Embarcados
nunha misión espacial, estas semanas descubrimos e identificamos algúns
elementos representativos do Sistema Solar, así que… cinturóns abrochados que a viaxe comeza…
preparados!
Como
sabedes, comezamos cada xornada coa asemblea matinal, un tempo adicado á
expresión oral, reflexión, organización e secuencia das actividades propias de
cada día no que a elección do súper-encargado
é un dos momentos clave.
Entre
as tarefas que realiza o súper-encargado,
ademais da fichaxe de ausencias e presenzas e das actividades de
lecto-escritura e de pensamento e razoamento lóxico-matemático, está a rutina de
PIPO, o coello espacial.
Chegado
este momento, introducímonos na observación e identificación dalgúns fenómenos
atmosféricos e meteorolóxicos que se suceden no día a día, constatando en cada
caso co seu pictograma correspondente -de sol, sol con nubes, nubes negras/grises
e choiva-, o tempo cotiá.
Estes
días, a partir desta rutina, e convertidos nuns auténticos astronautas,
descubrimos planetas tales como: XÚPITER
e VENUS, compostos fundamentalmente
de gases e rochas volcánicas, respectivamente.
Tamén coñecemos
un dos nosos planetas favoritos: SATURNO,
cuxa forma esférica rodeada de aneis de cores nos resulta tan espectacular.
E
como non, a TERRA, que resultou o
máis doado de recoñecer ao tratarse do planeta no que vivimos.
Nesta
viaxe espacial tamén descubrimos as constelacións, agrupacións de estrelas que
se atopan no Universo como por exemplo a de O CENTAURO -con forma de animal mitolóxico metade home, metade
cabalo-, ou a OSA MAIOR, -con forma
de carro sen rodas-.
Vimos cometas como o HALE-BOOP con forma de lume da que
sobresaen varias colas... fascinante!
Para esta viaxe
espacial, non puidemos atopar mellor pasaporte que os “Bits de Inteligencia”.
Foi tal a
expectación que levantou o uso deste material didáctico, que no tempo adicado
ao debuxo, plasmamos en diferentes días auténticas producións espaciais:
planetas, estrelas, nubes, cometas...
Noutra ocasión, deixamos
voar a nosa imaxinación identificando cores, formas, tamaños e proporcións dos ALIENÍGENAS. Caras verdes, antenas,
ollos e brazos sen control... quedou un corcho galáctico!
Xa no último día,
achegámonos á figura do primeiro home en pisar a lúa, o estadounidense NEIL ARMSTRONG, sen esquecer a VALENTINA TERESHKOVA, primeira muller
en viaxar ao espazo exterior... e mesmo a LAIKA,
o primeiro animal en orbitar a Terra... que interesante!
Agora xa, na
vindeira semana, iremos pechando actividades e tarefas dun 2º trimestre que
rematará o venres 29 de marzo... sprint
final en 3, 2, 1!
Un saúdo e non esquezades que... o
noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!
0 comentarios:
Publicar un comentario