Bienvenido

ARDE LVCVS MMXVII.

viernes, 23 de junio de 2017

Ilusionados, antes de pechar o curso, reservamos uns días desta semana para traballar unha das celebracións organizadas cada mes de xuño na nosa cidade, siii... o Arde Lvcvs xa está aquí!
O Arde Lvcvs, comezou a súa andadura no ano MMII ligado ao solsticio de verán cun obxectivo primordial: rememorar a fundación da nosa cidade recreando o seu pasado romano.
Así pois, hai xa uns días, o casco histórico amurallado comezou a transformarse en Lvcvs Augusti, destacada urbe da Gallaecia romana, para ofrecer aos visitantes do 30 ao 1 de xullo un completo programa de actividades.
Neste senso, cunha motivación extra pois quen máis e quen menos xa viviu o Arde Lvcvs de anteriores edicións, e coa axuda do Encerado Dixital Interactivo (E.D.I.), revivimos algúns dos actos máis emblemáticos desta celebración como o desfile das distintas asociacións pola Ronda da Muralla, identificando lugares próximos á nosa casa.


Asemade, como non podía ser doutro xeito, convertidos nuns auténticos deseñadores de traxes e vestidos, descubrimos como durante estes días, as caracterizacións da cultura romana e castrexa serán o eixo principal.
Lugo converterase nun esceario perfecto para revivir o noso pasado a través dos personaxes da época como os druidas, guerreiros, lexionarios, patricios, sacerdotisas, escravos, emperadores...
Uf!... despois de ver tanto personaxe e tanta indumentaria concentrada, non resultou doado recrear o noso disfrace ideal... había tanto onde escoller!...
Do que nos decatamos foi que tanto homes como mulleres levan saia-vestido, non pantalón, algo que teriamos en conta na recreación dos debuxos.
Os resultados desta pequena secuencia didáctica de aprendizaxe co gallo da celebración que terá lugar na nosa cidade nos vindeiros días, materializáronse nuns debuxos aos que non lles faltan detalle... cantas cores!... romanos con e sen capa!... de longo e de curto!... con coroas!...


Indubidablemente, os romanos gañan aos castrexos nas recreacións elaboradas, quedaron uns romanos e, sobre todo unhas romanas versión 2.0. con tacóns, bolsos, maquillaxe, ombros ao aire... etc... únicas!...
Que corcho lateral tan bonito, así que non dubidamos en reubicar estes debuxos no corcho central da aula unha vez repartidas as letras das nosas fotografías, quedando de testemuña na que en setembro será xa a nosa aula de 5 anos... estupendo!


Destacar que este curso, a ANPA do noso centro puxo en marcha no seu momento un banco de vestimentas para que todos os nenos e nenas participen no desfile dos diferentes colexios da cidade o domingo 2 de xuño ás 11 horas da mañá, antes de acudir a unha nova experiencia do Circo Romano que terá lugar ás 18 horas... fantástico!Agora xa, antes de que o noso blogue tome un respiro para o vindeiro curso, seguide moi atentos porque despedirase dos nenos e nenas de 4 ANOS e das súas familias como ben o merecen, antes, toca disfrutar a estrea do recoñecemento do Arde Lvcvs como Festa de Interese Turístico Nacional... preparados!...


Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

CON LEDICIA E ILUSIÓN!

viernes, 16 de junio de 2017

A piques de rematar o curso e de iniciar as vacacións de verán, estes días viaxamos a lugares tan dispares coma París, a India e mesmo China; tan só precisamos deixar voar a imaxinación e os mellores pasaportes de viaxeen forma de Bits de Intelixencia.
Coa incorporación desta nova rutina á parrilla de clase, coñecemos, comprendemos, apreciamos e valoramos criticamente diferentes manifestacións culturais e artísticas que promoven un xuízo crítico e creativo da realidade próxima.
Para comezar, partimos do MUSEO GUGGENHEIM de Bilbao e de A ALHAMBRA de Granada, ambos sitos en España.


Interesantes achegas supuxeron as imaxes da TORRE EIFFEL de París (Francia) e a PIRÁMIDE DE KUKULKÁN de Chitchen Itza (México)... altas, altísimas, menudas torres!...


