Sabiades que este
luns comezamos unha nova estación?... Siii,
a primavera xa está aquí!!, e con ela os días serán máis longos e o sol debera
quentar con máis intensidade...
As modificacións
que se producen no contorno coa chegada dunha nova estación non pasan
desapercibidas na nosa aula, e como non podía ser doutro xeito, suscitaron
diversas actividades que nos serviron para observar e identificar algúns
elementos do inverno e da primavera.
Así pois, a mañá do xoves resultou unha xornada diferente, pois de camiño
cara a escola... nevaba!... Loxicamente, durante os momentos iniciais da
xornada, este acontecemento suscitou interesantes conversas nas que axiña
acordamos que poderiamos facer coa neve: bonecos de neve, batalla de bólas de
neve, montar en trineo coma Heidi, esquiar... un montón de cousas!
Nesta xornada
marcada pola neve intensa que caía por momentos, non puidemos ter mellor idea
que deixar as cortinas abertas... embelesados estabamos cun espectáculo tan
xenial!
Tamén
aproveitamos para redescubrir a indumentaria propia
que precisamos para protexernos do frío, valorando a necesidade de abrigo como
medida fortalecedora de saúde para evitar arrefriados, gripes, dores de gorxa…
Por outra banda, co gallo do inicio da primavera, colaboramos onda os nenos
e nenas de 3 e 5 anos na decoración do corcho da entrada, recreando un arco da
vella que, no canto de ter as súas correspondentes cores, tiñan unhas flores colorín
coloradas, -no noso caso, con series de dúas cores-, que axiña ensinamos ás
nosas familias no momento da entrada... que ilusión!
Esta actividade, ao tempo, serviunos para lembrar algunhas necesidades
básicas das plantas: luz, auga e terra, entre outras, concienciándonos da
importancia de non arrincar as flores da zona axardinada do patio, de non pisar
o horto...
Neste senso, como vén sendo decote neste 2º trimestre, esta semana tivemos
a visita da “profe do horto” que, por si quedara algunha dúbida, concienciounos
se cabe aínda máis da necesidade de coidar as plantas da nosa contorna, incidindo
no traballo transversal da Educación Ambiental.
Nestas sesións quincenais de horto, subdivididos en dous grupos,
habitualmente acudimos á horta establecida nun lateral do patio, pero esta semana
como o tempo non o permitía, desenvolvemos na aula un obradoiro no que mentres
uns traballabamos nunha actividade impresa alusiva ao tema, outros plantabamos
unha legume... nun algodón?
Agora xa, observando, preguntando, formulando hipóteses, experimentando,
extraendo conclusións,... comprobaremos nas asembleas se verdadeiramente dun
algodón nace ou non unha planta... a ver que pasa!
E para rematar, mentres escoitabamos a Primavera
de Vivaldi, que mellor que recrear cadansúa primavera nuns debuxos con flores,
bolboretas, abellas, árbores, paxaros, soles, nubes e, sobre todo... arcos da
vella!... cantos arcos da vella!...
MAURO!, coidamos que non foi unha boa idea
proxectar no Encerado Dixital Interactivo (E.D.I.) o arco da vella...
Un saúdo e
non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!
0 comentarios:
Publicar un comentario