Bienvenido

EXPRESIÓN PLÁSTICA.

viernes, 28 de abril de 2017

Esta semana, metidos de cheo no libro de actividades nº5 no que MUNELA deixa claro que non é unha “lechuga”, reservamos distintos momentos á expresión plástica libre, exenta de modelos e non estereotipada.
Indubidablemente, a expresión plástica xoga un papel indiscutible na etapa que nos ocupa, pois constitúe unha das linguaxes con maiores posibilidades de expresión que, xunto coa educación rítmico, musical, corporal e audiovisual, potencia o desenvolvemento da comunicación non verbal.
A expresión plástica constitúe, polo tanto, unha forma peculiar de comunicar aspectos da nosa vida cotiá, empregando uns elementos, materiais, soportes e técnicas sinxelas, ricas e froitíferas para desenvolver actividades que estimulan e potencian a nosa imaxinación, curiosidade, o pensamento crítico, creativo, a exploración e experimentación, a sensación, percepción...
Así pois, quen máis e quen menos elabora un esbozo completo e cada vez máis coidado do esquema corporal: cabeza con ollos, nariz, boca, orellas e pelo, tamén o pescozo, tronco e extremidades… fantástico!


Ao tempo, completamos máis os nosos debuxos con outros elementos que contribúen a dar unha visión de conxunto: soles, nubes, arcos da vella, herba, flores… non lles falta detalle!
O certo é que esta semana houbo tempo para todo, dende debuxos cunha temática ligada ao centro de interese, a debuxos cunha temática libre onde unicamente debiamos respectar dúas normas: nin debuxos de guerra, nin tampouco repetir elementos xa debuxados noutras ocasións… orixinais!
O que está claro é que cada vez gozamos máis deste tempo de debuxo libre, invertindo un tempo de maior calidade no seu proceso de elaboración, despreocupándose do traballo alleo, empregando para cada cousa un rotulador de cada cor, coloreando ao xeito, sen présa…


E como nos gusta cando reunidos en asamblea descubrimos e ollamos o que debuxou cada compañeiro e compañeira.
Como podedes imaxinar, houbo debuxos de todo tipo e para todos os gustos: carreiras de F1, princesas Disney, superheroes, pequenas-grandes cidades, barcos de pesca, castelos encantados, festas de aniversario, familias zombie e de pantasmas, bonecos de neve… canta vida!,… canta cor!...


Agora xa, a vindeira semana, seguiremos desenvolvendo habilidades comunicativas en diferentes linguaxes e formas de expresión, pero nesta ocasión referida á expresión musical. Será xenial atoparnos cunha das nosas actividades preferidas, favorecendo a escoita activa e atenta, a agudeza auditiva, a audiopercepción, será… algo mÁxIcO!
Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

SEMANA DO LIBRO 2017.

viernes, 21 de abril de 2017

Esta semana, entusiasmados, comezamos o 3º trimestre de 4 anos coa celebración establecida no calendario escolar da Semana do Libro 2017.
Sabedes por que se celebra o “Día do Libro” cada 23 de abril?...
Para celebrar o “Día do Libro” escolleuse o 23 de abril por coincidir co falecemento de grandes escritores universais tales como: Miguel de Cervantes, Garcilaso de la Vega ou o mesmísimo William Shakespeare.
Así, no ano 1995 a UNESCO promulgou o 23 de abril como “Día Internacional do Libro”, aínda que no caso de España xa se viña celebrando dende o ano 1930.

Esta conmemoración non pasou desapercibida na  aula e realizamos diferentes actividades cuxo eixo motivador, unha vez máis, foron os contos.
Comezamos reunidos na zona da asemblea conversando sobre os nosos contos preferidos, dende os máis clásicos como Caperucita Roja, Los 3 cerditos ou El patito feo, ata os máis actuais como: Peppa Pig, Mickey Mouse, Elsa e Anna de Frozen...
Esta interesante conversa, na que a asemblea se convertiu nunha estratexia ideal como lanzadeira de ideas previas, axiña tomou forma de debuxo nunha actividade impresa na que debuxamos os nosos personaxes da literatura infantil preferidos... Mickey & Minnie Mouse os máis recreados!