Tamén descubrimos que o TAJ MAHAL de Agra (India) non é unha igrexa como pensabamos, senón un dos maiores centros turísticos deste país e unha das marabillas do mundo... case nada!


E que na GRAN MURALLA CHINA non poden ir coches, autobuses, motos de carreiras..., por moito que pareza unha pista de Fórmula 1!...


Neste senso, destacamos tamén a MURALLA ROMANA de Lugo, declarada Patrimonio da Humanidade pola UNESCO no ano 2000 e irmandada dende o ano 2007 coa GRAN MURALLA CHINA... fantástico!


A imaxe que máis expectación e curiosidade suscitou, foi a da PONTE DOS SUSPIROS de Venecia (Italia) que no canto de estradas e beirarrúas, vimos que Venecia está asolagada de auga:  auga por todas partes.


Como actividade final, dispuxemos os bits de intelixencia no encerado para que cadaquén recrease aquel lugar que lle gustaría visitar estas vacacións. 


Non sabemos si foi pola sinxeleza das súas liñas, polas cores facilmente distinguibles ou polas formas planas que agochan, pero a TORRE EIFFEL de París e a PIRÁMIDE DE KUKULKÁN de México foron as máis representadas, só algún valente se animou a representar o TAJ MAHAL da India ou A ALHAMBRA de Granada.


Por outra banda, esta semana tamén aproveitamos para pechar actividades tales como a do horto e as actividades impresas de “archivar”. O cadro que levamos para a casa e así non esquecer á nosa mascota de 4 ANOS quedou... xenial!


Así pois, o mércores, xusto despois da asemblea, fomos coa profe de HORTO ESCOLAR recoller os produtos plantados durante o 2º e 3º trimestre.


Este curso cunha periodicidade quincenal, cada mércores plantamos: fabas, leitugas, repolos, chícharos, cebolas, allos e cabazas, ao tempo que pintabamos cada alimento no caderniño do horto que ilusionados levamos para as nosas casas. Pois ben, lonxe de ter unha extensa colleita, unicamente levamos uns cantos chícharos e cebolas, xa que os paxaros e demais insectos, fixeron das súas e acabaron con todo... que mágoa!


Tamén pintamos MANDALAS, representacións gráficas que redescubrimos en forma de actividade impresa na que pintamos con rotuladores: círculos, cadrados, óvalos, estrelas, flores... converténdose nun orixinal mecanismo co que relaxarnos a través das súas cores e formas.


O truco deste fantástico exercicio co que combater o estres é non repetir a mesma cor en celdas contiguas, ningún problema para nós pois... somos expertos en series de cores!... estupendos resultados!...


E para rematar... foron moitas as semanas nas que botamos a conta para ver cando rematariamos coa visita de MUNELA, pois por fin chegou unha vez máis a semana de CARLOTA, encargada de pechar esta actividade coa que poñeremos o punto e final a esta andadura de 4 ANOS chea de vivencias, experiencias, descubrimentos e aprendizaxes... que ilusión!


Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

RATONCITO PÉREZ.

viernes, 9 de junio de 2017

O paso do tempo é unha realidade e a máis dun e dunha... comezaron a caérselle os seus primeiros dentes!...
Xa vos contaramos a semana pasada que o venres cando estabamos no momento do traballo obrigatorio individual, a SARA, caéuselle un dente, unha situación que propiciou nas asembleas matinais conversas diversas especialmente relacionadas co Ratoncito Pérez.
O Ratoncito Pérez, é e será un dos personaxes fantásticos máis populares na vida dos nenos e nenas de todos os tempos. Recollendo cada noite os dentes de leite caídos e cambiándoos por diferentes agasallos.
Pero... sabedes como o Ratoncito Pérez comezou esta costume?... Coa lectura do conto titulado: El Ratoncito Pérez (Edit. Susaeta), descubrimos o motivo que orixinou esta estraña e divertida costume, concedéndolle a este personaxe un toque se cabe aínda máis máxico.


