu estadio evolutivo, isto pode causar frustracións e rexeitamento cara a lectura.
Neste senso, resulta esencial que os nenos e nenas
se sintan motivados de cara a
proposta de actividades, pois só deste modo, gañarán confianza nas propias posibilidades,
seguridade... actitudes que os levarán, consecuentemente, a incrementar
progresivamente o seu afán de superación
e facer sempre as tarefas do mellor xeito posible.
Entre as posibles actividades que podemos desenvolver
durante estas vacacións, primando sempre o periodo vacacional e de descanso
característico destes meses, estarían:
·identificación e trazado de grafemas: para isto, podedes servirvos de textos significativos e da
técnica escolar do ditado...
·recoñecemento e trazado de números significativos,
recta numérica ascendente/descendente, cálculo mental con sumas e restas,...
·identificación de cores,
trazos e formas planas en elementos da realidade,
·facer uso da expresión
artística como forma de
comunicación. Deixade que os nenos e nenas se expresen a partir das
posibilidades da linguaxe plástica, musical e corporal, de xeito libre, sen
modelos. Non esquezades que o máis importante é o proceso, non o produto...
Agora xa, sen esquecer todo o vivido durante estes 3 cursos xuntos, toca desfrutar das vacacións que hoxe venres 19 de xuño comezan; aproveitando estes meses de verán para recargar as pilas para os retos e actividades que nos agardan a partir de setembro en 1º de Educación Primaria... Bo verán familias!