Asemade, co gallo desta celebración, aproveitamos para descubrir que centro de interese nos depara o libro nº5 de MUNELA que comezaremos a partir da vindeira semana.
Sen perder detalle escoitamos o conto da unidade titulado: Munela no es una lechuga, que nos achegará a algúns espazos significativos da nosa contorna cotiá, permitindo a adquisición e desenvolvemento  progresivo de hábitos de participación responsable e crítica. Sen lugar a dúbidas, converteuse nun conto ben diferente, divertido, rimos a escachar... non rematamos de acostumarnos á voz de MUNELA!... que non é unha “lechuga”!...

Do mesmo xeito, o xoves no hall do noso edificio recibimos a visita de Ana Meilán, unha escritora lucense que desenvolveu con verdadeira paixón, entrega e entusiasmo unha orixinal sesión de contacontos que fixo que non perderamos detalle... O álbume titúlase: Lágrimas bajo la cama (autoedición); unha historia que de sobra coñeciamos e que permite, a través de Simón, o descubrimiento, identificación e respecto de emocións propias e alleas.


Por outra banda, e sabedores das aportacións dos contos no noso proceso de desenvolvemento integral, dende o 2º trimestre participamos na actividade semanal do préstamo de biblioteca no que, cada venres, convertémonos nuns fantásticos contadores de contos... excelente traballo! Porén, que mellor que elaborar uns marcapáxinas de MUNELA para empregar acotío na casa?... Ilusionados co troquelado de MUNELA, coloreamos cara, pelo e cornos, amodo, sen saírnos do contorno e sen deixar ocos, prestando atención ás cores correspondentes de cada parte. Xa por último, pegamos o ollo na parte central e... marcapáxinas listo!...
Pero o mellor de todo chegou hoxe, venres, pois para rematar esta primeira semana de trimestre, e como recompensa a todo o traballo realizado durante estes días -que non foi pouco-, ataviados coa gorra e a mochila, organizamos un improvisado pícnic na zona axardinada do patio. Desta vez si era un pícnic en condicións... canto gozamos!,... que afortunados!
Un saúdo acompañados de lectura e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

BOA PASCUA!...

viernes, 7 de abril de 2017

E tras a conta atrás no calendario, hoxe venres rematamos o 2º trimestre organizando e lembrando algúns dos materiais de MUNELA realizados durante este tempo... familias, preparadas para a sesión de fichas?
Así pois, comezamos con enerxía, restaba traballo dabondo e a primeirísima hora da mañá, na asemblea, repasamos algunhas das actividades desenvoltas durante este trimestre: repasamos, rodeamos e tachamos, debuxamos e coloreamos, escribimos, recortamos, picamos e pegamos...
Neste senso, axiña nos decatamos que parte das aprendizaxes e coñecementos estiveron desenvoltos e canalizados grazas a MUNELA, BERTA e PABLO... canto aprendemos!


En primeiro lugar, a partir do conto nº3: Munela, un monstruo de lo más normal, mergullámonos no mundo da literatura, identificando os valores que transmiten os contos e os usos e funcións da biblioteca escolar e de aula.
Asemade, este centro de interese facilitou o descubrimento, identificación, valoración e respecto das emocións e sentimentos propios e alleos a partir dos nosos personaxes de ficción favoritos: Carapuchiña Vermella, o lobo, a ratiña fachendosa... e como non, Mickey & Minnie Mouse que, indubidablemente, suscitaron múltiples conversas co gallo do antroido.
Por outra banda, a partir do conto nº4: Una peli para Munela, achegámonos ao mundo do cine, teatro e televisión, coñecendo algúns dos seus elementos máis representativos: profesións, accesorios relacionados, espazos para o lecer, normas de uso...
Neste caso, a historia na que descubrimos que a MUNELA o que verdadeiramente lle gustan son as pelis de piratas, permitiunos realizar diferentes inversións nas que nin os malos son tan malos nin os bos tampouco. Que pasaría si Blancanieves fose a traballar onda os enanitos?... E se o Príncipe Azul non quixera casar con Blancanieves?... uf!, unha tolería de historias nas que a nosa imaxinación non concibía tanto disparate... que lío!
ATENCIÓN, familias!!... lembrade traer xa dende o martes 18 de abril a carpeta do 3º trimestre para comezar canto antes a desvelar as intrigas de MUNELA, BERTA e PABLO... non hai tempo que perder!