Como pode un ratiño tan pequeno cos agasallos?... Como entra nas casas?... Como é capaz de deixar os agasallos debaixo da almofada ou da cama sen espertarnos?...
A estas, e a outras cuestións, intentamos dar resposta durante esta semana, realizando, a partir da lectura do devandito conto debuxos varios que amosan a evolución no que a expresión plástica se refire... a festa co batido de amorodo e as escaleras da casa de Blas foron a escena máis recreada!


Asemade, aproveitando este acontecemento inesperado, decidimos achegarnos á Educación para a Saúde, nesta ocasión centrada nos hábitos de hixiene bucodental necesarios para ter o sorriso máis bonito do mundo.


Así, ANDREA durante a semana trouxo o conto en edición bilíngue de Manuela en el dentista (Edit. Buchmann) onde descubrimos como a visita ao dentista pode ser unha emocionante aventura na que a protagonista semella unha astronauta intergaláctica... case nada!


Tras a lectura do conto, desenvolvemos actividades de comprensión lectora para clarificar os feitos acontecidos e ao tempo realizamos unha transposición do relato a situacións vividas. As aventuras e desventuras persoais na consulta do dentista non tardaron en aparecer e, aparentemente, fomos todos e todas moi valentes... claro que si!
Agora xa, a vindeira semana, compilaremos todos os traballos realizados durante o curso, ademais de decidir onde nos gustaría ir de vacacións e gozar dun merecido tempo de descanso e diversión en familia. De seguro que os bits de intelixencia que estamos traballando como actividades de peche, ofrecerannos algún destino interesante que visitar...que mundo de marabillas!


Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

ACTIVIDADES DE PECHE.

viernes, 2 de junio de 2017

Tras estes días irregulares no que a publicación semanal de entrada no noso blogue se refire, subsanados os problemas coas TICs e cun chisquiño de retraso, contarémosvos que co inminente final de curso, non queda outra que ir pechando algunhas das actividades desenvoltas durante todo este tempo.
Así pois, aproveitando que esta semana foi a quenda de CARLOTA, -a última do panel de rutinas-, pechamos a actividade do préstamo de biblioteca.
Esta rutina, serviunos para ilusionarnos cun ambiente propicio á lectura no ámbito escolar e familiar, e grazas ao traballo desenvolto semanalmente protagonizamos diversas sesións de contacontos onde, máis que nunca, convertémonos nos protagonistas indiscutibles da asemblea.


Foron moitos os contos lidos: o dos esqueletes, de Dora, Caillou, Peppa Pig, Trolls, Raio MacQueen...etc A pesar da consabida adquisición de técnicas instrumentais desenvoltas a partir desta actividade, o mellor de todo foi comprobar como xa, na segunda rolda, quen máis e quen menos se soltaba na lectura do conto, erguendo o ton de voz, ollando ao resto do grupo e ensinando ao tempo cada páxina que servía de fío condutor do relato argumental.
Como comentabamos, esta semana CARLOTA puxo o punto e final do préstamo de 4 ANOS e o conto escollido non podía ser outro que Chumba la cachumba (Colección Clave de Sol), o mesmo título co que no seu momento SERGIO comezara esta actividade alá polo mes de xaneiro.


Con esta e outras sesións de contacontos, escoitamos con atención o relato para non perder detalle, observamos e prestamos atención ás imaxes, non molestamos aos demais, sentamos correctamente... cada vez mellor!... cantos abrazos grupais recibimos!...


Agora xa, nas vindeiras semanas seguiremos con máis actividades de peche como por exemplo a da visita de MUNELA... devecemos por ver rematado o libro!... E de novo, nesta ocasión, voltará ser CARLOTA a encargada de pechar esta actividade que tan gratos momentos nos fixo pasar onda as nosas familias.
Coa vosa guía e supervisión está quedando unha compilación de traballos e fotografías fantástica que unha vez integrada no rincón de biblioteca, ollaremos unha e outra vez... sabémolo xa de memoria de tanto que o repasamos!
E sen decatarnos, xusto no final da semana, un feito inesperado converterase nos próximos días nunha situación excepcional coa que descubrir, identificar e valorar a adquisición de hábitos de hixiene persoal a través do correcto cepillado dos dentes coa axuda inestimable do personaxe fantástico do Ratoncito Pérez... a SARA caeulle un dente mentres traballabamos!... que afortunada!...

 

Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!