Ao longo desta semana, o noso centro participou, igual que o curso pasado, no “Plan de Consumo de Froita nas Escolas” unha inciativa promovida coa axuda financieira da Comunidade Europea e do Fondo Galego de Garantía Agraria... Que quere dicir isto? Moi atentos...Durante varias semanas alternas non teremos que traer a merenda ao cole, xa que procederase á distribución de froita a todo o alumnado do centro. A distribución realizarase na hora do recreo e a froita obxecto de distribución esta semana foi: mazá o luns, o martes mandarina, o mércores plátano, o xoves pera e, de novo, o venres mazá.
O certo é que apenas apareceron reticencias entre nós á hora de comer a froita que tocaba cada día e, entusiasmados coa inciativa, quen máis e quen menos pedía outro anaco... estaban deliciooooosas!!!
Esta iniciativa permitiunos establecer múltiples relacións coa Educación para a Saúde, un eixo transversal que pretende fomentar a adquisición de hábitos de saúde adecuados referidos á alimentación, hixiene e descanso.
Todo isto non é algo novo para nós, pois no noso centro e, especialmente na Educación Infantil, considérase a alimentación saudable como un dos alicerces para conseguir unha boa calidade de vida, convertíndose nun dos espazos máis favorables para que os nenos e nenas adquiran e incorporen condutas saudables dende pequenos e pequenas.
Deste xeito, temos un horario de almorzo saudable no que a cada día lle corresponde un alimento diferente: luns-lácteos, martes-peza de froita do tempo, mércores-bocadillo de embutido, xoves-galletas básicas, cereais ou froitos secos e, os venres o que máis nos gusta de toda a semana.
Sen lugar a dúbidas, experiencias como esta, propician un cúmulo de situacións que promoven a adquisición de hábitos que promoven un estilo de vida saudable, pois aqueles alimentos que, nun principio non estabamos acostumados a comer, agora, co paso dos días, descubrimos que están de rechupete, algo imposible de acadar sen a inestimable colaboración das familias, coma sempre... mil millóns de grazas!
Como vedes, unha semana repleta de experiencias e aprendizaxes na que aprendimos, dunha maneira amena e desenfada, contidos de vital importancia que contribúen ao desenvolvemento de hábitos e actitudes que facilitan sistemas de vida saudables.
Seguide moi atentos ao noso blog, xa que o luns comezaremos a disfrutar da semana máis solidaria do curso...