 

Hoxe venres, polo tanto, tratábase dun día especial, dun día diferente. Por iso, aos poucos, distribuíronse os libros enriba das carpetas, ao tempo que aproveitabamos para ollar as fichas de cada caderno de actividades... que contentos e ilusionados estabamos!


E xa que se trataba dun día especial, que mellor que compartir unha merenda tamén especial, alomenos diferente, pois unha ilusionada STELLA trouxo para compartir co resto da clase uns deliciosos ovos de Pascua en forma de preparado de delicioso biscoito, o que non sabiamos, é que tamén había un ovo de chocolate... canto detalle!... mmm, riquísima Pascua!...



Agora xa, toca descansar sen perder enerxía para o 3º trimestre que nos agarda á volta das vacacións. Será curto no que a tempo se refire, pero intenso en actividade e, aínda que cun ineludible sabor a despedida, contentos por todo o vivido, pecharemos 4 anos como ben se merece... isto promete!
Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

EDUCACIÓN EN VALORES.

viernes, 31 de marzo de 2017

Na redacción dos principios establecidos no actual sistema educativo, ocupa un lugar relevante a transmisión daqueles valores que favorecen a liberdade persoal, a responsabilidade, a cidadanía democrática, a solidariedade, a tolerancia, a igualdade, o respecto e a xustiza, así como aqueles outros valores que axudan a superar calquera tipo de discriminación.
Neste senso, e como xa vos contaramos, o 30 de xaneiro conmemoramos o Día Escolar da Non Violencia e da Paz. Non obstante, isto non quere dicir que este ámbito de acción o limitemos exclusivamente a esta data, pois ao longo de distintos momentos da xornada, traballamos transversalmente elementos da Educación Moral e Cívica e para a Paz.
Sen ir máis lonxe, o momento da asemblea posibilita o traballo desta temática progresando na escoita activa e atenta ao resto do grupo, no respecto de opinións distintas á propia, levantar a man para falar... fenomenal!
Tamén traballamos elementos relacionados con esta temática cando a principio de curso establecemos as normas que rexen a vida da aula ou cando aprendemos formas pacíficas e máis aceptadas socialmente para resolver os conflitos cotiás que forman parte do noso proceso de socialización.
Ademais de todo isto, esta semana redescubrimos a... HEIDI!, pero ollo, porque non se trata da ultra-modernizada-cambiada HEIDI da serie de debuxos en 3D que existe na actualidade, tratábase da HEIDI de toda a vida, da HEIDI que marcou a toda unha xeración... fantástico!


HEIDI, Pedro, Copito de Nieve, Niebla, Clara, Srta. Rottenmeier, Sr. Sesemann... ensinarannos o valor da amizade, determinados valores humanos e o amor cara a natureza, transmitindo parte dos valores, normas, actitudes e condutas desexables na actualidade.


Para comezar, todo un clásico, os capítulos nº 8 e nº9 onde HEIDI ten a PITCHY de mascota. Canto disfrutamos con este episodio e que silenzo encolledor cando de súpeto, descubrimos que PITCHY desaparecera. 


