“O
día do aniversario, Marcel invitou a Tristán a merendar na súa casa.
-
Felicidades! - dixo Tristán ao ver ao seu amigo, e deulle un pequeno paquete.
Marcel
abriu o agasallo e preguntou: - Isto que é?
-
Sobroume das cortinas da cociña - explicou Tristán.
- Gústache?
- Prefería mellor unha buxaina
pero...”
Extracto
do conto: Un agasallo diferente.
Edit. Kalandraka.
Un
dos acontecementos sociais das nosas vidas é o aniversario con todo o que
conleva: preparación da festa, agasallos, cumprir anos...
Así
pois, á volta das vacacións do Nadal, nunha das primeiras asembleas
matinais do ano, colocamos a tarta de 5 anos logo de retirar a tarta de 3 anos
que quedara baleira cos aniversarios de decembro de BELTRÁN, NABIA, VALERIA,
ALICIA e SIRA.
Agora xa,
tocaba poñer as fotografías na recén estreada tarta de 5 anos que, no mes de
xaneiro JUAN e MARTÍN F. estrearon entusiasmados, nunha celebración que nos
serviu para incorporar novos ritos a esta rutina mensual.
Coma
decote, nesta primeira celebración de 5 anos, seguimos o ritual establecido
dende o curso pasado: cambiamos a foto, cantamos cancións alusivas e...
estreamos a coroa de 5 anos!
Uf!, e non vexades o rápido que segue avanzando este curso
que, sen decatarnos, e debido a que febreiro é o mes máis curto do ano, esta
mesma semana foi a quenda de ANXO, PABLO A. e LUCÍA que, por si se esquecían,
axiña acordaron marcar con rotulador fluorescente de cor amarela no calendario
do panel de rutinas o día da celebración no cole... así si!
Como vedes, as pequenas cousas contan cunha
significatividade especial na nosa aula convertíndose en alicerces excepcionais
que nos fan cada día máis maiores, axudándonos a comprender o noso pequeno-gran
mundo.
Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se
alimentará dos vosos comentarios!
1 comentarios:
Parabens os cumpleañeros. Q ben o pasan
Publicar un comentario