Xa outra semana, un capítulo de CLARA para valorar e respectar a diversidade como un elemento positivo e enriquecedor... cantas queremos ser CLARA!
De sobra sabemos como nos temos que portar en cada momento, que as flores non se arrincan ou que non se poden matar miñocas no patio, que debemos ser amigos sen pelexar nin “chinchar”, que hai que compartir, que temos que traballar sempre ao xeito..., uf!, pero segue custando máis do que debera... coidamos será cuestión de tempo... paciencia...
Asemade, e tomando este fío condutor como alicerce para redecorar o corcho da aula, hoxe venres, coloreamos seguindo o código establecido a HEIDI: de cor rosa, vermella, amarela e carne.


Finalmente, cadaquén debuxou no ceo aquel elemento que considerou: soles, nubes, estrelas, arcos da vella, bolboretas... e corazóns, moitos moitos corazóns... canto amor!


Ah!... E que mellor xeito de terminar esta semana que escribindo palabras bonitas: AMIGA, GUAPA, PRECIOSA, “TE QUIERO”... ben bonito quedou o corcho... HEIDI, es única!

 

Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

PAPOULIÑA, PAPOULA...

viernes, 24 de marzo de 2017

Sabiades que este luns comezamos unha nova estación?... Siii, a primavera xa está aquí!!, e con ela os días serán máis longos e o sol debera quentar con máis intensidade...
As modificacións que se producen no contorno coa chegada dunha nova estación non pasan desapercibidas na nosa aula, e como non podía ser doutro xeito, suscitaron diversas actividades que nos serviron para observar e identificar algúns elementos do inverno e da primavera.
Así pois, a mañá do xoves resultou unha xornada diferente, pois de camiño cara a escola... nevaba!... Loxicamente, durante os momentos iniciais da xornada, este acontecemento suscitou interesantes conversas nas que axiña acordamos que poderiamos facer coa neve: bonecos de neve, batalla de bólas de neve, montar en trineo coma Heidi, esquiar... un montón de cousas!
Nesta xornada marcada pola neve intensa que caía por momentos, non puidemos ter mellor idea que deixar as cortinas abertas... embelesados estabamos cun espectáculo tan xenial!


Tamén aproveitamos para redescubrir a indumentaria propia que precisamos para protexernos do frío, valorando a necesidade de abrigo como medida fortalecedora de saúde para evitar arrefriados, gripes, dores de gorxa…
Por outra banda, co gallo do inicio da primavera, colaboramos onda os nenos e nenas de 3 e 5 anos na decoración do corcho da entrada, recreando un arco da vella que, no canto de ter as súas correspondentes cores, tiñan unhas flores colorín coloradas, -no noso caso, con series de dúas cores-, que axiña ensinamos ás nosas familias no momento da entrada... que ilusión!




Esta actividade, ao tempo, serviunos para lembrar algunhas necesidades básicas das plantas: luz, auga e terra, entre outras, concienciándonos da importancia de non arrincar as flores da zona axardinada do patio, de non pisar o horto...
Neste senso, como vén sendo decote neste 2º trimestre, esta semana tivemos a visita da “profe do horto” que, por si quedara algunha dúbida, concienciounos se cabe aínda máis da necesidade de coidar as plantas da nosa contorna, incidindo no traballo transversal da Educación Ambiental.
Nestas sesións quincenais de horto, subdivididos en dous grupos, habitualmente acudimos á horta establecida nun lateral do patio, pero esta semana como o tempo non o permitía, desenvolvemos na aula un obradoiro no que mentres uns traballabamos nunha actividade impresa alusiva ao tema, outros plantabamos unha legume... nun algodón?


Agora xa, observando, preguntando, formulando hipóteses, experimentando, extraendo conclusións,... comprobaremos nas asembleas se verdadeiramente dun algodón nace ou non unha planta... a ver que pasa!


E para rematar, mentres escoitabamos a Primavera de Vivaldi, que mellor que recrear cadansúa primavera nuns debuxos con flores, bolboretas, abellas, árbores, paxaros, soles, nubes e, sobre todo... arcos da vella!... cantos arcos da vella!... 


MAURO!, coidamos que non foi unha boa idea proxectar no Encerado Dixital Interactivo (E.D.I.) o arco da vella...

 

Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!